Italia
Estado de Europa Meridional (301.338 km2; 60.042.358 h [2008]). Comprende a Península Itálica (situada entre o Mar Ligur, ao NO, o Mar Tirreno, ao O, o Mar Adriático, ao L, e o Mar Xónico, ao S) e as illas de Sardeña e Sicilia. Os Alpes sepárana de Francia, Suíza, Austria e Eslovenia. No interior da península existen dous estados independentes, San Marino e Cidade do Vaticano. A súa capital é Roma .
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
A Italia continental está formada polos Alpes, a chaira do río Po e a Península Itálica. Os Alpes son o paso de unión entre a Península Itálica e Europa, e teñen un papel moi importante na economía italiana. O único val importante é o Val de Aosta. Nos Alpes Centrais localízanse os cumios máis elevados, tallados pola acción dos glaciares (Mont Blanc, Monte Rosa, Bernina, Grand Paradiso). Ao pé dos Alpes atópase o sector dos grandes lagos (Como, Maior, Garda, Iseo e Orta), a rexión máis activa e urbanizada dos Alpes italianos. A Península Itálica está dominada polos Apeninos; a illa de Sicilia é unha prolongación desta cordilleira. Os Apeninos Ligures, pouco elevados, forman o sector setentrional da aliñación e separan a chaira do Po do Mar Ligur. Os Apeninos Centrais ou Toscanos son os máis elevados, dominados polos Abruzos (Gran Sasso, 2.914 m). Os Apeninos Meridionais non superan os 2.500 m. As vertentes occidental e oriental da cordilleira dos Apeninos presentan unha paisaxe moi diferente, oposta e variada. A vertente adriática ofrece ao N os glacis de Marcas, modelado por suaves outeiros e, ao S, a plataforma calcária de Puglia. As illas de Sardeña e Sicilia repiten os trazos da península e tanto os macizos sicilianos como os sardos deixan pouco espazo ás chairas.
Climatoloxía
Á dualidade morfolóxica de Italia correspóndelle, en liñas xerais, unha dualidade climática, se se exceptúa o clima de montaña dos Alpes. A chaira do Po permanece de feito fóra do dominio mediterráneo, polo que a Italia setentrional forma parte climaticamente da Europa Central. O rigor invernal débese ao estancamento das masas de aire frío procedentes do NL. O verán é tan caloroso coma no S da península ou incluso máis. O arco alpino ten o clima propio da alta montaña, con fortes precipitacións que en gran parte son en forma de neve. Na zona subalpina a presenza de lagos dá orixe a un microclima suave e soleado, que permite os cultivos de tipo mediterráneo. Na península e nas illas o clima é mediterráneo típico. As chuvias son pouco abundantes e diminúen cara ao S; nas illas rexístranse as mínimas. Un elemento característico do clima italiano son os ventos, como a tramontana e o mistral, fríos e violentos, ou o lebeche e o siroco, do S, que dominan no verán.
Hidrografía
A rede fluvial italiana, debido á disposición do relevo do país, é de escasa importancia. O único río importante, tanto pola súa lonxitude como polo seu caudal e a conca que drena, é o Po, que recibe pola esquerda os afluentes alpinos (que rexistran as máximas enchentes no verán) e pola dereita os afluentes apenínicos (con enchentes no inverno e na primavera). Na península os ríos son de curso breve, agás o Tíber e o Arno. Na vertente adriática os ríos son aínda máis curtos e practicamente paralelos entre si. No S son moi irregulares, de tipo torrencial. Os principais ríos de Sicilia e Sardeña son o Salso e o Tirso, respectivamente. Os lagos localízanse fundamentalmente na zona prealpina.
Medio natural
A maior parte de Italia é terra de bosque caducifolio e de flora e fauna predominantemente eurosiberiana. A chaira do Po pertence á zona das carballeiras húmidas centroeuropeas. Actualmente nesta chaira non hai xa bosques, pois foron substituídos, por efecto da actividade antrópica, por formacións degradadas e praderías. Os faiais esténdense polas montañas e chegan aos Apeninos Meridionais e incluso a Sicilia. O resto do país corresponde ao dominio das carballeias secas submediterráneas que descenden ata altitudes moi baixas. A vexetación tipicamente mediterránea limítase a unha estreita banda que segue a costa desde Liguria ata Marcas. Trátase principalmente de vexetación boreomediterránea do dominio dos aciñeirais. A vexetación austromediterránea aparece nos lugares máis inaccesibles do litoral ligur e no extremo meridional do país. Nos Apeninos a faia e o abeto adoitan formar o límite superior do bosque; máis arriba hai prados alpinos cunha forte influencia mediterránea.
Xeografía económica
Sector primario
A poboación ocupada nas actividades agropecuarias é tan só o 5%. Para frear o subdesenvolvemento do S, o Estado levou a cabo diversas medidas, como a potenciación dos regadíos, a construción de estradas e a reforma agraria, dirixida a combater o latifundismo e á difusión da pequena propiedade directa. Os cereais ocupan o primeiro lugar na produción: cultívase trigo en Emilia-Romaña, Toscana, Marcas e Sicilia; millo en Véneto, Lombardia e Piemonte); arroz e cebada. Tamén se cultiva: vide, en todo o país, que o converten no segundo produtor mundial de viño, oliveira, no S do país, que fan del o segundo produtor de aceite, froiteiras, especialmente cítricos no S e en Sicilia, pero tamén maceiras, pexegueiros e pereiras, patacas, hortalizas, tabaco, xirasol e remolacha azucreira. A gandería bovina ten unha certa importancia en Piemonte, Lombardia, Véneto e Emilia-Romaña, como a ten o gando lanar en Lacio, Sicilia e Sardeña. Tamén destaca o porcino en Emilia-Romaña e Lombardia. Da gandería obtense carne (de porcino, aves de curral e bovino), leite (cuarto produtor mundial de queixo), ovos e la. A explotación forestal céntrase nas rexións alpinas, en Umbria, Campania e Calabria.
Minería
Italia é un país pobre en recursos mineiros e enerxéticos, polo que ten que importar carbón, ferro e petróleo. Extráese petróleo en Sicilia e gas natural na chaira do Po, ademais de uranio, aínda que todos en proporcións moi modestas. A produción de ferro limitábase á illa de Elba e o Val de Aosta. Pola contra, teñen importancia os xacementos de xofre de Sicilia, cinc, chumbo, manganeso, cobre, feldespato, fluorita, sales potásicos e sal xema, ademais de pedras ornamentais, como o mármore. A produción enerxética é insuficiente e Italia importa enerxía de Francia, Suíza e Austria.
Industria
A industria italiana caracterízase na súa estrutura por unha forte concentración e polo control estatal nun amplo sector. A distribución territorial da industria italiana caracterízase polo predominio da zona norte, onde sobresae o denominado triángulo industrial, formado polo eixe Milán- -Turín, conectado polos dous extremos co porto de Xénova, malia que non é capital dunha gran rexión industrial, como o son Véneto, Emilia-Romaña e Toscana. A industria metalúrxica é unha das máis desenvolvidas, e experimentou un incremento notable: produce ferro coado (oitavo produtor mundial, chumbo, cinc, aceiro (sexto produtor), coque e aluminio. A industria mecánica está moi diversificada xa que produce material ferroviario, máquinas de escribir, calculadoras, máquinas de coser, electrodomésticos, buques e avións, maquinaria agrícola, material bélico, tractores, motocicletas, bicicletas, televisores, automóbiles (quinto lugar na produción mundial de turismos), produtos téxtiles (fíos de algodón, lá, seda) e de confección. A industria química tivo un rápido crecemento, e destaca a produción de fibras artificiais. A química tradicional de base (ácidos sulfúrico e nítrico, sosa cáustica, etc), viuse incrementada coas refinerías de petróleo, a de obtención de aceites industriais, de abonos nitroxenados, pneumáticos, xabóns e produtos farmacéuticos. A industria alimentaria ocupa un lugar destacado, e está moi estendida a fabricación de fariñas e pastas. Tamén son notables as industrias do viño, do aceite de oliva, azucre, cárnicos, lácteos e cervexa.
Comunicacións e comercio exterior
Italia dispón dunha mesta rede ferroviaria, en gran parte electrificada. O gran porto marítimo do país é Xénova, aínda que o supera en exportacións o porto sardo de Porto Foix e como porto de pasaxeiros o de Nápoles. O principal aeroporto é o de Fiumicino, en Roma. Na balanza comercial as importacións (maquinaria e equipamentos de transporte, produtos químicos e alimentarios de Alemaña, Francia, Países Baixos e Reino Unido) superan as exportacións (maquinaria e equipamentos de transporte e confección, cara a Alemaña, Francia Reino Unido e EE UU). A rexión máis turística é Véneto, seguida de Trentino-Alto Adige, Toscana e Lacio.
Economía
Despois da etapa de reconstrución posbélica, en que progresivamente foron eliminados os controis propios do sistema fascista e se puxeron as bases para unha nova estrutura industrial, a economía italiana entrou nunha fase de crecemento sostido (que durou ata 1963), con estabilidade nos prezos e equilibrio na balanza de pagamentos. Os prezos mantivéronse estables porque os salarios medraron menos que a produtividade e diminuíu, xa que logo, o custo do factor traballo. En 1963 produciuse a primeira gran crise económica italiana: a unha forte alza de prezos sucedeu unha redución importante da taxa de crecemento; a aparición de déficits de certas categorías de traballo no norte deu un novo pulo aos sindicatos, os salarios creceron máis rapidamente que a produtividade e tanto a participación nos beneficios (sobre todo nos sectores máis dinámicos) como os incentivos ao investimento reducíronse; consecuentemente, a estrutura do consumo mudou: produtos que antes se exportaban desviáronse cara ao mercado interior e a demanda de importacións aumentou. Unha segunda crise, de características semellantes, foi a de 1969-1970. A terceira crise, a de 1973-1974 tivo a súa orixe na forte alza de prezos das materias primas e do petróleo, que iniciou un grave proceso inflacionista que se freou coa aplicación de medidas monetarias, aínda que a redución da produción e da demanda interna foron drásticas e inmediatas.
Xeografía humana
Demografía
O crecemento da poboación italiana foi moi rápido, xa que desde a unificación duplicouse amplamente. O crecemento podería ter sido incluso moito maior se non fose pola importancia da emigración exterior (entre 1861 e 1991 emigraron máis de 29 millóns de italianos, sobre todo cara a América). O comportamento demográfico italiano reflicte unha sociedade industrializada tardiamente na que aínda é importante o peso do medio rural meridional. As diferencias entre a Italia do norte e a do sur son patentes na natalidade. A distribución demográfica territorial é bastante homoxénea, a excepción dos territorios montañosos. Outra característica peculiar é a importancia do medio urbano, caracterizado por unha rede de cidades medias con vitalidade propia. O medio rural presenta dous patróns de comportamento en relación co tamaño e as dispersión das poboacións. No N e no centro, onde domina a pequena propiedade da terra, as poboacións son de dimensións reducidas e dispersas (Piemonte, Abruzos, Toscana). Pola contra, no S, onde domina o latifundio, as poboacións son máis grandes e as pequenas aldeas só se localizan nas áreas montañosas.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Italia é un estado poboado maioritariamente por italianos, pero que conta cunha diversidade étnica moi importante, xa que hai importantes colonias nacionais, arraigadas desde hai séculos nos seus propios enclaves ou territorios, de alemáns, eslovenos, gregos, franceses e croatas. Unha inmigración posterior, que coincidía co desenvolvemento industrial da década de 1960, incorporou albaneses e africanos. A constitución garante a liberdade de culto e a igualdade fronte á lei de todas as confesións. A Igrexa Católica é maioritaria (acolle o 90% da poboación como fieis).
Situación lingüística
O territorio italiano é o máis fragmentado lingüisticamente de Romania, e aquel en que as variedades rexionais están máis vivas. As distintas variedades lingüísticas xurdidas do latín que se falan en Italia poden clasificarse en: setentrionais que á súa vez se dividen nas variedades galoitálicas (ligur, piemontés, lombardo, emiliano) e no véneto; toscano (florentino, sienés, occidental, aretino, grossetano-amiatino, apuano); centrais (marquisano central, umbro, lacial, cicolano-reatino- -aquilano); meridionais intermedias (marquisano meridional-abrucés, molisano, pullés, lacial meridional e campano, lucano-calabrés setentrional) e meridionais extremas (salentino, calabrés centromeridional, siciliano). Tamén están no ámbito románico, o sardo, o siciliano, o corso, o provenzal, que se fala nunha ducia de vales alpinos, o francoprovenzal e o catalán no Alghero (Sardeña), e o friulano e o ladino, linguas retorrománicas. Do grupo xermánico está o tirolés e outras linguas dispersas por distintas rexións do Trentino e do Friül. Ás linguas eslavas pertencen o esloveno, en Trieste e nos altos vales da rexión de Friül-Venecia-Xulia.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano situaba a Italia entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 20º posto cun índice do 0,909). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 77 anos para os homes e de 83 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 98,4% da pobación; o índice bruto de escolaridade é do 84%; e o PNB por habitante é de 23.626 $ EE UU.
Medios de Comunicación
Tanto a prensa como a radio e a televisión gozan dunha ampla marxe, sancionada pola constitución e regulada pola disposicións lexislativas. Roma e Milán son os principais centros da prensa. Os diarios máis importantes segundo os seus índices de tiraxe e distribución son o Corriere della Sera (Milán), La Stampa (Turín), La Repubblica (RomaIl Messaggero (Roma), L Unità (Roma e Milán), Il Giorno (Milán), La Nazione (Florencia), Il Resto del Carlino (Boloña), e os deportivos La Gazzetta dello Sport (Milán) e Corriere dello Sport-Stadio (Roma). Ademais, todos os partidos políticos posúen un diario ou un semanario propios como voceiros do partido. Os máis importantes son L Unità (PCI), Avanti! (socialista) e Il Popolo (democracia-cristiá). Á parte dos diarios, hai unha gran cantidade de revistas (máis de 4.000), e mesmo algunhas delas superan os 800.000 exemplares de tiraxe. Das máis difundidas destacan La Famiglia Cristiana, Gente, Domenica del Corriere, Oggi, Epoca, L Europeo, Panorama, L Espresso e Il Tempo. Dende 1976 creáronse unhas 1.960 estacións locais comerciais de televisión e un millar de emisoras de radio. Malia que é ilegal a retransmisión televisiva para todo o Estado, na práctica existen tres redes estatais (Canale 5, Italia Uno e Rete Quattro, con dúas canles) cunha audiencia similar á da RAI (que dispón de tres canles: RAI Uno, RAI Due e RAI Tre).
Goberno e política
O estado italiano constituíuse en república despois do referendo institucional de 1946 que puxo fin a monarquía dos Savoia. A Constitución, promulgada o 27 de decembro de 1947, definiu a estrutura e o funcionamento do estado. En base a esta norma o poder lexislativo reside nun Parlamento bicameral constituído polo Senato della Repubblica, que conta con 325 membros, e a Camera dei Deputati composta por 630 membros. Os seus membros son elixidos por un sistema mixto: as tres cuartas partes dos representantes por sufraxio directo en cada circunscrición electoral, e o cuarto restante por un sistema de representación proporcional. O presidente da republica é o xefe do estado, elixido por ambas as dúas cámaras e un grupo de 58 representantes rexionais para un mandato de sete anos. O presidente nomea o primeiro ministro, normalmente o líder do partido maioritario no Parlamento, que dirixe o Consello de Ministros e exerce o poder executivo. O organismo que serve de garante supremo da Constitución é a Corte Costituzionalle, formada por 15 xuíces para un período de nove anos: cinco nomeados polo parlamento, cinco polo presidente da república e cinco pola suprema autoridade xurisdicional. A independencia do poder xudicial ten garantida a súa independencia polo Consiglio Superiore della Magistratura. Os principais partidos políticos son: Casa delle Libertà coalición conservadora formada entre outros por Forza Italia (FI), Alleanza Nazionale (AN), Lega Nord (LN,) rexionalista, Nuovo Partito Socialista Italiano (NPSI) conservador, e Unione dei Democratici Cristiani e dei Democratici di Centro (UDC). As forzas de centro-esquerda agrúpanse maioritariamente na coalición L Ulivo, integrada por Democratici di Sinistra (DS) socialdemócratas; La Mar-gherita-Partito Popolare Italiano (M) cristián-demócrata; I Democratici; Rinnovamento Italiano, centrista; e Il Girasole- -Federazione dei Verdi ecoloxistas. Entre as forzas de esquerda inclúese tamén Rifondazione Comunista (RC). Existen ademais diversos partidos que defenden intereses rexionais como Südtiroler Volkspartei (SVP, Partido Popular do Sur do Tirol) representante da minoría xermanófona, e a Union Valdôtaine (UV, Union do Val de Aosta). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Consello de Europa, OTAN, OCDE, ONU, OSCE e Unión Europea.
Historia
Prehistoria e Idade Antiga
As primeiras marcas da prehistoria italiana remóntanse ao Pleistoceno e identificáronse co xénero Homo Erectus. Deste período destacan os xacementos de Pineta di Isernia, cara a 730.000 a C, e Quinzano (Verona), ao redor de 400.000 a C. Grupos de cazadores e recolledores do xénero Homo Sapiens ocuparon o territorio a partir de 170.000 a C, e deixaron marcas da súa presenza en ferramentas e ósos de animais. Os principais sitios deste período atópanse en Serbaro, no centro de Italia e nas proximidades do río Foro, en Abruzos. No Paleolítico Medio chegou a Italia o Homo Sapiens Neanderthalensis. Os restos destas poboacións atopáronse en diversos lugares: nas cavernas de Circeo (Lacio), nas terrazas do val do Tíber (Roma) e en Gargano (Puglia). No Paleolítico Superior produciuse a chegada cara a 20.000 a C dos Cro-Magnons, do xénero Homo Sapiens Sapiens, que deixaron abundantes restos en forma de útiles líticos e sepulturas. Durante o Mesolítico introduciuse a inhumación como práctica funeraria, presente nos xacementos de Balzi Rossi, Arene Candide, Colli Berici (Covolo della Paina), Capri (Grotta delle Felci) e Positano (Grotta della Porta). As primeiras aglomeracións de poboación en campamentos en terreo aberto producíronse en Puglia cara a 7.000 a C e, durante o milenio seguinte, chegaron ao S de Italia grupos de procedencia oriental que mesturaban a agricultura e a caza co pastoreo, e habitaban en grutas ou cabanas onde enterraban os seus mortos. Mentres, ao N da península, que non sufriu o contato con pobos orientais, conservou unha economía baseada na caza ata o IV milenio a C. O Neolítico Medio está representado por diversas culturas que presentan influencias danubianas e do Mediterráneo oriental, como as de Matera, Ripoli, a dos vasos de boca cadrada e a de Lagozza. Durante o Eneolítico destacaron as culturas de Remedello no N, de Serraferlichio e Castellucio en Sicilia, e as de Sardeña. No II milenio a C a civilización das terramare estendeuse pola chaira do N e prolongouse cara ao SL na costa oriental. O seu poboamento tipo, en cabanas de madeira construídas sobre estacas nas zonas lacustres, veu acompañado do desenvolvemento dunha agricultura cerealícola, baseada no trigo e a cebada e no traballo do metal. As súas prácticas funerarias incluían a incineración dos mortos. Durante a Idade do Bronce boa parte da península foi ocupada pola cultura apenínica, mentres que en Sicilia se desenvolveron variedades moi diferenciadas e en Sardeña se iniciou a fase dos nuraghi. A introdución do ferro, a partir de 1100 a C, veu acompañada dunha nova cultura, a vilanoviana, característica da Italia central e do norte. Desde o s IX a C os etruscos impuxéronse como a cultura dominante en Italia central e desenvolveron as explotacións minerais en Toscana e na illa de Elba, ao tempo que iniciaron unha industria de metais e tecidos. Os primeiros establecementos gregos producíronse no golfo de Nápoles cara a 750 a C coa fundación de Nápoles e Paestum. Posteriormente estendéronse pola costa meridional, e fundaron as polis de Metaponto, Locros, Síbaris, Crotona e Reggio, que constituíron a Magna Grecia. A derrota dos gregos polos etruscos, aliados cos cartaxineses, na Batalla de Alalia (540 a C) supuxo a fin do seu poderío. Despois da revolta da aristocracia latina contra o réxime monárquico dos etruscos (509 a C) constituíuse unha república oligárquica e patricia que iniciou un proceso de expansión no que se impuxeron sobre diversos pobos, como os volscos e samnitas. As vitorias sobre Cartago e a Macedonia helena despois das Guerras Púnicas, permitiron que os romanos impuxeran o seu modelo de sociedade e consolidasen o dominio sobre a Península Itálica. Paralelamente, unha relativa paz interna permitiu o desenvolvemento das infraestruturas da civilización romana coa construción de estradas, acuedutos, cidadelas e outras obras de enxeñería. O Imperio Romano consolidouse definitivamente en 42 a C e alterou profundamente a organización e a estrutura social, cunha diminución dos poderes do Senado, a creación de diversos cargos que servían de intermediarios, como os prefectos, e os cónsules, e a perda de autonomía dos municipios fronte aos gobernadores. A evolución do Imperio Romano favoreceu que a zona do norte adquirise maior importancia, nela destacaron cidades como Milán, que durante o Baixo Imperio foi residencia imperial, ou Aquileia, porto e centro de relacións cos Balcáns e a Europa danubiana.
A Alta Idade Media
Os pobos bárbaros comezaran a infiltrarse nos territorios imperiais antes da división do Imperio Romano. O derradeiro dos emperadores, Rómulo Augústulo, foi desposuído por Odoacro, xefe das milicias bárbaras, que puxo fin ao Imperio Romano de Occidente (476). A autoridade tranferiuse ao Imperio Romano de Oriente e o Emperador Zenón recoñeceu a autoridade de Odoacro como vicerrei de Italia e rei dos godos. En 493 Teodorico I, xeneral do Imperio de Oriente, venceu a Odoacro e converteuse en rei dos godos. O establecemento do reino ostrogodo en Italia liderado por Teodorico I, supuxo a continuación da cultura romana e permitiu conservar as antigas institucións. Sucedeuno Atalarico, baixo a rexencia da súa filla Amalasunta ata a súa morte (526-534), cando foi acusada de usurpación e pediulle axuda ao emperador bizantino Xustiniano I. O emperador declaroulle a guerra aos ostrogodos e enviou o xeneral Belisario, que reconquistou Italia nunha campaña desde o S. Despois da conquista de Sicilia, avanzou cara ao N e tomou Nápoles e Roma (538). En 568 os lombardos entraron por Friul, tomaron diversas cidades e constituíron un reino que comprendía Toscana, parte da Italia central e os ducados de Spoleto e Benevento, con capital en Pavia. Mentres, os bizantinos conservaron o exarcado de Ravenna, Padua e Venecia. Os lombardos, que asimilaron boa parte da civilización romana, especialmente despois da súa conversión ao cristinanismo a mediados do s VII, acadaron a paz con Bizancio en 680. No s VIII os ducados lombardos intentaron independizarse do Imperio Bizantino, mentres o Papa Zacarías pediu a axuda dos francos. Despois de enfrontarse a dúas expedicións francas, o rei lombardo Astolfo (749-756) tivo que cederlle terras ao papado, que creou un estado pontificio independente de Bizancio. A extensión territorial do papado continuou con Estevo II, que lle conferiu a Pipino I o Breve, rei dos francos, o título de patricio dos romanos a cambio do exarcado de Ravenna e do Ducado de Roma. O reino lombardo foi conquistado durante o reinado de Carlomagno e transformouse en territorio franco, xunto co Ducado de Spoleto (781). Pola Paz de Aquisgrán (812), Bizancio recoñeceu o poder dos monarcas francos ao tempo que reafirmou a soberanía sobre Venecia e o S da península de Italia. Á morte de Carlomagno produciuse a disgregación do dominio franco en Italia, e iniciáronse os ataques dos árabes en Sicilia, que ocuparon a illa (827). Os musulmáns realizaron incursións polo S da península, ocuparon Bari (842) e chegaron a Roma (846), que foi saqueada. Luís II, fillo de Lotario I e futuro emperador, recuperou Bari (871) pero fracasou no intento de someter a revolta dos lombardos de Benevento. O seu sucesor Carlos II o Calvo, coroado en Roma en 875, non puido derrotar os árabes. En 888 Arnulfo foi designado emperador, mentres, as familias rivais dos marqueses de Friul e dos duques de Spoleto disputaban o favor do papado e o título de reis de Italia. Despois da morte do Papa Formoso (896), a titularidade do papado pasou á familia do senador Teofilacto, que designou os sucesivos pontífices ata mediados do s X. En 951 Adelaida, viúva de Lotario II, rei nominal de Italia que fora asasinado polo marqués de Ivrea, reclamou a axuda de Odón I o Grande, que casou con ela e adquiriu o título de rei dos lombardos. Trala súa coroación en Roma (962) confirmou as doazóns feitas ao papado desde a época de Pipino e intentou estender o seu dominio sobre o S, onde o poder bizantino perdera forza. O seu fillo e sucesor, Odón II, foi derrotado polos árabes en Crotona (Calabria) en 982. Odón III chegou ao poder en 983, e iniciou as campañas en Italia en 996 na procura dun imperio romano e universal. En 999 estableceu a súa residencia en Roma, pero a rebelión dos romanos contra a súa autoridade imperial (1001), obrigouno a fuxir, mentres que a súa posición se debilitaba no centro e no N de Italia. Á morte de Odón III (1002), o seu sucesor, Enrique II, enfrontouse co marqués Arduino de Ivrea, elixido rei de Italia, e derrotouno (1004), ao tempo que mediou nas disputas entre as poderosas familias romanas. Á morte de Enrique II (1024) extinguiuse a casa imperial de Saxonia e sucedeuno Conrado II (1024-1039) da dinastía de Franconia, que continuou as pautas cesaropapistas e buscou o apoio da pequena nobreza para limitar o poder dos grandes nobres e bispos.
A época das comunas (ss XI-XIII)
No s XI xurdiron no N de Italia novas forzas sociais que aproveitaron as loitas entre os diversos señores feudais e eclesiásticos para acadar o poder político. En Xénova, Pisa, Milán, Florencia, e outras cidades coa excepción de Venecia, apareceu unha nova forma de goberno municipal, o común, no que interviña a burguesía, inicialmente a carón da pequena nobreza local. As cidades gobernadas polos cónsules e asesoradas por un consello, revitalizáronse e aseguraron a súa autonomía. Xénova e Pisa expulsaron os musulmáns de Córsega e Sardeña e intensificaron as relacións comerciais con Occidente e despois con Oriente. Estas actividades comerciais, máis tarde tamén coloniais, enfrontaron Xénova con Pisa e, trala derrota dos pisanos, os xenoveses cos venecianos (ss XIII-XIV). As cidades do interior (Milán, Asti, Piacenza, Luca, Siena e Florencia) desenvolveron a banca e as actividades industriais. Os seus banqueiros estendéronse por Europa e puxéronse ao servizo da corte pontificia e de diversas cortes reais, co que favoreceron o desenvolvemento das técnicas mercantís. No S de Italia, os normandos, que acudiran desde 1009 como mercenarios para loitar contra os bizantinos, obtiveron feudos desde 1030 e, posteriormente, emprenderon a conquista dos ducados longobardos, declarándose vasalos do papa en 1059. Na súa expansión territorial conquistaron a Sicilia musulmá e Nápoles (1137). Roxelio II formou un estado unificado e tomou o título de rei en 1030. A mediados do s XII o Emperador Federico I Barbarrubia tentou impoñer a súa autoridade sobre Italia, pero tivo que enfrontase coas cidades lombardas, e co papa pola cuestión do dominium mundi. Despois de seis campañas en Italia, (1154-1177), foi derrotado pola Liga Lombarda en Legnano e recoñeceu, pola Paz de Constanza (1183), as liberdades comunais, pero sen renunciar aos seus dereitos. O seu fillo e herdeiro, Enrique VI, casou con Costanza de Mauterville, herdeira do Reino de Sicilia, e conquistou o reino (1194). Trala súa morte, Costanza renunciou aos seus dereitos en favor do seu fillo menor Federico II, coroado emperador en 1212, que sufriu a excomuñón papal pola súa negativa á separar o Reino de Sicilia do Sacro Imperio. Venceu á Liga Lombarda en Cortenuova (1237), pero posteriormente foi derrotado polos güelfos apoiados polo papa. Malia que o seu fillo Manfredo I de Sicilia venceu os güelfos en Montaperti (1260), o Papa Clemente IV investiu o francés Carlos de Anjou, como rei de Sicilia en 1266, e o partido güelfo impúxose na maior parte de Italia baixo a súa influencia. O goberno de Carlos de Anjou caracterizado pola represión contra os partidarios dos Hohenstaufen, os elevados impostos, a substitución dos funcionarios autóctonos por outros franceses e o traslado da capital do Reino de Palermo a Nápoles, provocaron a revolta coñecida como Vésperas Sicilianas (1282). A intervención do monarca Pedro II de Aragón, casado cunha filla de Manfredo, a favor dos sublevados dividiu o antigo Reino de Sicilia en dous estados, e pola Paz de Caltabellotta (1302) a situación consagrouse: o Reino de Nápoles dominado polos anxevinos, e Sicilia, sometida aos aragoneses. Mentres, as loitas entre as distintas cidades do N de Italia foron constantes e combináronse con guerras civís urbanas, nas que güelfos e xibelinos continuaron os seus enfrontamentos polo goberno.
A época das señorías (ss XIV-XV)
A desaparición das estruturas feudais e a crise do sistema de goberno comunal, provocou desde comezo do s XIV un desprazamento do poder cara a persoas ou familias destacadas, que acadaron o apoio popular e da burguesía porque aseguraban o desenvolvemento normal da vida cidadá. O novo sistema de goberno, as señorías, veu acompañado da aparición das milicias mercenarias, que se transformaron en compagnie di ventura. Mentres, no Reino de Nápoles conserváronse as vellas estruturas feudais e acentuáronse as diferencias entre o N, o centro e o S. A pesar das crises en diversos sectores e das dificultades provocadas polas continuas guerras, a economía das cidades do norte e do centro de Italia continuou o seu desenvolvemento, ao tempo que floreceron as artes, as ciencias e a literatura e se desenvolveu o humanismo. O eixe da política no N de Italia foi, dunha banda a expansión dos Visconti de Milán pola Lombardia, Emilia, Piemonte e Liguria, incluída Xénova; e doutra banda, a expansión de Venecia pola terra firme co fin de protexerse contra as ambicións dos señores veciños. Na Italia central, Florencia continuou tamén a súa expansión e apoderouse de Pisa (1406). Neste período os Estados Pontificios atravesaron unha crise profunda agravada pola ausencia dos papas, instalados dende 1305 en Aviñón. Numerosos legados pontificios tentaron restaurar a autoridade papal nas diversas cidades da rexión. Sardeña foi conquistada polos aragoneses entre 1323 e 1324, e conservaron o seu dominio ata o s XVIII. Sicilia foi ocupada polo infante Martiño (1392) e permaneceu unida directamente á coroa aragonesa tamén ata o s XVIII. O Reino de Nápoles atravesou unha grave crise durante o reinado de Xoana I (1343-1382) e as diferentes ramas da dinastía anxevina enfrontáronse nunha loita fratricida que devastou o país. En 1435 produciuse unha nova crise con motivo da sucesión da Raíña Xoana II, e despois dunha loita contra outros pretendentes, o monarca aragonés Afonso V de Aragón o Magnánimo conseguíu o trono de Nápoles (1443). Francesco Sforza, apoiado por Francia e aliado con Florencia, derrotou a Afonso V e conseguiu o Ducado de Milán (1450). En 1454 asinouse a Paz de Lodi, que tentou establecer o equilibrio en Italia sobre a base do dominio non hexemónico de cinco estados: Venecia, Milán, a Santa Sé, Nápoles e Florencia. Na segunda metade do s XV continuaron os enfrontamentos entre Afonso V e Xénova, e trala súa morte o seu sucesor, Fernando I, tivo que loitar contra Xoán de Anjou, apoiado por un sector da nobreza do Reino de Nápoles. Nos Estados Pontificios, despois dunha época de desorde, o papado esforzouse por impoñer a súa autoridade pero perdeu prestixio espiritual polo nepotismo que practicaron os papas. A ameaza dos turcos concretouse nos ataques a Friul e a ocupación de Otranto (1480-1481). Venecia, axudada polo papado, sostivo a guerra de Ferrara contra os D’Este (1482-1484). Mentres, a conxura dos baróns anxevinos napolitanos, apoiados polo papado, Xénova e Venecia, enfrontounos con Fernando I de Nápoles, sostido por Milán, Florencia e Siena (1485-1492). Ambos os dous bandos contaron con valedores fóra do territorio italiano, que se converteu en campo de batalla entre Carlos VIII de Francia e os Reis Católicos.
Italia entre 1494 e 1789
A expedición de Carlos VIII a Nápoles marcou o comezo das Guerras de Italia, polas que a monarquía hispánica se asegurou o dominio da maior parte da Península Italiana ata o s XVIII. Esta exerceu directamente o poder no Ducado de Milán, no estado dos presidios da Toscana e nos reinos de Nápoles, Sicilia e Sardeña, mentres que as repúblicas de Venecia, Xénova e Luca, o Marquesado de Montferrato, os ducados de Savoia, Modena, Reggio e Ferrara, o Gran Ducado da Toscana e os Estados Pontificios permaneceron independentes. O dominio hispánico coincidiu cunha época de decadencia en Italia, que viu o seu territorio ameazado polos corsarios turcos e berberiscos. As rutas tradicionais do comercio con Oriente foron pechadas polos turcos; os xenoveses e venecianos perderon as súas colonias orientais, e o centro de gravidade da economía pasou do Mediterráneo ao Atlántico. Xénova conseguiu beneficiarse do desenvolvemento do comercio con América a través da monarquía hispana, Venecia mantivo a súa prosperidade durante o s XVI, e a actividade industrial, especialmente os tecidos da seda, desenvolveuse no Milanesado e Florencia. A decadencia fíxose máis sensible no s XVII, especialmente no Reino de Nápoles e Sicilia, cando o déficit na produción de alimentos orixinou algunhas revoltas populares. Fronte ao esplendor do Renacemento, a libre expresión dos pensadores e dos artistas viuse afectada polo movemento da Contrarreforma. A decadencia do dominio hispánico comezou coa Guerra de Sucesión Española (1702-1714). Os Tratados de Utrech-Rastatt (1713-1714) outorgáronlle aos duques de Savoia, Sicilia e Montferrato; os austríacos recibiron unha parte do Milanesado e os reinos de Nápoles de Sardeña. España non aceptou este reparto e despois de ocupar Sardeña (1717) e Sicilia (1718), orixinou un cambio: Sardeña pasou aos Savoia, e Sicilia aos Austria. Na Guerra de Sucesión de Polonia (1733-1735) España obtivo Nápoles e Sicilia de Carlos I de Parma (futuro Carlos III de España), mentres que Austria obtivo o Milanesado e Parma, Toscana foi cedida ao duque de Lorena, e o rei de Sardeña obtivo algunhas terras no Milanesado. Trala súa participación na Guerra de Sucesión de Austria (1741-1748) España obtivo o recoñecemento da soberanía dos ducados de Parma, Piacenza e Guastalla para o infante Filipe. Italia, coa excepción de Venecia e Xénova, recuperouse da decadencia do século anterior, renováronse as estruturas administrativas, recuperouse a economía e a cultura experimentou un notable florecemento.
Do Risorgimento á Italia fascista
Os conceptos sostidos pola Revolución Francesa enraizaron nos estados italianos, pero as monarquías absolutistas reunidas no Congreso de Viena (1814-1815) reestruturaron o mapa político italiano segundo os seus criterios. Ao N permaneceron o Principado de Piemonte e o Reino de Sardeña gobernado por Víctor Manuel I, que recibiu Lombardia, mentres que Venecia pasou aos austríacos. No centro estableceuse o Gran Ducado de Toscana, baixo Fernando III, os ducados de Parma e Piacenza outorgados á arquiduquesa María Luísa, o de Modena baixo Francisco IV, e os Estados Pontificios (Roma, Umbria e as Marcas). Ao S o Reino de Nápoles foi restituído a Fernando IV. O retorno ao Antigo Réxime e a influencia austríaca na península provocaron unha intensificación do movemento clandestino dos carbonarios, antiabsolutista e defensor dos principios da Revolución Francesa. Os carbonarios contaron co apoio dunha parte da aristocracia e da alta burguesía, que tentaban acadar a liberdade civil e económica, xunto coa independencia e a unificación nacional. A acción subversiva canalizouse a través de sociedades secretas, como a Nova Italia, e marcou o comezo do denominado Risorgimento. O triunfo do liberalismo en España (1820) induciu á sublevación dunha parte do exército de Nápoles, que obrigou o rei a xurar unha constitución inspirada na hispana. A intervención de Austria, coa autorización das potencias absolutistas, esmagou os liberais napolitanos. Como reacción, os carbonarios e a Federación Italiana aliáronse en Sardeña co príncipe Carlos Alberte de Savoia, que se converteu en rexente e promulgou unha constitución idéntica á española. Austria interveu de novo e restableceu o absolutismo. A revolución burguesa de Francia de 1848 incidiu con forza nos estados italianos e Daniele Manin restableceu a República de Venecia, mentres Giuseppe Mazzani fixo o mesmo en Toscana. Ao ano seguinte proclamouse a república nos Estados Pontificios. Unha nova derrota de Carlos Alberte de Savoia fronte aos austríacos en Novara (1849) obrigouno a abdicar no seu fillo Víctor Manuel II e provocou unha recesión política en toda a península. A alianza co monarca francés Napoleón III, interesado en contrarrestar a influencia de Austria en Italia e simpatizante dos movementos nacionalistas, co conde de Cavour, primeiro ministro de Piemonte, permitiu a derrota dos austríacos en Magenta e Solferino (1859), polo que lles cederon Lombardia aos piemonteses, mentres que Napoleón III se anexionou Alta Savoia. Ao mesmo tempo, Cavour, partidario da unificación, favoreceu as revoltas nos pequenos estados italianos como Parma e Modena, que se incorporaron ao Reino de Savoia-Piemonte-Lombardia xunto co Gran Ducado de Toscana en 1859. Giuseppe Garibaldi invadiu Sicilia á fronte dun grupo de voluntarios e expulsou de Nápoles a Francisco II. Despois da ocupación de Marcas e Umbria, Piemonte acordou co papa que Roma e Lacio continuasen sometidos á Santa Sé. En 1861 Víctor Manuel II proclamouse rei constitucional de Italia e iniciou as sesións do Parlamento. Os austríacos derrotaron os italianos en Custozza e Lisa (1866) pero Garibaldi venceunos en Trentino, e posteriormente Italia conseguiu Veneto de Francia. Despois da derrota de Francia polos prusianos (1870), Roma foi ocupada polos nacionalistas e converteuse na capital do novo reino. Desde 1869, os sucesivos gobernos emprenderon un programa de modernización económica, administrativa e militar. Víctor Manuel II foi sucedido polo seu fillo Humberto I (1878-1900). Durante o seu reinado Agostino Depretis dominou a vida política italiana (1876-1887) e conseguíu a estabilidade no goberno incluíndo no seu gabinete elementos das minorías parlamentarias de extrema esquerda e extrema dereita. Buscando protección fronte as posibles ambicións francesas, asinou a Triple Alianza, con Alemaña e Austria-Hungría. Os gobernos de Francesco Crispi (1887-1891 e 1893-1896) caracterizáronse por unha liña autoritaria no interior e unha ideoloxía expansionista, que se manifestou no establecemento de protectorados en África acompañada dunha crecente hostilidade cara a Francia e a progresiva aproximación con Alemaña. Tralo asasinato do Rei Humberto I, accedeu ao trono o seu fillo Víctor Manuel III. Ata a Primeira Guerra Mundial, a vida política estivo dominada polos gobernos de Giovanni Giolitti. Neste período continuaron as reformas internas, promulgouse unha avanzada lexislación social, ao tempo que se lle deu certa liberdade aos movementos obreiros, pero protexendo sempre a industria do N. Trala guerra con Turquía (1911-1912), obtivo Tripolitania e Cirenaica no N de África. Instaurou o sufraxio universal co apoio dos grupos católicos (1913). Durante a Primeira Guerra Mundial, Italia proclamouse neutral nun primeiro momento, pero uniuse aos Aliados polo Tratado de Londres (1915) a cambio de terras do Imperio Austrohúngaro. Derrotados en Caporetto (1917), os italianos acadaron a vitoria en Vittorio Veneto en outubro de 1918. Malia a vitoria, a Conferencia de París concedeulle a Italia só o territorio de Trentino-Alto Adige. A fin do conflito deixou o país empobrecido e nas eleccións de 1919 venceron os democratacristiáns. Polo Tratado de Rapallo (1920), Italia conseguiu de Iugoslavia a maior parte de Dalmacia, pero a crise de posguerra provocou unha forte axitación obreira e inestabilidade social, reflectida na creación en 1921 do Partito Comunista Italiano (PCI).
A Italia fascista e a Segunda Guerra Mundial
A burguesía, preocupada polo progreso do movemento obreiro comezou a apoiar masivamente o movemento fascista. O seu líder, Benito Mussolini, encabezou en 1922 unha marcha cara a Roma, e o Rei Víctor Manuel III convidouno a formar goberno. Despois da súa dubidosa confirmación nas eleccións de 1924, o goberno fascista modificou a estrutura e o funcionamento do estado, sobre o que impuxo os órganos e a estrutura do partido, e concentrou o poder en Mussolini. Abolíronse as liberdades de expresión e asociación e o dereito á folga, ao tempo que os partidos e grupos da oposición foron perseguidos. En 1929 Mussolini asinou os Pactos de Letrán polos que o papa acadou a soberanía sobre o Vaticano e a Igrexa recibiu diversos privilexios. A política expansionista de Mussolini en África, especialmente trala conquista de Etiopia, creoulle dificultades coas democracias occidentais, e despois da invasión de Albania achegouse a Alemaña. Ao comezo da Segunda Guerra Mundial, Italia permaneceu neutral, pero tralas fulminantes vitorias de Alemaña estableceu unha alianza con ela e Xapón, en xuño de 1940, e declaroulle a guerra aos Aliados. O descontento popular polo fracaso na conquista de Grecia e as sucesivas derrotas, provocaron a destitución de Mussolini polo Gran Consello Fascista en xullo de 1943. O Rei Víctor Manuel III nomeou xefe do goberno ao mariscal Pietro Badoglio, que firmou a rendición sen condicións aos Aliados o 3 de setembro do 1943. Mentres, as forzas alemanas cruzaran a fronteira e fixéranse co control do territorio italiano. A fuxida do rei e do goberno e o caos do exército, permitiron a liberación de Mussolini polos alemáns e o seu traslado a Alemaña. Nos territorios italianos ocupados polos alemáns estableceuse un goberno fascista republicano: a República Social Italiana ou República de Saló. As tropas alemanas detiveron o avance dos Aliados na denominada Liña Gustav ata o verán de 1944, mentres comezou a desenvolverse a resistencia dos partisanos italianos, divididos en grupos de inspiración católica, socialistas, monárquicos e as brigadas comunistas, que representaban ao redor do 50 % do movemento armado de liberación. Despois da liberación de Roma polos Aliados, en xuño de 1944, formouse un goberno provisional. Na primavera de 1945, ao tempo que os Aliados romperon as defensas alemanas e se estenderon polo val do Po, os partisanos lanzaron unha grande ofensiva que liberou as grandes cidades. Trala expulsión dos alemáns do N do país, en abril de 1945, Mussolini caeu en poder dos partisanos e foi executado.
A reconstrución de Italia e a Primeira República
Despois da guerra o predominio da democracia cristiá na asemblea consultiva provisional deulle o poder a Alcide de Gasperi, secretario de Unione dei Democratici Cristiani (DC). O referendo do 2 de xuño de 1946 decidiu a proclamación da república e o monarca Humberto II tivo que exiliarse. De Gasperi cooperou con EE UU polo que obtivo unha importante axuda do Plan Marshall e en 1949 Italia adheriuse á OTAN, e en 1957 asinou o Tratado de Roma que constituíu a Comunidade Económica Europea. A ruptura da Fronte Democratico Popolare en 1956 provocou a desunión entre comunistas e socialistas, e reforzou a posición dos democratacristiáns que continuaron controlando o goberno, pero en coalición con outros partidos. Amintore Fanfani promoveu a alianza cos socialistas. Moitas das reformas económicas, sociais, rexionais e relixiosas do goberno de centro esquerda foron omitidas ou atrasadas na súa aplicación, feito que provocou o fortalecemento e radicalización dos partidos proletarios. En 1974, despois dunha longa crise política, a á esquerda do partido formou un goberno de coalición no que reclamou a participación comunista, pero foi rexeitado polo sector máis conservador e por EE UU. A crise económica da primeira metade da década de 1970 acentuou a crise política no país e en 1976 caeu o goberno de Aldo Moro e convocáronse eleccións nas que os comunistas recibiron un forte impulso. A DC formou un novo goberno, encabezado por Giulio Andreotti, co soporte dos comunistas e doutros grupos da oposición. Ademais dos problemas económicos e sociais, Italia enfrontouse cun notable incremento do terrorismo fascista e comunista, como o secuestro e posterior asasinato de Aldo Moro polas Brigate Rossi (1978). Desde finais da década de 1970 sucedéronse diversos gobernos que tiveron que dimitir antes de finalizar o seu mandato, ben pola falta de soporte parlamanterio, ben pola corrupción dos seus membros. En 1978 accedeu á presidencia o socialista Alessandro Pertini, que negociou un novo concordato polo que a Igrexa Católica deixou de ser oficial. A caída do goberno de G. Andreotti (1979) orixinou novos comicios nos que volveu vencer a DC, e Francesco Cossiga converteuse en primeiro ministro, pero renunciou en 1980. Sucedeuno Arnaldo Forlani (1980-1981) que dimitiu pola implicación dos membros de DC nun asunto de espionaxe. O republicano Giovanni Spadolini formou dous gobernos de coalición (1981-1982). Sucedeuno como primeiro ministro o democratacristián Amintore Fanfani, pero despois da retirada dos socialistas (1983), disolveu o Parlamento e convocou eleccións. A DC non acadou suficientes representantes para gobernar en solitario e formou unha nova coalición pentapartita encabezada polo socialista Bettino Craxi (1985). Nas eleccións presidenciais dese ano F. Cossiga sucedeu a S. Pertini. O goberno de B. Craxi superou a crise política derivada do secuestro do navío Achille Lauro. Nas eleccións de 1987 a DC acadou a vitoria, mentres que o PCI conseguiu o punto máis baixo da súa decadencia que o levou á refundación do partido en 1991 co nome de Democratici di Sinistra (DS), mentres que o sector máis ortodoxo fundaba Rifondazione Comunista (RC). O democratacristián Giovanni Goria foi nomeado líder da coalición de goberno, pero dimitiu ao ano seguinte e foi sucedido por unha nova coalición encabezada polo democratacristián Ciriaco de Mira. Posteriormente alternaron no cargo Francesco Cossiga e Giuliano Amato.
O escándalo de Tangentopoli: a crise dos partidos tradicionais e a aparición de novas forzas
A inestabilidade política de comezos da década de 1990 viuse incrementada por novos escándalos que implicaban a membros da clase política e descubrían as súas conexións coa mafia, que actuaba con liberdade no S do país e que chegou a asasinar os maxistrados que investigaban estes casos, como o xuíz Falcone (1992). O deterioro da vida política e a destrución dos partidos tradicionais italianos, iniciada polo movemento xudicial e cidadán contra a Tangentopoli, a rede de subornos que afectou os grupos políticos, levou á aparición de novas formacións críticas co sistema político tradicional, como o partido antimafia La Rette ou a rexionalista Lega Nord (LN), que recollía o malestar producido pola dependencia económica do S estancado respecto as rexións do N. A substancial perda de votos forzou a DC a realizar unha refundación do partido en 1992 co nome de Partito Popolare Italiano (PPI). A crise institucional culminou en 1992-1993 coa dimisión por acusacións de corrupción de políticos destacados como F. Cossiga, B. Craxi e G. Andreotti. En xaneiro de 1994 disolveuse o Parlamento e convocáronse eleccións xerais nas que venceu a coalición de dereitas dirixida polo magnate Silvio Berlusconi, dono do segundo conglomerado de comunicacións do país, e que reunía o seu partido Forza Italia coa LN e a neofascista Alleanza Nazionale. As discrepancias na coalición, pola política relativa aos medios de comunicación e o decreto que suprimiu a prisión preventiva para determinados delitos, provocou o seu abandono pola LN en decembro de 1994. Esta situación forzou a dimisión de Berlusconi e o presidente Oscar Scalfaro nomeou o economista Lamberto Dini, en xaneiro de 1995, primeiro ministro nun goberno de transición. Nas eleccións lexislativas de abril de 1996 triunfou a coalición de L’Ulivo, liderada por Romano Prodi e co apoio de DS, formou un novo goberno no que participaron tamén personalidades independentes conservadoras e tamén os ex-comunistas de RC. O goberno de Prodi emprendeu unha política económica de contención e conseguiu incluír a Italia nos once países que cumpliron os requisitos de converxencia para acceder ao euro. En abril de 1998 a Camera dei Deputati aprobou dúas emendas constitucionais que prefiguraban o futuro estado autonómico. Durante o seu goberno Prodi mantivo frecuentes enfrontamentos cos seus socios no goberno, e na votación dos presupostos en outubro de 1998, perdeu o apoio dos comunistas e dimitiu despois da súa derrota nunha moción de confianza. En outubro de 1998 formouse un novo goberno de coalición formado por máis de 12 partidos, entre os que se incluían o RC, Il Girasole, e o líder de DS, Massimo d’Alema, converteuse en primeiro ministro. O novo goberno tivo que intervir na Guerra de Kosovo, onde apoiou a intervención militar das forzas da OTAN. En abril de 2000, despois dunha serie de derrotas electorais nos comicios rexionais, Massimo d’Alema caeu e foi substituído ata as seguintes eleccións nacionais por Giuliano d’Amato, que tivo que enfrontarse coa oposición de Berlusconi, líder da coalición de centro-dereita. Nas eleccións xerais celebradas o 13 de maio de 2001, Silvio Berlusconi, líder do partido Forza Italia, venceu e converteuse no novo primeiro ministro á fronte dunha renovada coalición coñeci- -da como Casa delle Libertà. O incremento da violencia manifestouse no asasinato polas Brigate Rosse de Marco Biagio, asesor do goberno, en marzo de 2002. O goberno emprendeu unha campaña destinada a eliminar as críticas á súa política nos medios de comunicación públicos, e en abril de 2002 enfrontouse cos sindicatos e os partidos de esquerdas por unha dura lei laboral, que levou á folga xeral.