Karkamiş  

Karkamiş  

Antiga cidade no alto val do río Éufrates, situada na fronteira entre Siria e Turquía. A súa importancia histórica derivou da súa situación como principal paso do Éufrates entre Siria, Mesopotamia e Anatolia, e entre o interior (Babilonia e Asiria) e o Mediterráneo. Os primeiros restos atopados indican o seu poboamento desde o III milenio a C. Sometida polo faraón exipcio Tuthmosis III (1468 a C), foi anexionada polos hititas ao redor de 1340 a C. Posteriormente foi conquistada polos asirios (870 a C-612 a C), polos babilonios (612 a C-539 a C) e polos persas (539 a C-332 a C). En época romana foi coñecida como Europus.