Irimia
Asociación civil de carácter cristiá-galeguista que naceu en 1979 arredor da Primeira Romaxe de Crentes Galegos, celebrada en 1978 no Pedregal de Irimia, (Meira). Creada para reflexionar sobre a Igrexa galega despois do Concilio Vaticano II, ten como obxectivo unir a fe cristiá e a tradición galega, a relixiosidade e as crenzas tradicionais. Pretenden unha promoción da cultura e da espiritualidade galego-cristiá desde unha prespectiva cristiá e progresista, a través dun proxecto aberto e integrador para a Igrexa en Galicia. É un movemento solidario cos máis débiles e asoballados e en diálogo creativo con calquera persoa ou colectivo comprometidos neses mesmos valores. Creou a revista Irimia (1981); a colección Angueira, sobre temas de igrexa e galeguidade; participa no labor educativo desde Escola Alento de Formadores para o Tempo Libre, organiza cursos a través de Cruzeiros, xuntanzas, como a da Festa do Lume, o dous de febreiro, que lles serven como foro de reflexión e debate.