Irmandades da Fala

Irmandades da Fala

Asociación galeguista que naceu a partir dunha reunión celebrada nos salóns da Real Academia Galega na Coruña o 18 de maio de 1916, convocada por Antón Villar Ponte. Os seus antecedentes foron as actividades dun grupo de galegos residentes en Madrid, que promoveron a revista Estudios Gallegos, e a publicación de Nacionalismo gallego: nuestra afirmación regional (1906), de Antón Villar Ponte, na que chamaba á creación dunha organización que defendese a lingua galega e o espallamento do seu uso. A esta primeira reunión asistiron Ramón Villar Ponte, Manuel Lugrís Freire, César Vaamonde, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Rodrigo Sanz López e Francisco Tettamancy, entre outros. Nela aprobáronse uns estatutos nos que se sinalaban dous órganos de goberno colexiados, a Xunta Xeral e o Consello, e elixiuse como primeiro conselleiro a Antón Villar Ponte. Pouco despois, o 28 de maio, fundouse a Irmandade de Santiago de Compostela baixo a dirección de Luís Porteiro Garea e na que xa se manifestaba unha liña política. Fundáronse en total ata 28 Irmandades; entre elas destacou a de Ourense, en que se integraron Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo ou Florentino López Cuevillas. A elas cómpre engadir as creadas en Madrid, Bos Aires e La Habana. Os obxectivos iniciais destas Irmandades foron a defensa da lingua galega oral e escrita, e da cultura en todas as súas manifestacións; así como alentar o coñecemento do pasado e presente de Galicia. A vertente política, centrada na descentralización e na análise da situación socioeconómica, tamén se manifestou, pero moi levemente. As actividades que se organizaron neste momento foron conferencias, cursos de galego, recitais, exposicións e outros actos semellantes. O 14 de novembro de 1916 naceu o voceiro oficial, A Nosa Terra, dirixido por Antón Villar Ponte, desde onde comezaron a manifestarse as súas pretensións políticas. Nas eleccións municipais de 1917 as Irmandades non presentaron candidatos propios; só algúns se incluíron noutras candidaturas e aconsellaron o voto ás non caciquís. Nestas mesmas datas comezaron a colaborar e relacionarse cos catalanistas da Lliga Regionalista de Francesc Cambó. Nas eleccións xerais de febreiro de 1918 presentáronse dous candidatos, Antón Valcárcel pola Coruña e Luís Porteiro por Celanova, que non obtiveron acta. Previamente á celebración da súa I Asemblea de Lugo, os membros das Irmandades participaron na Semana Rexionalista, organizada en Santiago de Compostela polo xornal madrileño El Debate. Nesta xuntanza manifestouse a diferenza entre as Irmandades e as demais posturas rexionalistas ao declararse nacionalistas, federalistas e progresistas. A I Asemblea das Irmandades tivo lugar en Lugo o 17 e 18 de novembro de 1918 e a ela asistiron representantes das Irmandades da Coruña, Ourense, Vilagarcía, Pontevedra, Monforte, Santiago, Ferrol, Melide, Ortigueira, Muxía, Betanzos, Vilalba, Lugo, Baralla, Valadouro e Baiona, ademais de representantes de asociacións, centros rexionalistas, sociedades agrarias e xornais. No seu Manifesto proclamáronse nacionalistas galegos, pois consideraban que o rexionalismo non respondía ás necesidades de Galicia. Entre outros aspectos pedíase a autonomía integral para Galicia; a autonomía municipal, baseada no recoñecemento da personalidade xurídica propia das parroquias; a cooficialidade do galego e do castelán; a federación de Iberia e o ingreso das súas nacionalidades na Liga das Nacións; a igualdade de dereitos para a muller; a garantía de que o pobo se poidese expresar libremente nas eleccións; a fin das deputación provinciais; a creación do Poder Autónomo reprensentado por un Xuntoiro ou Parlamento Galego; a creación dunha Xunta gobernadora que tivese o poder executivo; o desmantelamento dos exércitos permanentes ao remate da guerra; e no eido xudicial, a substantividade do dereito foral galego, a reforma do artigo do código civil referido á sucesión ab intestato, a publicación de leis en galego e a igualdade de dereitos da muller casada, entre outros; ademais de diversas medidas económicas. Nas eleccións de xuño de 1919 non presentaron candidatos, mais baixo as siglas de Partido Nacionalista Galego recomendaban a abstención. Non obstante , a Irmandade da Coruña pronunciouse dende A Nosa Terra a favor de intervir nas eleccións municipais de setembro dese mesmo ano. Ante esta dualidade, convocouse a II Asemblea Nacionalista, que se celebrou en Santiago de Compostela en novembro dese ano e na que a diversidade ideolóxica se fixo patente. Por unha banda, un sector manifestouse a favor da radicalización política por medio dunha organización nacionalista e por outra, defendeuse a labor de expansión da cultura galega e de concienciación do pobo. No primeiro grupo situábase a Irmandade da Coruña, con Luís Peña Novo como máximo dirixente; no segundo, o grupo liderado por Vicente Risco, que recolleu as súas inquedanzas en Teoría do nacionalismo galego (1920), integrado por Antón Villar Ponte, Castelao, entre outros. A ruptura definitiva produciuse na IV Asemblea celebrada en Monforte de Lemos (1922) na que se constituíu a Irmandade Nazonalista Galega (ING), da que V. Risco foi elixido conselleiro supremo e na que non se integrou a Irmandade coruñesa. A ING afirmaba a necesidade de contar cun partido nacionalista para chegar a unha federación de Galicia coas demais nacións peninsulares e a concienciación da sociedade galega para finalmente chegar á autonomía. Aínda que propugnaba un abstencionismo electoral, participou nas eleccións municipais e provinciais convocadas por Primo de Rivera en 1924, en que Antón Villar Ponte, Vicente Risco e Antón Losada Diéguez acadaron representación; pouco tempo despois dimitiron dos seus cargos, ao comprobar que non ían conseguir os seus obxectivos. Pola súa banda, a Irmandade da Fala da Coruña organizou en 1923 a V Asemblea en que se proclamou o mantemento do programa de 1918 e en que se elixiu a Luís Peña Novo primeiro conselleiro. Desde entón, o nacionalismo galego mantívose desunido ata 1931. Antón Villar Ponte regresou ao seo da Irmandade coruñesa e, en setembro de 1929, el e outros dirixentes da mesma confluíron con Santiago Casares Quiroga na creación da ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma), mentres outras Irmandades se reorganizaron baixo diferentes nomes. O grupo ourensán organizou a VI Asemblea na Coruña o 27 de abril de 1930, na que estiveron presentes as diversas tendencias das Irmandades e en que se acordou a creación dun partido nacionalista, o Partido Autonomista Republicano Agrario, que non chegou a fundarse. Tralo fracaso da VI Asemblea, creáronse e rexurdiron grupos locais de carácter nacionalista e na VII Asemblea Nacionalista celebrada en Pontevedra en decembro de 1931, o nacionalismo galego uniuse no Partido Galeguista.