Lalín
Concello da comarca de Deza, situado na provincia de Pontevedra no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao NL co concello de Agolada, ao NO co de Vila de Cruces, ao O co de Silleda (comarca do Deza), ao SO co de Forcarei (comarca de Tabeirós-Terra de Montes), ao S cos de Beariz e O Irixo (comarca do Carballiño), ao SL co de Dozón e ao L co de Rodeiro (O Deza). Abrangue unha superficie de 326,6 km 2, cunha poboación de 20.867 h (2007), distribuída nas parroquias de Albarellos, Alemparte, Anseán, Anzo, Barcia, Bendoiro, Bermés, Botos, Busto, Cadrón, Camposancos, Cangas, Castro de Cabras, Catasós, O Cello, Cercio, Cristimil, Doade, Donramiro, Donsión, Filgueira, Galegos, Goiás, Gresande, Lalín, Lebozán, Lodeiro, Losón, Maceira, Madriñán, Méixome, Moimenta, Moneixas, Noceda, Palmou, Parada, Prado, Rodís, Santiso, Sello, Soutolongo, Val do Carrio, A Veiga, Vilanova, Vilatuxe, Xaxán, A Xesta e Zobra. A capital municipal é a vila de Lalín, situada a 42° 39’ de latitude N e 8° 6’ de lonxitude O, 56 km ao SL de Santiago de Compostela. Cabeza de partido xudicial, está adscrito á diocese de Lugo.
Xeografía física
Topograficamente, a maior parte do territorio supera os 500 m de altitude. Tan só os vales do Deza, que lle serven de límite occidental, do seu afluente, o Asneiro, e do Arnego, que marca a fronteira oriental e nororiental, fican por baixo desa cota. Nos límites meridionais érguense as máximas elevacións do concello, na serra do Candán (1.000 m) e nos montes do Testeiro. O territorio do concello de Lalín atópase baixo o dominio climático oceánico, nunha área de transición entre as áreas do dominio oceánico hiperhúmido, oceánico de montaña e oceánico continental. As temperaturas medias son moderadas (a media anual sitúase en 12,8°C) e as precipitacións son abundantes (1.300 mm anuais) debido ao predominio dos ventos marítimos do O que penetran a través do val do Ulla. Aínda así, distínguense dous sectores climáticos: un correspóndese coas zonas de menor altitude dos fondos dos vales, e outro coas zonas situadas por riba dos 500 m. Entre eles hai diferencias térmicas, pois o primeiro é lixeiramente máis cálido e húmido. O Deza e o Arnego son os principais ríos que drenan o territorio municipal. Ambos os dous son tributarios do Ulla e atravesan o concello en dirección S-N e SSL-NNO, respectivamente.
Xeografía humana
O concello de Lalín experimentou ao longo do s XX unha evolución demográfica positiva, que o levou a incrementar a súa poboación nunha proporción do 22,4% entre 1900, cando rexistraba 16.238 h censados, e 2001 (19.869 h); o aumento continuou a comezos do s XXI para chegar aos 20.867 h de 2007. Este incremento non foi uniforme nin constante. A primeira década do s XX foi de estancamento, pois só rexistrou un incremento neto de 28 h (pasou a 16.311 en 1910). Despois comezou un período de maiores crecementos que se prolongou ata a década de 1960, ano en que sumou 19.627 h. A centralidade da vila de Lalín para a súa comarca e o feito de ser encrucillada de estradas entre Lugo e a costa e entre Santiago de Compostela e Ourense, ademais de estación ferroviaria na liña que une estas dúas últimas cidades, favoreceu o seu desenvolvemento demográfico. Na década de 1960 Lalín comezou un período de declive demográfico que se prolongou durante dúas décadas, debido á intensificación da emigración cara aos principais núcleos urbanos do país (especialmente Vigo e Santiago de Compostela). Esta dinámica levouno a rexistrar só 17.666 h no censo de 1981. Á recuperación demográfica que caracterizou as dúas derradeiras décadas do s XX contribuíron varios factores, pero, sobre todo, o desenvolvemento dun tecido industrial que aproveitou os recursos e as potencialidades endóxenas para xerar riqueza e emprego. Froito desta evolución é unha estrutura demográfica en que os menores de 20 anos representan o 16% dos residentes no concello, mentres que os maiores de 65 son o 22,1%; o grupo intermedio representa o 61,9%. Oun crecemento natural (2206) de signo negativo (-3,4‰), consecuencia dunha natalidade moderada (7,1‰) e unha mortalidade elevada (10,5‰). A distribución por sexos está moi desequilibrada a prol das mulleres, que constitúen o 51,4% da poboación fronte ao 48,54% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Lalín é do 54,2% (63,96% a masculina e 45,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 49,7% (59,8% a masculina e 40,4% a feminina) e a taxa de paro é do 8,2% (6,5% a masculina e 10,5% a feminina). A economía do concello de Lalín está moi diversificada. Conta cun puxante sector industrial, baseado na confección téxtil, na elaboración de materiais de construción e na transformación dos produtos agropecuarios. Ademais, a condición de cabeceira comarcal e as boas comunicacións convérteno nun centro de servizos. Polo que respecta á distribución sectorial da poboación ocupada, o sector agropecuario, baseado na cría de gando bovino dedicado á producción láctea, dá emprego ao 18,1% dos traballadores. A industria, concentrada fundamentalmente nos dous polígonos industriais do concello (Botos e Lalín 2000), proporciona traballo ao 25,9%, e a construción, sector en que se inclúe algunha das empresas con maior facturación do concello, emprega ao 15,5%. Finalmente, os servizos acollen ao 40,1% da poboación ocupada. A rede viaria ten en Lalín un dos principais nós do interior de Galicia. A vila é encrucillada das estradas N-525 (que conecta Santiago de Compostela con Ourense) e N-640 (que vai ao Principado de Asturias) e orixe do denominado Corredor Central de Galicia (CRG-22, que se prolonga ata Monforte de Lemos). Tamén atravesa o concello o trazado da autoestrada de Santiago de Compostela a Ourense, a AP-53. As comunicacións ferroviarias limítanse á liña Santiago de Compostela-Ourense.
Historia
A antigüidade do poboamento vén manifestada polo gran número de castros e mámoas que se atopan espallados polas terras do concello, entre outros os castros de Camposancos, Donramiro, Goiás, Gresande e Palmou e o conxunto megalítico de Parada de Alperiz, con gravados rupestres declarados BIC en 1975. A presenza romana recóllese na toponimia, a esta época atribúense as explotacións mineiras de Losón, Zobra, Vilatuxe, Cerci e Sello, e algunhas pontes que puideron pertencer a vía romana que unía Bracara Augusta e Lucus Augusti ou a camiños medievais. Segundo a tradición, o rei suevo Andeca (Xan Deza) fixou en terras lalinenses a súa corte. A primeira mención ás terras do Deza atópase nas actas dun concilio celebrado en Lugo en 569 onde se creou o condado de Deza. Trala invasión árabe, Odoario, bispo de Lugo, repoboou Botos, Palmou e Bermés. Durante este proceso de repoboación o bispo de Mondoñeo Árias Peláez fundou o mosteiro de San Martiño en 980. No s XIII, co matrimonio da condesa de Camba Churruchao con Alonso de Deza xurdiu a familia dos Suárez de Deza que exerceu o seu señorío e construíu diversas fortalezas. Ao redor da súa torre fortaleza, situada no lugar da Torre, xurdiu a vila de Lalín. Alonso Suárez de Deza enfrontouse a Berenguel de Landoira, arcebispo de Santiago, e, trala chegada ao trono de Castela de Enrique de Trastámara, os Deza perderon o condado que pasou a mans do conde de Lemos e despois á casa de Altamira. A decadencia acentuouse desde o s XIV e durante as Guerras Irmandiñas destruíronse moitas fortalezas. Durante o Antigo Réxime as parroquias do concello pertencían á xurisdición do Deza, onde exercía o seu señorío o conde Lemos maioritariamente, agás a parroquia de Castra, que pertencía á xurisdición de Camba, na que exercía o seu señorío o arcebispo de Santiago de Compostela. En 1821 constituíronse os concellos de Lalín, Bendoiro, Vilatuxe, Catasós, Vilanova, Lodeiro, Barcia, Bermes, Noceda, Cangas e Losón. Coa división provincial de 1822 estes concellos incluíronse na provincia de Vigo. Non obstante , a derrogación da Constitución por decreto do Rei Fernando VII en 1823, significou a supresión do municipalismo e a restauración do Antigo Réxime e a administración señorial do territorio. En 1835, recuperado o municipalismo, constituíuse o concello de Lalín.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as estelas funerarias atopadas no castro de Bermés (ss I-III), a calzada romana da mesma parroquia, as pezas achadas no xacemento de Castro de Cabras e as pontes de Cadrón, Taboada, Alemparte e a dos Cabalos, que poden ter orixe romana ou pertencer a camiños medievais. A igrexa de Palio é de orixe perrománica. O románico deixou unha fonda pegada no concello coas igrexas de San Xoán de Anzo, San Cristovo de Camposancos, Santa María de Donramiro, San Miguel de Goiás, San Martiño de Lalín e Santa Baia de Losón, ademais dos vestixios románicos conservados en Santa María de Filgueira, San Miguel de Galegos, San Xoán de Palmou e Santo Adrao de Moneixas, entre outras. San Miguel de Bendoiro é renacentista, mentres Santa Baia de Losón e Santa María de Soutolongo son barrocas. En Losón atópase o santuario de Nosa Señora do Corpiño, de orixe medieval pero cun templo construído no s XVIII. Na capital municipal atópase a igrexa de Nosa Señora das Dores (1888-1915), da que destaca a fachada cunha torre campanario neogótica. Consérvanse numerosos pazos e casas patruciais, entre outros destacan os pazos de Anzunxao (Madriñán), Des (Soutolongo), Donfreán (Catasós), Donramiro, Liñares (Prado) e Pardiñas (Noceda). No lugar que ocupou a torre fortaleza dos Deza no centro de Lalín atópase o monumento ao aviador Xoaquín Loriga (1933), obra de Asorey, escultor que tamén realizou o do astrónomo Ramón María Aller (1960). Na vila de Lalín atópase o Observatorio Astronómico e o Museo Municipal Ramón María Aller. Do seu patrimonio natural destacan os espazos da Serra do Candán e os Sobreirais do Arnego, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas relixiosas que se celebran no concello destacan a das Dores (18-20 de setembro), a de Nosa Señora de Montserrat (24 de abril en Donramiro), Santa Lucía (25 de decembro en Lalín) e a romaría da Virxe do Corpiño (23-24 de xuño). Ademais celébranse a Feira do Cocido, o domingo anterior ao Entroido, e no mes de abril a Feira do Cabalo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Deza |
| Extensión | 326 Km2 |
| Poboación Total | 20867 h |
| Poboación Homes | 1013 h |
| Poboación Mulleres | 10737 h |
| Densidade de poboación | 64.01 h/Km2 |