Irlanda

Irlanda
Nome científico: [República de Irlanda; irlandés: Poblacht Na h’Éireann]

Estado de Europa Occidental que ocupa a maior parte da illa homónima (70.273 km2; 3.828.000 h [2001]). A súa capital é Dublín.
Xeografía económica
O ingreso do país na Comunidade Económica Europea en 1973 significou un punto de inflexión na súa estrutura económica, que ata esa data se caracterizaba polo predominio do sector agropecuario, que proporcionaba a maior parte do emprego malia permanecer, en gran parte, sumido en condicións precapitalistas. As condicións climáticas impoñen un predominio dos cultivos pratenses, que ocupan máis de dúas terceiras partes da supericie agraria útil, o que favorece a orientación das explotacións cara á produción gandeira. O censo gandeiro é moi elevado e triplica á poboación humana. Destacan os armentíos bovino, ovino e porcino. O cooperativismo está moi estendido, especialmente para a produción leiteira. Ademais, cultívase millo, patacas, remolacha azucreira, hortalizas e maceiras. A pesca marítima baséase na explotación dos caladoiros do SO, o denominado Box Irlandés do Gran Sol. Polo que respecta á minería, a turba é o principal recurso enerxético nacional, e emprégase para a produción termoeléctrica e para a calefacción, malia o seu escaso poder calorífico. Pola contra, hai importantes recursos metalíferos: as minas de cinc e chumbo de Uaimh son as máis importantes de Europa. Tamén se extrae cinc, chumbo e prata en Tynagh, Sléibhte an Airgid e Gortdrum. A industria tradicional, dedicada á transformación das materias primas locais, amosa unha forte concentración do seu capital: destacan as destilerías de whisky, as fábricas de cervexa, cárnicos, lácteos e os fiados e tecidos de la e liño. Desde 1959 promoveuse o investimento estranxeiro e moitas multinacionais instaláronse no país. De capital estranxeiro son as empresas de tecnoloxía punta, metalúrxica, electrónica, informática, química e óptica, que transformaron a fisionomía industrial do país e incrementaron a poboación activa. O ingreso na CEE contribuíu a este proceso, pois, ao ser o estado membro menos desenvolvido no momento da súa incorporación, viuse favorecido polos incentivos e investimentos do Fondo Rexional Comunitario. As grandes áreas industriais localízanse na periferia de Dublín e Corcaigh. A súa balanza comercial é favorable porque as importacións (maquinaria e equipos de transporte, produtos químicos e petróleo, fundamentalmente procedentes de Reino Unido, EE UU, Alemaña e Xapón) son menores ca as exportacións (maquinaria, equipos de transporte e produtos alimentarios a Alemaña, Reino Unido, EE UU e Francia).
Xeografía humana
Irlanda é un dos países menos poboados de Europa. As áreas con menos poboación localízanse ao O do río Ant-Sionna, a rexión máis deprimida do país. Tradicionalmente o crecemento demográfico foi negativo, pero a partir de 1960 o signo mudou e comezou a aumentar a gran ritmo, grazas a un elevado crecemento natural e o retorno de emigrantes como consecuencia directa da afluencia de investimentos estranxeiros logo do ingreso na CEE en 1973. O 59% da poboación reside en núcleos urbanos.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A maior parte da poboación é irlandesa (96,9%), seguida dos ingleses (1,8%), estadounidenses (0,3%) e de grupos minoritarios (1%). A lingua oficial é o irlandés, aínda que o seu uso é restrinxido; a lingua maioritaria é o inglés, que tamén é oficial. O catolicismo, relixión oficial do estado, practícano o 91,5% dos irlandeses, mentres que un 4% é de obediencia anglicana. O ensino é obrigatorio desde os 6 ata os 15 anos. A educación primaria é obrigatoria e a secundaria divídese en diversos itinerarios. Conta con catro universidades: Dublín, Cook, Galway e Luimneach.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano situaba a Irlanda entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 18º posto cun índice do 0,916). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 73 anos para os homes e de 78 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 99% da pobación; o índice   bruto de escolaridade é do 91%; e o PNB por habitante é de 29.866 $ EE UU.
Goberno e política
Segundo a Constitución de 1937, Irlanda é un estado democrático soberano e independente. Converteuse nunha república en 1949, cando rompeu lazos coa Commonwealth. O xefe de estado é o presidente, elixido para un período de sete anos por votación directa. O poder executivo reside nun gabinete formado por 15 membros, responsable ante a Dáil Éireann. O primeiro ministro é o xefe do goberno, nomeado polo presidente despois da súa nominación pola Dáil Éireann. O poder lexislativo reside no Tithe an Oireachtas, un Parlamento bicameral. O Dáil Éireann, ou cámara baixa, conta con 166 membros elixidos directamente por representación proporcional para un período de cinco anos. A Seanad Éireann, ou cámara alta, ten 60 membros: 11 elixidos polo primeiro ministro, 6 elixidos por personalidades universitarias e 43 escollidos nun colexio electoral duns 900 membros en representación dos gobernos locais. A autoridade xudicial reside no Tribunal Supremo, no Tribunal de Apelación Penal ou Criminal e nos distintos tribunais de condado e distrito. O sistema legal baséase na common law inglesa, modificada por normas locais. Non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza. O sistema de representación proporcional polo que se elixen os membros do Dáil Éireann fai que resulte improbable que un único partido acade a maioría absoluta. Os principais partidos son: Fianna Fáil (FF, Soldados do Destino) conservadores populistas; Fine Gael (FG, Partido Unido de Irlanda) democratacristián; Dan Pairtí Daonlathach (Partido Progresista Democrático) liberais; Páirti Lucht Oibre (Partido Laborista); Comhaontas Glas (Alianza Verde) ecoloxistas; e o Sinn Féin (SF, Nós sós). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Banco Europeo para a Reconstrución e o Desenvolvemento (EBRD); Consello de Europa; Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE); Organización para a Seguridade e a Cooperación Europea (OSCE); Unión Europea (UE) e ONU.
Historia

A declaración de independencia de Irlanda
Polo Tratado de Paz de 1921 o goberno británico recoñeceu a existencia do Irish Free State (Estado Libre de Irlanda) que aglutinaba os condados do S, de maioría católica, pero continuou sometido ao   monarca británico; o N da illa, maioritariamente protestante, permaneceu ligado ao Reino Unido. Os nacionalistas republicanos escindíronse, e unha parte do Irish Republican Army (IRA) integrouse no exército regular do Irish Free State, mentres outro grupo continuou a loita. Eamon De Valera, líder da loita pola independencia total e a reunificación da illa, foi elixido primeiro ministro á fronte do Fianna Fáil (FF), partido sucesor do SF, nas eleccións de 1933. Desde o seu cargo, De Valera cortou, aos poucos, os vínculos de Irlanda co Reino Unido e en 1937 aprobouse unha nova constitución que confirmou a independencia do país, co nome de Éire. A contrapartida desta consolidación dos avances independentistas foi a renuncia práctica á reunificación da illa e, así, en 1939, o IRA foi declarado ilegal. A comezos da Segunda Guerra Mundial (1939), De Valera declarou a Éire neutral, malia que seguía pertencendo á Commonwealth. Londres respectou a súa neutralidade a cambio de recibir as súas subministracións de alimentos.
A República de Irlanda
En 1948 formouse un goberno de coalición presidido polo conservador John A. Costello, que proclamou formalmente a República de Irlanda o 17 de abril de 1949 e deixou de recoñecer a monarquía británica. Durante a década de 1950 conservadores e republicanos alternáronse no goberno e en 1959 o vello líder De Valera foi nomeado presidente da República e permaneceu no cargo ata 1973, mentres que Sean F. Lemass se converteu en xefe de goberno. O vello nacionalismo republicano converteu a Irlanda nun país estancado, con estruturas en gran parte aínda precapitalistas e un excesivo peso da Igrexa Católica. En 1966 Jack Lynch accedeu á xefatura do goberno, e acelerou tanto a política de aproximación entre os gobernos de Dublín e Londres como as medidas represivas contra o IRA, política que se viu favorecida coa entrada de Irlanda na CEE (1973). En 1973 accedeu ao poder un goberno de coalición do Páirti Lucht Oibre e o Fine Gael (FG), encabezado por William Thomas Cosgrave, que acentuou a persecución dos membros do IRA refuxiados no país. A súa adhesión á CEE marcou o comezo dun período de modernización na economía e de cambios sociais, impulsado tanto polas axudas e os investimentos estranxeiros, como polas modificacións das leis que permitiron unha maior participación feminina na vida pública e a aceptación da planificación familiar. Nas eleccións xerais de 1977 venceu o FF e Jack Lynch volveu ao goberno como primeiro ministro, pero dimitiu en 1979 e foi sucedido por Charles Haughey. A comezos da década de 1980 Irlanda entrou nun período de recesión económica pola elevada débeda externa e os déficits nos orzamentos. Como resultado viviuse unha elevada inestabilidade política e en 1981 convocáronse eleccións lexislativas anticipadas nas que resultou elixido primeiro ministro Garret Fitzgerald, do FG, que formou a coalición gobernamental FG e Páirti Lucht Oibre. Despois de perder a maioría na cámara presentou a súa dimisión en xaneiro de 1982. Nos novos comicios de febreiro de 1982 produciuse un incremento nos escanos para o FF, que sumados aos dalgúns independentes, permitiron que Charles Haughey ocupase de novo o cargo de primeiro ministro. En novembro de 1982 o goberno perdeu unha moción de censura, o primeiro ministro dimitiu e nas novas eleccións G. Fitzgerald formou goberno coa participación do FG e do Páirti Lucht Oibre. Nas eleccións lexislativas de 1987 Charles Haughey foi elixido primeiro ministro por terceira vez. O conflito entre as comunidades católica e protestante en Irlanda do Norte fixo rexurdir o IRA a finais da década de 1960 e marcou o comezo dunha guerra civil. Esta situación provocou a intervención militar do goberno británico en 1972. En 1976, tralo asasinato do embaixador británico en Dublín polo IRA, o goberno irlandés decretou o estado de emerxencia e adoptou medidas para combater o terrorismo. En 1985 o Reino Unido e Irlanda crearon unha conferencia intergobernamental angloirlandesa para tratar sobre asuntos políticos e de seguridade en Irlanda do Norte. As eleccións lexislativas de xuño de 1989 significaron un descenso do FF, que se viu forzado a establecer unha alianza co Dan Pairtí Daonlathach. O Páirti Lucht Oibre presentou como candidata ás eleccións presidenciais de novembro de 1990 a Mary Robinson, que destacara polas súas convicións liberais sobre o divorcio, o aborto e o emprego dos anticonceptivos, e acadou a vitoria. En 1991 Irlanda asinou o Tratado de Maastricht da UE. Trala dimisión de C. Haughey como primeiro ministro e dirixente do FF a comezos de 1992, Albert Reynolds substituíuno nos dous cargos. Reynolds impulsou a ratificación do Tratado de Maastricht en xuño dese ano e, en 1993, asinou, xunto con John Major, a Declaración de Downing Street na que o Reino Unido e Irlanda admitiron o dereito do Ulster á autodeterminación.
O longo camiño cara á paz
O cesamento do fogo do IRA en 1994 permitiu que o dirixente do SF, Gerry Adams, e John Hume, presidente do Partido Social Democratic and e Labour Party de Irlanda do Norte, mantiveran conversas. En novembro de 1994 Reynolds dimitiu despois da retirada do Páirti Lucht Oibre da coalición de goberno. Ao mes seguinte foi nomeado novo primeiro ministro John Burton, dirixente do FG, co apoio do Páirti Lucht Oibre e outros grupos de esquerda. Durante o goberno o crecemento da súa economía chegou a acadar unha media do 6,5% anual do PIB. En novembro de 1995 aprobouse, por referendo, a introdución do divorcio, só por 0,4% de votos a favor, proba da influencia social da Igrexa Católica. En febreiro de 1996, trala fin da tregua do IRA, despois da explosión de catro bombas que causaron ducias de víctimas en Londres, pecháronse temporalmente as negociacións. Nas eleccions de xuño de 1997 venceu o FF co 29% dos votos, mentres o FG obtivo só o 18%. Ao mes seguinte o IRA anunciou un novo cesamento do fogo e reiniciáronse as conversas coa presenza do novo primeiro ministro de Irlanda, Bertie Ahern, do FF, elixido en xuño, xunto ao SF. En abril de 1998 asináronse os denominados Acordos de Venres Santo, un acordo de paz entre católicos e protestantes de Irlanda do Norte, coa participación do Reino Unido e Irlanda, que contou coa ratificación da maioría da poboación tanto no Ulster coma en Irlanda. Nas eleccións presidenciais de outubro venceu Mary McAleese, do FF. Durante a década de 1990 Irlanda viviu un período de prosperidade económica que permitiu o retorno dos emigrantes. En novembro de 1999 anunciouse un acordo no Ulster polo que o IRA e as milicias protestantes comezarían a desarmarse en febreiro de 2000. As eleccións de maio de 2002 déronlle a vitoria a Bertie Ahern, que formou un goberno de coalición entre o FF e o Dan Pairtí Daonlathach, mentres o SF, liderado por Gerry Adams, pasou dun a cinco escanos no parlamento.