idade

idade

(< lat aetāte)

    1. s f

      Tempo transcorrido desde que un ser nace.

      Ex: Ten sesenta anos pero aparenta menos idade. É dificil calcular a idade desta árbore.

    2. s f [DER]

      Período de existencia da persoa desde o momento do nacemento ata o momento que se toma en consideración. Legalmente, a idade determina a capacidade xurídica e de obrar da persoa. As lexislacións modernas adoitan establecer dous estados na vida da persoa: a maioría de idade, á que se chega cando se acada unha idade determinada e que outorga ao maior de idade a plena capacidade de obrar, e a minoría de idade, respecto á cal a regra é a incapacidade de obrar e a submisión á patria potestade ou á tutela do menor de idade. En España a maioría de idade acádase aos 18 anos, aínda que para determinados actos hai excepcións, como é a idade para contraer matrimonio civil (desde os 14 anos), para adoptar (a partir dos 25 anos) e para testar (a partir dos 14 anos).

    3. estructura por idades [DEMOG]

      División da poboación en grupos segundo a idade. A estrutura por idades é causa e efecto da evolución xeral da poboación e un dato fundamental para a planificación económica e social. Para clasificar a poboación segundo a súa idade os demógrafos traballan con diferentes escalas. A clasificación máis elemental é a chamada grupos de idade: mozos (menos de 15 ou 20 anos), adultos (entre 15 ou 20 e 60 e 65 anos) e vellos (máis de 60 ou 65 anos), sen distinción de sexos. A importancia relativa de cada grupo depende da estrutura demográfica da poboación estudiada. Nunha poboación normal de estrutura preindustrial, isto é, con natalidade e mortalidade elevadas, practicamente equilibradas, os mozos representan case o 50% da poboación, os adultos o 40% e os vellos o 10%, aproximadamente. Se se produce un descenso da fecundidade ata chegar a un crecemento feble ou negativo, cunha natalidade e unha mortalidade moi baixas, como é o caso dos países desenvolvidos, a porcentaxe dos mozos (menos do 30%) diminúe sensiblemente, e aumenta, sen embargo, a porcentaxe de adultos (50%) e de vellos (20%), e xorde o risco de que as xeracións non se substitúan e que a poboación entre en decadencia. Cando se traballa con máis precisión, clasifícase a idade da poboación ano a ano ou de cinco en cinco anos, separando os sexos e representando as cifras ou as porcentaxes de cada clase nun dobre histograma, denominado pirámide de idades.

    4. idade escolar [EDUC]

      Idade en que os individuos están legalmente sometidos ás obrigacións escolares.

  1. s f
    1. Tempo que transcorre desde que unha cousa comeza a existir.

      Ex: O cadro que herdei ten case un século de idade.

    2. [ESTRATIG]

      Unidade xeocronolóxica de rango superior ao crono e inferior á época.

    3. [XEOL]

      Tempo transcorrido desde a formación dun material ou un relevo determinados. Emprégase normalmente o concepto de idade relativa, que se basea fundamentalmente en dous principios: o da superposición dos estratos e o da evolución orgánica. Na práctica, determínase polos fósiles atopados nun estrato ou nunha formación determinada. Segundo o estado evolutivo no que están, o estrato ou a formación son máis ou menos antigos ou modernos. A datación isotópica é a mais utilizada para a obtención de idades absolutas. Todos os procesos baséanse no feito de que os isótopos radioactivos decaen gradualmente co paso do tempo. Coñecido o período de desintegración dun isótopo determinado, é posible calcular o período de tempo durante o que se produciu o proceso.

    1. s f

      Cada un dos períodos en que se considera dividida a vida do home.

      Ex: Noteille moito cambio cando chegou á idade da adolescencia.

    2. idade avanzada

      Época da vida no que xa se é moi vello.

    3. idade madura

      Idade en que o home xa acadou o seu total desenvolvemento físico e intelectual, e xa se comeza a achegar á vellez.

    4. terceira idade

      Idade en que se entra na vellez. Normalmente considérase a partir dos 65 anos ou da idade de xubilación.

  2. s f
    1. [HIST]

      Cada un dos períodos en que se considera dividida a Historia. Esta división, de xeito artificial e variable, só é aplicable á civilización occidental, posto que as outras civilizacións teñen unha evolución cronolóxica diferente. Seguindo a división tradicional, atópanse catro idades históricas: a Idade Antiga, posterior á Prehistoria, que comprende desde a aparición da escritura ata as primeiras invasións xermánicas e a caída do Imperio Romano de Occidente (s V d C); a Idade Media, que chega ata a caída de Constantinopla en 1453; a Idade Moderna, que remata coa chegada ao poder da burguesía e a Revolución Industrial no s XVIII (a data límite é 1789, inicio da Revolución Francesa); e a Idade Contemporánea, que comprende o tempo actual. Estas divisións varían segundo a historia particular de cada territorio ou das diferentes ramas da cultura, e non teñen carácter definitivo.

    2. [HIST]

      Cada un dos períodos en que a humanidade dividiu tradicionalmente a Prehistoria: a Idade de Pedra e a Idade dos Metais.

    3. Período dunha cultura. Fálase, así, de idade de ouro, referíndose á época de maior esplendor dunha cultura.

    4. [MIT]

      Cada un dos períodos en que os antigos dividían o mundo en orde regresiva. A idade de ouro, segundo os poetas clásicos, foi a mellor época da humanidade, e corresponde ao reinado de Cronos. Segue a idade de prata, época en que a humanidade coñeceu o traballo, e que corresponde ao destronamento de Cronos por Zeus. Despois veu a idade de cobre en que a humanidade comezou coas guerras. No derradeiro período está a idade de ferro, en que a humanidade se converteu en inimiga dela mesma.

  3. idade mental [PSIC]

    Grao de desenvolvemento intelectual dun individuo, xeralmente, dun neno, fixado polos tests de intelixencia, con referencia a un individuo normal de desenvolvemento equivalente. O cociente intelectual exprésase pola relación entre a idade mental e a idade cronolóxica.

Frases feitas

  • De certa idade. Aplícase á persoa que comeza a ser vella.

  • De idade. Que está ao comezo da vellez.

Refráns

  • A idade fai o home amigo da verdade.
  • Anos non me leves; e meses, os que quixeres.
  • Ata os corenta ben paso; despois dos corenta ¡ai, meu brazo! ¡ai, miña perna!.
  • Cada idade quere o seu.
  • Coa idade vén o siso.
  • Médico, vello; avogado, novo.
  • Nin médico mozo nin barbeiro vello.
  • Non hai mozo enfermo nin vello san.
  • O borne aos corenta ou vive ou rebenta.
  • O mozo logo pode morrer pero o vello pouco pode vivir.
  • O que antes nace, antes pace.
  • O que aos vinte non é home e os corenta non é rico ten algo de borrico.

Palabras veciñas

ida | Ida | Ida, santa | idade | Idaho | Idalio/Idalia | Idas