lai

lai

(

  1. [LIT]
    1. s m

      Composición medieval de orixe céltica que tivo moita importancia en Francia durante os ss XII-XIV. Cunha temática esencialmente de tipo amoroso, na que se cantan lendas do ciclo bretón, acostumaba ser acompañada por un instrumento musical.

    2. lai lírico artúrico /integrado

      Composición poética musicada constituída por unha serie de estrofas de catro versos isométricos e isostróficos monorrimos, non autónomos pero inseridos funcionalmente na trama narrativa dos romances en prosa tardíos (s XIII), dentro dos que desempeña a función de intermezzo lírico (pausa na acción e expresión directa dos sentimentos persoais). Estas composicións, anónimas, son atribuídas a personaxes lendarias do ciclo bretón artúrico (Tristán, Isolda, Xenebra, o Rei Artur ou Lancelote do Lago). Destaca o corpus inserido no Tristán en prosa (1250?), que inclúe numerosos lais líricos artúricos, de tema sobre todo amoroso, pero tamén de lamento fúnebre e de carácter violento. Caraterízanse por un acentuado arcaísmo lingüístico, estrófico e musical, que lles dá aos textos aparencia de maior antigüidade e que fai pensar nunha previa existencia autónoma destas composicións fóra dos textos en que están inseridos. A súa carga lírica é afogada ás veces por un certo didactismo, ou mesmo por un resumo das accións precedentes. Consérvanse moitas notacións musicais e talvez ata dúas melodías para o mesmo lai. Destacan os Lais de Bretanha galego-portugueses, cinco composicións líricas breves que recrean episodios dos grandes ciclos franceses, conservadas no comezo do Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e no códice misceláneo Vat. lat. 7182 (Vª), propiedade de Angelo Colocci, e que son mencionadas na Tavola Colocciana. Estes textos amosan o alto grao de asimilación que a literatura artúrica acadou a comezos do s XIV na Península Ibérica. Tres deles terían a súa fonte nos inseridos na taducion galega do Tristán en prosa; os outros dous presentan forma de balada e están postos en boca de mulleres. O autor destas composicións (tal vez o conde don Pedro), era unha persoa culta. En ambos os dous cancioneiros italianos (Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana), os textos levan rúbricas explicativas e atributivas, nesesarias no momento en que pasaron de insercións a textos autónomos e quedaron descontextualizados. Estas rúbricas dan informacións tiradas do contexto narrativo da fonte, precisan as denominacións das composicións, atribúenas a lendarias personaxes do romance e explican as circunstancias da súa composición. Os textos dos que se coñecen os seus modelos non son traducións literarias, senón reescrituras libres que, aínda que aténdose ao modelo, non só o traspoñen para un código literario diferente, o da cantiga peninsular, senón que tamén modifican a súa consistencia e estrutura métrica (que fica ligada á forma predominanate do lai artúrico), por iso GiuseppeTavani inclúeos nos xéneros híbridos ou contaminados. Aínda que este tipo de composición non é mencionada na Arte de trobar, a súa denominación é xustificable tanto desde o punto de vista das fontes como desde o punto de vista métrico-formal, serve para destacar a importancia da influencia francesa no interior do corpus lírico, e representa un elemento de transición e ligazón entre a tradición lírica peninsular e o pulo posterior da narrativa artúrica, que trouxo de Francia Afonso II o Boloñés.

    3. lai lírico independente

      Composción estrófica musicada de temática fundamentalmente amorosa que se enmarca dentro da cultura cortés, e que se distingue da cansó por motivos máis formais ca conceptuais, xa que se caracteriza por posuír unha maior extensión, heterometría e heterostrofia. A maioría dos textos conservados son franceses e remóntanse a finais do s XII ou comezos do s XIII (Thibaut de Champagne, Gautier de Coinci, Guillaume le Vinier). Froito da progresiva fixación ou uniformación do lai lírico, reducido a 12 estrofas anisométricas divididas en dúas ou catro seccións, onde o esquema da última estrofa retoma o da primeira para pechar o canto, desenvólvese o grand lai (ss XIV-XV), coa figura destacada de Guillaume de Machaut, con quen alcanzou o seu máximo apoxeo, ao mesmo tempo que foi gañando en carga narrativa e didáctica. Moitos trazos relaciónano co descort provenzal, polo que tamén é coñecido como lai-descort.

    4. lai narrativo

      Narración breve en verso, escrita en octosílabos pareados, non musicada, que se distingue do romance polo seu carácter episódico e pola súa menor extensión, que non chega ao millar de versos. Na súa orixe é o argumento dun lai lírico de inspiración bretoa ou céltica, como os lais de Marie de France, o Lai de Graelent, ou o Lai de l’Ombre, de Jean Renart, baseados en textos anónimos en lingua de oïl divulgados polos xograres, pero posteriormente tamén pasou a designar xenericamente unha obra narrativa breve con temática amorosa e de aventura (Lai d’Aristote, Lai de l’Ombre) ou mesmo de fabliau (Lai d’Ignaure, Lai do Lecheor). Pola súa proximidade co romance, é incompatible coa música e co canto e tan só pode ser declamado. Desenvolveuse sobre todo a finais dos ss XII e o XIII.

  2. s m [MÚS/LIT]

    Composición musical de orixe bretoa que acompañaba a representación de textos líricos medievais.

Palabras veciñas

Lahore | Lahoud, Émile | Lahti | lai | Lai Chau | 1 laia | 2 laia