Kazakhstán
Estado de Asia central que limita con China ao L, con Kirguizistán e Uzbekistán ao S, co Mar Caspio e unha pequena parte de Turkmenistán ao O e con Rusia ao N (2.724.900 km2; 14.842.000 [estim 2001]). A capital é Astana (313.000 h [1999]).
Xeografía física
A maior parte do territorio do país está ocupado por chairas, depresións e altiplanos; as do Caspio e Turan ao O, o deserto de Betpak-Dala no centro e no S, e a chaira de Siberia occidental ao N. Nos extremos oriental e occidental érguense elevadas aliñacións montañosas, as cordilleiras de Altai e Tarbagataj, o Alatau de Jungaia e as cadeas montañosas setentrionais e occidentais do Tian Shan, onde se rexistran altitudes superiores aos 4.500 m. Os sedimentos de area depositados polos ríos que drenan a chaira de Turan deron lugar á formación dos desertos de Barsuki, Karakumy e o Kyzylkum. A rede fluvial do país está integrada por máis de 7.000 cursos, que, na súa maioría, desembocan nas concas endorreicas do interior, das que as máis destacadas son os mares de Aral e Caspio e os lagos Zajsan e Balhaš. Debido á súa localización en Asia central e rodeado de elevadas aliñacións, o clima é dunha continentalidade extremada, de carácter estepario, caracterizado por precipitacións moi escasas, ao redor dos 300 mm anuais nas áreas máis beneficiadas, e temperaturas moi rigorosas, especialmente nos meses do inverno: a temperatura media anual é de tan só 2,9° C; a media do mes de xaneiro é de -17° C, mentres que a de xullo é de 22° C. A excesiva explotación dos recursos hídricos para a industria e a agricultura durante a época de dominio soviético provocou a desecación do mar de Aral e a crecente desertización. Na zona setentrional os solos son moi fértiles, mentres que no S a vexetación é esteparia e desértica.
Xeografía económica
Tradicionalmente, foi un país de pastores nómades que criaban gando bovino, ovino e caprino, e que proporcionaban peles moi apreciadas, tanto en Oriente como en Occidente, como o astracán dos años da raza karakul. Non obstante , as autoridades soviéticas pretenderon transformar esta cultura nómade e converter os kazakhs nun pobo sedentario, polo que emprenderon un rápido proceso industrializador, que se aproveitou dos importantes recursos mineiros: petróleo, gas, níquel, ferro e metais preciosos. O petróleo constitúe o 37,7% das exportacións nacionais. A industria siderúrxica é o outro gran soporte do comercio internacional kazakhs, pois representa o 12,6% das vendas ao exterior. En conxunto, o sector secundario acolle o 18% da poboación activa. Tamén se incidiu na terciarización, de xeito que o 60% dos traballadores están ocupados nos servicios. O sector agropecuario reduciuse ata ocupar só o 22% da poboación. Nel domina a gandería: o 68,7% das terras do país dedícanse a pastos, fronte só ao 11,8% dedicada a cultivos.
Xeografía humana
Máis da metade da poboación é urbana (56,4%), polo que é o país con maior grao de urbanización entre as antigas repúblicas soviéticas de Asia central. As principais cidades son Alma-Ata e Karaganda. Desde a independencia o goberno do país, dominado polos kazakhs, propiciou a inmigración de kazakhs residentes noutros estados veciños (Rusia, Mongolia, Irán, China e as repúblicas ex-soviéticas de Asia central). Paralelamente, xurdiu unha tendencia en sentido contrario, protagonizada fundamentalmente por rusos e alemáns.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A diversidade étnica de kazakstán está representada por un 46% de Kazakhs, un 34,8% de rusos , un 4,9% de ucraínos, un 3,1% de alemáns, un 2,3% de uzbekos, un 1,9% de tátaros, un 1,1% de rusos brancos e un 1,1 de iuguros. Pola súa filiación relixiosa a poboación divídese nun 47% de musulmáns, un 8,2% de ortodoxos, un 2,1% de protestantes e o resto un 42,7%. A lingua oficial é o kazakh, pero o uso do ruso está moi estendido. A porcentaxe bruta de escolaridade en 2000 foi do 77%, mentres que o índice de alfabetización de adultos para o mesmo ano foi do 98%.
Desenvolvemento humano
O Índice de Desenvolvemento Humano de 1999 situaba a kazakhstán (75º posto, cun ínice de 0,742) entre os países que contan cun desenvolvemento humano medio. A esperanza de vida ao nacer é de 69 anos para os homes e de 70 para as mulleres. O PNB por persoa en 1999 era de 1.250 $ EE UU.
Goberno e política
Antiga república da URSS, independizouse en 1991. En 1993 proclamouse unha constitución que foi substituída por outra o 6 de setembro de 1995, aprobada por referendo nacional. Nela defínese o presidente da república como xefe do Estado e comandante en xefe das Forzas Armadas, elixido directamente para un período de cinco anos e cun máximo de dous períodos consecutivos. O goberno, encabézao o primeiro ministro, que é responsable diante do presidente. O órgano lexislativo supremo é o Parlamento bicameral, formado por un Senado de 39 membros, nomeados polas asembleas rexionais e polo presidente da república para un período de catro anos; e unha Asemblea ou Mazhilis, que conta con 77 membros elixidos cada catro anos. O poder xudicial está representado pola Corte Suprema, que conta con 44 membros, e polo Consello Constitucional, formado por 7 membros que se ocupan de asegurar a correcta aplicación da constitución (as decisións están suxeitas ao dereito de veto presidencial). O sistema xudicial baséase no dereito continental europeo e permanece en vigor a pena de morte. As principais formacións políticas son: Patria, fundada en marzo de 1999, co apoio do presidente Nussultan Nazarbajev, pola unión do Partido pola Unidade do Pobo e o Partido Demócrata, entre outros; o Partido Republicano do Pobo de Kazakhstán; e o Partido Comunista de Kazakhstán. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Banco Europeo da Reconstrución e o Desenvolvemento (BERD), Organización da Conferencia Islámica (OCI), Organización para a Seguridade e a Cooperación Europea (OSCE) e ONU.
Historia
Habitado polos kazakh -descendentes das tribos turánidas e mongolas que se estableceron na zona cara ao comezo da era cristiá-, no s XV emerxeu en Kazakhstán un novo grupo étnico diferenciado, coñecido como a horda kazakh, froito da unión de tribos mongolas da Horda de Ouro e das tribos turcas. No s XVI o khanato dos kazakh disgregouse en tres hordas, que entraron nun proceso de decadencia a finais do s XVI, agravado polas incursións doutros pobos.
A colonización rusa
No s XVIII produciuse o avance colonial de Rusia desde o N a partir da construción dunha liña de fortalezas. As invasións dos mongois presionaron os kazakh que se achegaron aos tsares rusos e, trala desaparición da ameaza mongola (1758), caeron baixo a protección de Rusia. Os khanatos kazakhs sometidos aos rusos conservaron a autonomía ata a década de 1820 cando, despois de diversas rebelións, perderon a súa liberdade. En 1848 completouse a anexión de Kazakhstán ao Imperio Ruso e, despois da abolición da escravitude en Rusia (1861), recibiu a achega de numerosos rusos e ucraínos que recibiron terras. Establecéronse institucións de goberno rusas e construíronse novas cidades, pero a conquista do territorio prolongouse en diversas guerras ata 1880. A comezos do s XX apareceu un pequeno movemento nacionalista e, despois da Revolución de 1905, os kazakhs tiveron representantes directos na Duma. Os desequilibrios provocados polo incremento da inmigración e o resentimento cara aos rusos provocaron unha revolta despois da orde de mobilización masculina ordenada polo réxime zarista en 1916. A rebelión dos kazakh foi esmagada e provocou máis de 150.000 mortos, pero en novembro de 1917, tralo triunfo da Revolución, os nacionalistas kazakh reclamaron a autonomía total do seu país.
O réxime soviético
Ocupado polo Exército Vermello (1919-1920), baixo o réxime soviético desenvolveuse a industria e produciuse unha intensa colectivización das terras. En 1925 incorporouse ao seu territorio a zona dos kazakh pertencente a Turkestán, e desde 1927 emprendeuse unha política de sedentarización dos nómades kazakh, acompañada do establecemento de colonos rusos e ucraínos. En 1936 transformouse en república federada da URSS. Despois das transformacións iniciadas na URSS por M. Gorbačov, foi unha das derradeiras repúblicas en declararse independente o 25 de outubro de 1990.
A independencia e o proceso democratizador
En decembro de 1991 celebráronse eleccións e o Partido Socialista, herdeiro do Partido Comunista e liderado por Nursultan Äbishuly Nazarbajev. No ano seguinte constituíronse novas forzas políticas como o Partido Popular do Congreso e a oficialista Unión pola Unidade Popular, mentres Nazarbajev iniciou un proceso de privatizacións ao tempo que buscou investimentos estranxeiros. A grave crise económica, incrementada por un extenso plan de privatizacións que afectou ao 70 % das empresas públicas, provocou graves conflitos sociais, aos que se engadiron os conflitos interétnicos coa importante minoría rusa. Aprobouse unha nova constitución (1993) e nas primeiras eleccións lexislativas multipartidistas (marzo de 1994) venceu o partido de Nazarbajev, pero foron anuladas pola Corte Constitucional o ano seguinte. O presidente aproveitou a crise política para propoñer unha prórroga no seu mandato ata o 2000, confirmada por referendo. A liberalización da economía e as riquezas naturais do país atraeron a numerosos investidores estranxeiros durante 1995. Constituíu unha unión aduaneira con Kirguizistán, Bielorrusia e a Federación Rusa en marzo de 1996 para fomentar un mercado común de mercadorías, capitais e traballadores. En abril de 1997 Kazakhstán asinou un acordo con Kirguizistán e Taxikistán, para a redución de tropas e a desmilitarización das fronteiras. En 1998 engadiuse unha emenda á constitución estendendo o tempo de duración do mandato presidencial de cinco a sete anos e eliminouse o límite superior de idade para exercer o cargo. Nas eleccións presidenciais de xaneiro de 1999 Nazarbajev foi reelixido presidente cunha participación do 80%. Nas eleccións para o Senado e a Mazhilis ou cámara baixa, celebradas en setembro e outubro de 1999, os candidatos independentes disputaron a maior parte dos escanos, mentres os observadores internacionais criticaron o proceso, marcado polas irregularidades. A inauguración en marzo de 2001 dun xigantesco oleoduto que permite o transporte de cru directamente desde o Mar Caspio ata o Mar Negro supuxo unha transformación da economía. A aparición no goberno de Nazarbajev de defensores da descentralización do poder e dunha maior independencia parlamentaria e xudicial, orixinou unha purga no gabinete.