Kenya
Estado de África oriental situado ao NL dos Grandes Lagos Africanos, entre Etiopia e Sudán ao N, Somalia ao NL, o Océano Índico ao SL, Tanzania ao S e Uganda ao O (582.646 km2; 29.904.000 h [estim 2001]). A súa capital é Nairobi.
Xeografía física
O país está dividido en varias rexións: a primeira correspóndese coa chaira costeira, de pouca altitude; a rexión depresionaria do Rift Valley; unha meseta no centro- -norte, onde está o deserto de Chalbi, e outra meseta ao O. A ambos os dous lados da fosa tectónica álzanse os cumios volcánicos dos montes de Kenya (5.199 m altitude) e os de Elgon (4.321 m altitude). As diferencias climáticas son considerables debido ás diferencias do relevo. A maior parte das rexións situadas ao N do Ecuador teñen un clima cálido e seco, mentres que na metade S diferéncianse tres zonas: a costeira, cálida e húmida, a das terras altas, con clima temperado, e a rexión do lago Victoria, con clima tropical. O río de maior caudal é o Tana. A vexetación é tropical con extensas sabanas e densas galerías de selva húmida.
Xeografía económica
A agricultura é a base económica do país, aínda que só o 7,8% da superficie se dedica a cultivos. Teñen grande importancia as plantacións destinadas á exportación como o café e o té que constitúen máis da terceira parte das vendas ao exterior. A gandería, especialmente a bovina, está en rápida expansión. Os prados ocupan o 36,7% da superficie do país. A pesca ten un valor secundario para a economía do país, pero constitúe unha fonte importante de alimento para a poboación. En conxunto, o sector primario acolle o 75% da poboación activa. A industria está moi pouco desenvolvida e o sector secundario, que representa o 10% da poboación activa, baséase na extracción petrolífera (7,5% do valor das exportacións) e na artesanía (10% das exportacións). O turismo, vinculado á atracción dos seus parques naturais para a realización de safaris, é unha fonte importante de recursos.
Xeografía humana
A poboación de Kenya é maioritariamente rural, só o 33,1% da poboación se asenta en núcleos urbanos. A súa distribución é irregular, concentrándose a maioría no SL do país. Ademais da capital, as cidades máis importantes son Nakuru, Kisumu e Mombasa.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A composición étnica da poboación de Kenya distribúese entre os kikuiu (17,7%), os luhya (12,4%), os luos (10,6%), os kalenjin (9,8%), os kamba (9,8%), os kisii (6%), os meru (5%), os mijikenda (5%), o masai (1,6%) e os turkanas, que representan o 1,3% restante da poboación. A poboación de Kenya pertence a tres familias lingüísticas diferentes: níxer-congo, afroasiática e nilo-sahariana. Son de lingua bantú os luhyas, os kambas e os kikuius; os masais, os turkanas, os suks e os nandis pertencen ao phylum nilo-sahariano; e os somalís, boranas e ormas son da familia afroasiática. O swahili e o inglés son as linguas oficiais. No que respecta á filiación relixiosa, un 30,3% son animistas, un 28,2% protestantes, un 19,6% católicos, un 8,2% cristiáns, un 6% musulmáns e un 5,6% anglicanos, mentres que as restantes representan un 2,1%.
Desenvolvemento humano
O Índice de Desenvolvemento Humano de 1996 situaba a Kenya entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupaba un 123º posto, cun índice de 0,514). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer en 1999 era de 51 anos para os homes e 53 anos para as mulleres. O índice de alfabetización de adultos nese ano foi do 82,4%, mentres que o índice de escolaridade bruto foi do 51%. A ensinanza non é obrigatoria, pero é gratuíta durante os primeiros oito anos.
Goberno e política
Colonia británica, o 12 de decembro de 1963 acadou a súa independencia no seo da Commonwealth. Segundo a Constitución de 1963, que sufriu diversas emendas, o poder executivo reside no presidente da república, elixido para un período de cinco anos por sufraxio popular directo. O poder lexislativo reside na Bunge (Asemblea Nacional), unicameral e formada por 224 membros elixidos para un período de cinco anos. O sistema legal baséase na common law británica, con influencias das leis tribais e das leis islámicas. Acepta con reservas a xurisdición coercitiva da Corte Internacional de Xustiza. Non está en vigor a pena de morte. O sistema xudicial está presidido polo Higt Court (Alto Tribunal) que se ocupa da revisión xudicial e a Court os Appeal (Tribunal de Apelacións). As emendas á Constitución de 1982, que convertían a Kenya nun estado cun réxime de partido único, foron rexeitadas en 1991. As principais formacións políticas son: National Rainbow Coalition (NARC, Coalición Nacional Arco Iris) centrista; Kenya African National Union (KANU, Unión Nacional Africana de Kenya) fundada en 1943 por Jomo Kenyatta, autoritario; e o Forum for the Restoration of Democracy-People (FORD, Foro para a Restauración da Democracia) que se dividiu en tres ás: FORD-Asili, FORD-Kenia e FORD-Popular. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Commonwealth, ONU, OUA e membro asociado da UE.
Historia
Habitada por grupos de cazadores-recolectores, desde o III milenio a C produciuse a chegada de grupos nilóticos, que emigraban cara ao S e que se impuxeron sobre a poboación local. Cara ao 500 a C establecéronse os bantús, procedentes do O.
Os sultáns musulmáns e o dominio portugués
As súas costas recibiron viaxeiros e comerciantes gregos e romanos, e cara ao 500 chegaron grupos de comerciantes de orixe árabe que desenvolveron o comercio de escravos e fundaron novas cidades a partir do s IX, nunha etapa de prosperidade. Os mercaderes persas participaron tamén neste comercio e fundaron a cidade de Mombasa no s XIV. Os portugueses chegaron a comezos do s XVI e ocuparon a rexión litoral (1505-1515), despois de impoñerse aos árabes. Os establecementos coloniais portugueses tiveron que enfrontarse cos ataques dos turcos otomanos e rebelións dos sultáns locais e en 1698 o sultán de Omán apoderouse da costa. O control do comercio polos sultáns e o seu goberno opresivo levaron á rebelión de diversas cidades no s XVIII e a decadencia do comercio. A alianza dos sultáns de Omán cos británicos desde comezos do s XIX obrigounos a abolir o tráfico de escravos, ao tempo que os británicos apoiaron as súas reivindicacións territoriais.
A colonización británica e alemana
A finais do s XIX o desenvolvemento do colonialismo no territorio africano levou ao reparto do país entre británicos e alemáns (1885) e, ao ano seguinte, definíronse as fronteiras entre ambas as dúas colonias, mentres o sultán perdeu progresivamente a súa soberanía. En 1887 constituíse a British East Africa Association (BEAA), empresa dedicada ao comercio no continente, e despois dun novo acordo sobre os límites das colonias (1890), os británicos transformaron as posesións da BEAA en protectorado (1895) e emprenderon a construción da vía ferrea entre Mombasa e Uganda. O remate da liña férrea (1902) permitiu o establecemento de colonos procedentes de Reino Unido e a ocupación dos territorios dos nativos para o desenvolvemento de grandes plantacións, feito que provocou sublevacións. En 1905 o protectorado adquiriu o estatuto de colonia e os colonos europeos, que dirixían a administración e a economía, organizaban unha sociedade marcada pola discriminación racial. Na Primeira Guerra Mundial (1914-1918) alemáns e británicos combateron en África Oriental empregando como soldados aos nativos. Ao final da guerra a colonia alemá pasou aos británicos, que a integraron na East Africa Protectorate, ao tempo que estimularon o asentamento de veteranos como colonos. En 1920 cambiou o seu nome polo de colonia de Kenya, e desde 1926 estendeuse pola beira O do lago Turkana.
A aparición do nacionalismo africano
Trala guerra, a oposición aos colonos europeos manifestouse con novas protestas entre os kikuiu e a aparición de movementos independentistas. Na década de 1930 produciuse a xeneralización das protestas polo país e o incremento do activismo político entre os nativos, coa aparición de distintas asociacións locais. Os kenyanos foron recrutados para loitar a carón das tropas aliadas durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945). Despois da guerra incrementouse a oposición ao réxime colonial, que levou ao nacemento da Kenya African Union (KAU) liderada por Jomo Kenyatta. Ao mesmo tempo, apareceron outros grupos e sociedades que reclamaban a liberdade, entre os que destacou a organización político-relixiosa Mau-Mau, que adquiriu a forma dunha sociedade clandestina. Os seus ataques contra os colonos provocaron unha dura campaña de represión desde a administración colonial na que se arrestaron os principais dirixentes nacionalistas e se disolveron os partidos políticos.
A independencia e o goberno de Jomo Kenyatta
En 1960 a KAU volveu á legalidade co nome de Kenya African National Union (KANU), apoiada polos sectores urbanos, e acadou a vitoria nas eleccións. Despois das eleccións de maio de 1963, Kenya acadou a autonomía e J. Kenyatta ocupou o cargo de primeiro ministro. O 12 de decembro de 1963 Kenya conseguiu a independencia dentro da Commonwealth e J. Kenyatta foi elixido primeiro presidente. O seu réxime, que apoiou a implantación das trasnacionais e a libre empresa, respectou os colonos brancos pero practicou unha redistribución da terra favorable aos kikuiu.
Os gobernos de Daniel T. Arap Moi
Trala morte de J. Kenyatta sucedeuno no poder Daniel T. Arap Moi (1978) que propiciou o desmantelamento das estruturas tribais e adoptou medidas populistas, ao tempo que a represión e o peche das universidades se converteu nunha práctica habitual. En 1982, despois dunha reforma constitucional, Moi instaurou o monopartidismo e, como consecuencia, en agosto dese ano produciuse un intento de golpe de estado, que fracasou e provocou unha dura represión sobre os grupos opositores. Moi foi confirmado no cargo nas eleccións de 1987 e introduciu novas emendas á constitución, que ampliaron os poderes do presidente e suprimiron a independencia do poder xudicial. As presións dos principais doantes de axuda obrigaron o goberno de Moi a unha certa apertura política nas eleccións de 1993, pero a oposición, organizada ao redor do Forum for the Restoration of Democracy-People (FORD), escindiuse en tres partidos e Moi venceu de novo. Richard Leakey protagonizou un novo intento de unificar a oposición en 1995, pero sufriu un grave acoso polo goberno. Moi venceu nas eleccións de 1997 por unha estreita marxe a pesar das denuncias de fraude electoral e intimidación aos candidatos da oposición. Ese ano o país sufriu importantes inundacións e producíronse epidemias de cólera e de malaria, ademais de diversos conflitos étnicos. En agosto de 1998 grupos terroristas bombardearon as embaixadas de EE UU en Nairobi e Dar es Salaam (Tanzania), feito que provocou máis de 250 mortos e máis de 5.000 feridos. O verán de 1999 marcou o comezo dunha longa secura que persistiu en 2000.
O goberno de Mwai Kibaki
As eleccións presidenciais do 27 de decembro de 2002 levaron á presidencia a Mwai Kibaki, da National Rainbow Coalition (NARC), e marcaron a fin do poder de Daniel T. Arap Moi. O novo goberno emprendeu un programa de reformas nas que se inclúen os despidos de funcionarios corruptos, a abolición da pena de morte e o ensino gratuíto.