Irixoa
Concello da comarca de Betanzos, situado na provincia da Coruña no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Monfero (comarca de Eume) e Vilarmaior, ao S cos de Aranga e Coirós, ao L cos de Monfero e Aranga e ao O co de Paderne. Abrangue unha superficie de 68,62 km 2 cunha poboación de 1.562 h (2007), distribuídos nas parroquias de Ambroa, Churío, Coruxou, Irixoa, Mántaras, Verís e A Viña. A súa capital é O Pazo de Irixoa, situado na parroquia de Irixoa, a 43° 16’ de latitude N e 8° 3’ de lonxitude O, 71 km ao NL de Santiago de Compostela e 36 km ao L da Coruña. Está adscrito ao partido xudicial de Betanzos e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello de Irixoa atópase baixo o dominio climático oceánico húmido, expostoao ventos húmidos procedentes do océano, tanto do NO e N como do SO e O, debido á ausencia de calquera relevo que se interpoña desde o litoral. As precipitacións son abundantes, 1.700 mm de media anual. O réxime pluviométrico amosa unha relativa seca estival, pois nesa estación tan só Se recolle o 12% da precipitación anual. Pola contra, o inverno e o outono resultan máis chuviosos e rexistran, respectivamente o 35% e o 32% das precipitacións totais do ano, mentres que, pola súa banda, a primavera adopta un papel de estación de transición pluviométrica co 21% das chuvias do ano, que se distribúen ao longo dunhas 140 xornadas. A temperatura media anual é baixa en relación ao Litoral e queda en 11,8°C. Tamén son máis baixas as temperaturas medias do mes máis frío, xaneiro, con 7,1°C e a do mes máis cálido, xullo, cando se rexistran 17,3°C. O risco de xeadas é bastante alto durante os meses invernais. Topograficamente, o concello de Irixoa caracterízase por ocupar o interfluvio entre as concas dos ríos Mandeo (que lle serve de límite meridional) e Lambre (ao N), cun relevo chan, de poucos contrastes, cunha altitude que se sitúa entre 375 e 475 m. As maiores elevacións localízanse ao L, en Verís (montes Estrigueiras, de 475 m; e Pando, de 461 m), onde comezan os contrafortes da serra da Loba. Ademais dos ríos citados destaca o Zarzo, afluente do Mandeo, que drena o concello de L a O.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada polo concello de Irixoa ao longo do s XX levouno a perder máis da metade da súa poboación, que era de 3.561 h en 1900. Despois dun primeiro período no que rexistrou unha mingua do -0,3% de media anual, o concello viviu un intervalo de crecemento que se prolongou entre 1910-1940. Nestas décadas medrou a un ritmo medio do 0,5% anual, de feito no último ano (1940) acadou o seu máximo histórico, con 3.944 h. Este crecemento estivo motivado pola crise económica internacional de finais dos anos vinte e comezos dos trinta, así como pola Guerra Civil, circunstancias ambas que impediron a saída de emigrantes cara ao exterior e que incidiron nun estancamento no desenvolvemento das urbes próximas, que non ofrecían traballo. Na década de 1940 comezou un declive que se converteu en tendencia constante. Esta continua perda de habitantes estivo propiciada en boa medida pola atracción que volveron exercer os núcleos urbanos próximos (Ferrol e A Coruña). Entre 1960 e 1981 o ritmo anual de descenso foi do 1,16%. Xa no s XXI a poboación diminui un -5,61% entre 2001 e 2007. Froito desta evolución negativa é unha estrutura por idades que reflicte un elevado grao de avellentamento: tan só o 10% dos residentes no concello son menores de 20 anos, mentres que case que o 35% da poboación é maior de 65 anos; o gru po intermedio representa o 55%. Isto produce un crecemento natural (2206) de signo negativo (-11,6‰), consecuencia dunha natalidade moi baixa (2,9‰) e unha mortalidade elevada (14,5‰).
A distribución por sexos está equilibrada: 50,38% de mulleres e 49,16% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Irixoa é do 41,3% (52,6% a masculina e 30,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 36,7% (46,3% a masculina e 27,3% a feminina) e a taxa de paro é do 11,1% (11,9% a masculina e 9,8% a feminina). O sector primario dá emprego ao 38,1% da poboación ocupada. As explotacións dedícanse fundamentalmente á cría de gando bovino de orientación láctea. Ao redor do 30% da superficie do concello está dedicada a pastos, mentres que só o 6% se dedica a cultivos, entre os que predominan as patacas, o millo e as hortalizas, que na maior parte dos casos se destinan ao autoconsumo. O aproveitamento forestal do monte é moi notable, pois a superficie arborada é o 57% da total, maioritariamente plantacións de piñeiros e eucaliptos. O sector terciario é acolle ao 36,3% da poboación ocupada residente no concello, sen embargo, o seu desenvolvemento é mínimo, pois o concello non posúe ningún núcleo con características urbanas, de xeito que este predominio dos servizos na ocupación se explica pola proximidade das cidades de Betanzos, A Coruña e Ferrol, ás que se desprazan diariamente moitos veciños para desenvolver a súa actividade laboral. Nestas circunstancias, pódese considerar que a principal actividade produtiva no concello é a agropecuaria. Na industria acontece o mesmo que no sector terciario; moitos dos traballadores adscritos a este sector (15,9%) trasládanse a traballar ás industrias dos núcleos urbanos próximos. Os serradoiros son os únicos establecementos destacables. Na construción acontece o mesmo que na industria e nos servizos co 9,7% da poboación ocupada. As principais vías de comunicación son a estrada AC-640, que comunica a capital municipal con Betanzos, e a estrada local AC-153, que leva a Curtis.
Historia
Os vestixios máis antigos do poboamento pertencen á cultura megalítica, da que se conservan as mámoas da Torre (Ambroa) e Mántaras. Do período castrexo atópanse os castros do Casal do Mouro e da Graña en Ambroa, e de Castelo e Longra en Mántaras. A aldea de Lambre (Ambroa) foi identificada por algúns historiadores como a cidade de Lámbrica, citada nas descricións de Pomponio Mela e Ptolomeo. Desde a Idade Media as terras do concello pertenceron á xurisdición de Pruzos, exercida polo conde de Lemos, e que abranguía desde o río Lambre ao Mandeo, ademais das parroquias de Paderne e Agramonte. O conde de Lemos nomeaba o xuíz que exercía a xustiza desde o pazo de Irixoa, construción que logo se converteu na casa do concello. O concello xurdiu en 1821, ratificándose nas posteriores divisións municipais, sen sufrir xa ningunha modificación territorial desde a de 1836.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos megalíticos e castrexos mencionados, cómpre destacar a igrexa de Churío, con vestixios da época sueva, destacando unha cruz da que penden unha alfa e unha omega, cunha inscrición que se refire a san Martiño Dumiense; a capela de San Cosme de Mántaras, románica do s XII, na que destacan o tímpano da porta principal e o arco triunfal do interior; e a igrexa de Santa María de Verís, con restos románicos pero moi transformada. Do seu patrimonio natural destaca o espazo Betanzos-Mandeo, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Ademais das festas parroquiais, cómpre destacar as romarías de San Cosme e Santo Antón en Mántaras, no mes de setembro, e a Feira da Árbore e Exaltación da Natureza, no mes de xuño.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Betanzos |
| Extensión | 68 Km2 |
| Poboación Total | 1562 h |
| Poboación Homes | 775 h |
| Poboación Mulleres | 787 h |
| Densidade de poboación | 22.97 h/Km2 |