Istoria, festa da
Celebración declarada de interese histórico-artístico, que se leva a cabo en Ribadavia o último sábado do mes de agosto. Existen documentos de finais do s XVIII que xa citan esta festividade, que se deixou de celebrar en 1868 e que grazas a un estudoso da historia de Ribadavia e ao traballo da Escola Taller “San Andrés” foi recuperada en 1989. Esta tradicional actividade é froito dunha recuperación histórica. O documento máis determinante encontrouse no Arquivo Histórico Provincial de Ourense nun atado que data de 1693 e que pertence ao libro de contas dos procuradores xerais da vila. A actual versión é unha translación no tempo da que se celebraba nesta vila, ata o século XIX, e que se encadraba nos festexos da Virxe do Portal, patroa do Ribeiro. A organización é responsabilidade dun amplo colectivo veciñal que se renova cada ano, e que se denomina Asociación Coordinadora da Festa da Istoria. O seu obxectivo é manter o rigor histórico e respectar as actividades coma no medievo, contribuíndo así á recuperación das tradicións da vila como os oficios que están en decadencia ou esquecidos: ferreiros, carpinteiros de armar, toneleiros ou zoqueiros. O día da festa reprodúcese con bastante exactitude a vida da Idade Media, cos seus mercados, artesanía, actuacións na rúa e mesmo o emprego da moeda da época: o maravedí. Un dos grandes atractivos é ir disfrazado con roupa da época. As actividades realízanse no barrio xudeu, concretamente o mercado, o baile, a cea e o teatro. A preparación desenvólvese ao longo do ano coa confección dos traxes, estandartes e escudos que van lucir ese día. O acto comeza coa presenza dun pregoeiro que le un bando e anuncia o comezo e un desfile cos traxes de época polas rúas. De seguido, desenvólvense outras actividades como a representación dun xadrez humano, unha voda tradicional xudía, un baile medieval acompañado de música da época, demostracións da arte da cetrería, tiro con arco e torneo, música e teatro con representacións de obras de temática medieval e por último, e como remate, unha cea medieval.