isostase
(< 1 iso- + gr στάσις‘equilibrio’)
Termo que designa a tendencia cara ao equilibrio de flotación da codia terrestre sobre o manto plástico e que introduciu Dutton en 1889. Foi estudada xa no s XVIII por Bouguer (na área dos Andes e de Perú) e no s XIX por Pratt e Airy indistintamente (no Himalaia), para tratar de explicar as anomalías da gravidade e das desviacións anormais da chumbada observadas nas proximidades dos macizos montañosos. Airy foi o primeiro que deu, en 1855, unha explicación física (teoría isostática dos bloques montañosos): a codia terrestre está formada por un conxunto de bloques, de volume desigual e de densidade similar, que flotan nun substrato fluído que hai no manto terrestre. Os bloques máis grosos e que emerxen máis sobre a superficie terrestre son, pois, os que se afunden tamén máis neste substrato fluído; unha cadea montañosa queda, así, compensada por unha “raíz” que penetra profundamente na capa sobre a que flota e o material da que se despraza.