keynesianismo

keynesianismo

(< antropónimo J. M. Keynes)

s m [ECON]

Corrente fundamentada nas ideas de J. M. Keynes sobre o control do nivel de actividade económica, contidas en The General Theory on Employment, Interest and Money (1936). Centrouse na defensa da política fiscal como instrumento máis válido da política económica, por oposición á política monetaria defendida por cuantitativistas e neocuantitativistas. Desde o final da Segunda Guerra Mundial a aceptación dos presupostos e as solucións keynesianas foi case xeral entre os economistas, ata o momento en que, como consecuencia da obra de M. Friedman e da escola de Chicago, cara á metade da década de 1950, foi reprimida a defensa dos presupostos monetaristas. O debate pareceu gañado polos keynesianos cos bos resultados obtidos por estes como asesores e membros do equipo dos presidentes Kennedy e Johnson, a principios de 1960, e a posta en práctica da denominada nova economía. Non obstante , a partir de 1966 comezou a fracasar o uso da política fiscal como correctora da política inflacionista estadounidense creada pola Guerra de Vietnam, mentres en Reino Unido a política económica keynesiana se desacreditaba cos fracasos no aproveitamento da devaluación de 1967. Cabe destacar a achega renovadora do keynesianismo en canto teoría económica, sobre todo no que fai referencia á demanda de diñeiro, aos mecanismos de transmisión da política monetaria e á teoría do interese. Posteriormente, as diferencias máis notables entre os monetaristas e a escola keynesiana centráronse na definición e funcionamento do mercado de traballo e na explicación da fixación de salarios. O keynesianismo foise separando progresivamente das ideas iniciais de Keynes, e puxo de relevo os aspectos prácticos ou de política económica da súa obra, mentres que foi esquecendo os fundamentos e as achegas teóricas do fundador da escola, que foi obxecto de toda unha discusión teórica pola que se clarificaron e superaron as diferencias entre monetaristas e fiscalistas. As consecuencias da aplicación deste novo keynesianismo, que consistía en apoiar a demanda e o control do nivel de actividade a través das políticas monetarias, fiscal e presupuestaria, deron lugar a unha hipertrofia do estado, que, segundo os críticos liberais, é unha das causas principais da crise actual, especialmente pola importancia do déficit público. Fronte ás formulacións keynesianas, os liberais preconizaron un retorno á concepción clásica da actuación basicamente subsidiaria do Estado, unha primacía da política monetaria e o retorno ao equilibrio orzamentario.