Isaías, Libro de
Libro do Antigo Testamento, o primeiro do grupo dos profetas. Está formado por unha compilación de oráculos, de distintos autores e épocas. Distínguense na primeira parte (capítulos 1-39) grupos de oráculos referentes a Xudá e a Xerusalén, aos pobos estranxeiros e un xuízo a todo o mundo, oráculos de esperanza semellantes á segunda parte do libro, narracións sobre a intervención de Isaías preto do Rei Ezequías. Os oráculos dos capítulos 1-12 e 28-33 son os que con máis seguridade se lle poden atribuír a el, nos que recrimina as inxustizas sociais, o afán de luxo e a boa vida, o engano relixioso que disimula as culpas co esplendor do culto ou as alianzas estranxeiras por falta de confianza en Iavé. A segunda parte do libro, amais do conxunto denominado Novo Isaías ou Deutero-Isaías -probablemente da autoría dun discípulo seu-, contén uns cantos sobre o sufrimento redentor dun personaxe misterioso, o Servente de Iavé. A terceira parte (capítulos 56-66), máis tardía, é moi semellante á segunda.