Islandia

Islandia
Nome científico: [República de Islandia; islandés: Lýdveldid Ísland]

Estado insular de Europa, situado ao S do Círculo Polar Ártico, entre o Océano Atlántico, ao S, o Océano Ártico, ao N, e o mar de Noruega, ao L (102.819 km2; 282.000 h [2001]). A súa capital é Reykjavik.
Xeografía física
Islandia caracterízase polo vulcanismo e o glaciarismo. Ten numerosos cráteres volcánicos, como o Hekla e o Laki. As coadas de lava bloquearon moitos vales e orixinaron lagos, como o de Thingvellir. Tamén abundan as surxencias de augas termais, algúns auténticos chafarices como o de Geysir, ao S da illa, que deu nome a este tipo de fenómeno (geyser). Entre os glaciares, que ocupan a oitava parte do territorio, destaca o de Vatnajökull, ao SL. As erupcións producidas sobre un glaciar provocan violentos desxeos e as correntes de auga estenden ao pé dos glaciares potentes capas de aluvións. O clima é de tipo oceánico subártico, húmido. A flora é de carácter boreoalpino europeo. Un piso inferior, subártico, era ocupado, antes da colonización humana, por bosque baixo de bidueiros e prados e turbeiras; no piso ártico, os solos son pedregosos e a vexetación baixa e laxa, e as terras altas están ocupadas por glaciares.
Xeografía económica
As condicións climáticas dos solos supoñen un obstáculo para o desenvolvemento da agricultura. Máis importante é a explotación gandeira, ovina, bovina e de animais de pelo fino. No distrito de Reykjavik cultívanse hortalizas en invernadoiro, con calefacción proporcionada pola auga dos geyser. A pesca asegura un 40% da renda nacional e supón unha importante partida de exportación. As especies máis apreciadas son o bacallau e os arenques. A actividade industrial correspóndelle a empresas de tamaño mediano e pequeno: cemento, téxtil, pequenos estaleiros e factorías alimentarias (cervexa, carne, manteiga). Destacan as refinerías de petróleo e a metalurxia do aluminio e do ferro. As importacións de bens de consumo, equipamentos de transporte, alimentos e combustibles (procedentes de Escandinavia, EE UU e Reino Unido), superan as exportacións de produtos do mar e aluminio (a Reino Unido, Alemaña, EE UU e Francia, principalmente). Malia as considerables flutuacións, debidas á dependencia da pesca, ao seu illamento xeográfico e á mesma exigüidade da súa poboación, o nivel de vida é moi elevado.
Xeografía humana
Islandia presenta unha alta taxa de crecemento natural (7,9‰ [1999]). É o país de Europa que ten a densidade de poboación máis baixa e a poboación ocupa tan só o perímetro litoral da illa. Máis da terceira parte da poboación vive na capital, unha proporción que chega a máis da metade se se considera tamén o seu contorno inmediato. A lingua oficial é o islandés e case toda a poboación (89,3%) é luterana.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A composición étnica de Islandia está composta por un 98,1% de islandeses, un 0,5% de suecos, un 0,4% de dinamarqueses e un 0,1% de alemáns. A lingua oficial é o islandés. A filiación relixiosa está representada maioritariamente (89,3%) por protestantes, mentres que o 10,7% inclúe as restantes. O ensino é obrigatorio dos 7 aos 15 anos: os seis primeiros anos corresponden ao ensino primario e os tres seguintes, ao secundario básico.
Desenvolvemento humano
O Índice de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a Islandia entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupaba o 7º posto, cun índice do 0,932). Este indicador desagredado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer en 2000 era de 77 anos para os homes e de 81 para as mulleres. A porcentaxe de alfabetización de adultos en 2000 foi do 99%, mentres que o índice bruto de escolaridade para o mesmo ano foi de 89%. O PNB por persoa en 1999 era de 29,540 $ EE UU.
Goberno e política
En 1944 Islandia declarou a independencia con respecto a Dinamarca e aprobou unha constitución na que recolle que o poder executivo reside no goberno encabezado polo primeiro ministro, responsable fronte ao parlamento. O presidente da república é elixido para un período de 4 anos mediante sufraxio universal. O poder lexislativo reside no Althing (Parlamento), unicameral, composto por 63 membros, 54 elixidos polos oito distritos electorais mediante un sistema de representación proporcional para un período de catro anos e 9 asignados aos partidos políticos segundo os resultados electorais. O poder xudicial baséase no dereito danés e está representado pola Haestirettur (Corte Suprema). Non recoñece a xurisdición da Corte Penal Internacional e non está en vigor a pena de morte. As principais formacións políticas son Partido da Independencia (SSF) centro-dereita; Partido do Progreso (FSF) liberal; Alianza (SF) que se constituíu formalmente como partido no congreso do 5 de maio de 1999 integrado entre outros polos grupos: Alianza do Pobo (AB), Movemento do Pobo (AF) socialdemócrata e Lista das Mulleres, feminista. Existen ademais outros grupos como Alianza Esquerdista Verde (VG) e o Partido Liberal (FF). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Banco Europeo para a Reconstrución e o Desenvolvemento (EBRD), Consello de Europa, Consello Nórdico, EFTA, Organización de Cooperación e Desenvolvemento Económicio (OCDE), Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) e ONU.
Historia

Os dominios noruegués e dinamarqués
Os primeiros poboadores de Islandia foron os monxes irlandeses que se estableceron en 795. Descuberta polos viquingos noruegueses cara a 860, desde finais do s IX formouse unha sociedade escravista gobernada por unha asemblea de homes libres (Althing). En 1262 recoñeron como monarca o Rei Haakon IV de Noruega, pero a illa conservou certa autonomía. A situación empeorou trala súa unión con Noruega e Dinamarca (1387). A imposición do luteranismo provocou unha forte resistencia na illa, que culminou coa execución do bispo católico (1550). O monopolio dinamarqués sobre o comercio de Islandia (1602-1787) provocou unha suba descontrolada dos artigos de primeira necesidade, mentres que os produtos islandeses infravaloráronse, feito que propiciou a ruína dos islandeses. No s XVIII producíronse diversos desastres e catástrofes naturais: un andazo de varíola (1707-1709), fames a mediados do século e a erupción do volcán Laki (1783), que reduciron a poboación a uns 35.000 habitantes, nunha situación de miseria. En 1798 foi practicamente abolido o Althing, e iniciouse unha longa loita pola recuperación da autonomía e a independencia nacionais. Polo Tratado de Kiel (1814) Noruega cedeulle a illa a Dinamarca. En 1834 Islandia enviou dous representantes ao Parlamento dinamarqués e en 1838 instalouse un consello en Reykjavik. En 1843 restableceuse o Althing, con carácter consultivo, e posteriormente creáronse dúas cámaras con capacidade lexislativa (1874). En 1904 acadou un alto grao de autonomía, pero pola Acta de Unión confirmáronse os vínculos con Dinamarca (1918) ao tempo que Dinamarca recoñeceu a Islandia como un estado independente e soberano, en réxime de unión persoal na figura do rei. Durante a Segunda Guerra Mundial as tropas alemanas invadiron Noruega e Dinamarca, e o exército inglés ocupou Islandia. Nomeado rexente Sveinn Bjornsson, declarou a independencia o 22 de maio de 1941.
A Islandia independente
O 17 de xullo de 1944, despois dun referendo masivo no que a poboación apoiou a república, promulgouse a Constitución da Islandia independente. O primeiro presidente da nova república foi Sveinn Bjornsson, que permaneceu no poder ata   1952, e posteriormente foi elixido Ásgeir Ásgeirsson (1952-1968), substituído en 1968 por Kristján Eltjárn. En 1971 as eleccións déronlle o poder a unha coalición de centro-dereita encabezada polo partido progresista e presidida por Olafur Jóhannesson. Tres anos despois unhas novas eleccións levaron ao poder un novo goberno de centro-dereita formado polo Partido da Independencia (SSF) e o Partido do Progreso (FSF), baixo a presidencia de Geir Hallgrímsson. En decembro de 1979 celebráronse eleccións xerais e en febreiro de 1980, Gunnar Thoroddsen do SSF formou unha coalición coa Alianza do Pobo (AB) e o FSF. Despois dunha longa crise política, en 1980 chegou ao poder un goberno de coalición de partidos de esquerda presidida por Gunnar Thoroddsen, do SSF. O mesmo ano realizáronse eleccións presidenciais, nas que venceu Vigdís Finnbogadóttir, unha candidata independente apoiada polos grupos de esquerdas, que manifestou a súa oposición á base militar americana de Keflavik. A coalición gobernamental perdeu a maioría parlamentaria en setembro de 1982. Nas eleccións xerais de abril de 1983 o SSF conseguiu a maioría dos votos emitidos. Constituíuse un novo goberno a partir da coalición entre o SSF e o FSF, con Steingrímur Hermannsson do FSF como primeiro ministro. Nos anos seguintes os esforzos do goberno por diminuír a inflación foron insuficientes e o malestar económico xerou inestabilidade social. En 1984 Vigdís Finnbogadóttir foi reelixida presidenta. En maio de 1985 o Parlamento aprobou por unanimidade unha resolución que declaraba o país zona non nuclear, prohibindo a entrada de calquera tipo de arma nuclear. Os partidos no goberno experimentaron unha diminución nos seus escanos nas eleccións de abril de 1987. En xullo inaugurouse un novo goberno coa coalición formada polo SSF, FSF, e o Movemento do Pobo (AF). Thorsteinn Pálsson foi nomeado primeiro ministro. A presidenta V. Finnbogadóttir foi elixida para un terceiro mandato en xuño de 1988. O desacordo na política económica provocou o abandono do AF e o FSF da coalición gobernamental en setembro de 1988. O novo goberno que se formou a finais dese mes integrou o FSF, AF e AB. Stingrímur Hermannson, primero ministro do FSF, mantivo unha política baseada na redución da inflación, e o estímulo ao crecemento económico. En setembro de 1989 constituíuse un novo goberno integrado pola coalición do FSF, AF e o AB entre outros. S. Hermannsson continuou como primeiro ministro. En agosto de 1992 V. Finnbogadóttir iniciou o seu cuarto mandato despois dunha reelección sen oposición. Nas eleccións xerais de abril de 1991 o SSF conseguiu a maioría dos votos e formouse un novo goberno de coalición integrado polo SSF e o AF, con Oddsson como primeiro ministro. Os obxectivos deste novo goberno incluían liberalizar a economía e consolidar os vínculos con EE UU e Europa. O éxito do SSF nas eleccións xerais de abril de 1995 permitiulle continuar no goberno. A presidenta V. Finnbogadóttir decidiu non presentarse á reelección en 1996, e foi elixido para o cargo Ólafur Ragnar Grímsson, do AB. Nas xerais de maio de 1999 o SSF obtivo a maioría dos votos e formou unha nova coalición de goberno de centro dereita co FSF. Nas presidenciais de xuño de 2000 foi reelixido Ólafur Ragnar Grímsson.