isomería
(< 1 iso- + -mería)
Fenómeno que presentan certos compostos, denominados isómeros que consiste no feito de ter a mesma composición centesimal, o mesmo peso molecular e a mesma fórmula empírica, pero propiedades físicas e químicas diferentes. Hai dous tipos de isomería: a estrutural ou plana e a espacial ou estereoisometría. A isomería estrutural, que se caracteriza polo feito de que os compostos se diferencian na súa estrutura, pode ser de cadea, na que os isómeros se diferencian soamente pola forma diferente da cadea, de posición, en que se diferencian pola posición dos grupos funcionais na molécula, ou funcional, nos que a función química non é a mesma. Un caso particular da isomería de posición é a metamería. A isomería espacial pode ser xeométrica ou óptica. A isomería xeométrica ou cis- trans- baséase na teoría do carbono tetraédrico. A isomería óptica ou enantiomería baséase na actividade óptica de certos compostos, e explícase pola teoría do carbono asimétrico. Un tipo de isomería espacial é a diastereomería. A propiedade dalgúns compostos que poden existir con dúas formas isómeras, transformables unha na outra.