Lama, A

Lama, A


Concello da comarca e da provinciade Pontevedra, situado no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Forcarei (Tabeirós-Terra de Montes) e Cotobade (Pontevedra), ao L cos de Beariz (O Carballiño) e Avión (O Ribeiro), ao S co de Fornelos de Montes (Vigo) e ao O cos de Pontecaldelas e Cotobade (Pontevedra). Abrangue unha superficie de 111,8 km 2 cunha poboación de 2.995 h (2007), distribuída nas parroquias de Antas, A Barcia do Seixo, Covelo, Escuadra, Gaxate, A Lama, Seixido, Verducido, Xende e Xesta. A capital municipal é A Lama, situada a 42° 23’ de latitude N e 8° 26’ de lonxitude O, 24 km ao L de Pontevedra e 83 km ao S de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial e á provincia de Pontevedra e á arquidiocese de Santiago de Compostela e á diocese de Tui-Vigo.
Xeografía física
O concello da Lama forma un conxunto morfolóxico marcado polas serras do Cando e do Suído e polo interfluvio entre ambas as dúas. No NL do concello sitúase a serra do Cando, con altitudes ata os 968 m e no SL a serra do Suído, onde a altitude máxima é a do monte A Pula, con 1.035 m. Entre as dúas serras, aproveitando unha fractura, discorre o río Verdugo. Este río forma un val estreito que se amplía cara ao O, ao tempo que descenden as altitudes. Deste modo, a parte occidental da Lama é a máis apta para a ocupación humana. O concello da Lama atópase baixo o dominio climático oceánico húmido. As temperaturas son altas no verán e frías no inverno. A temperatura media anual é de 12,4°C. O mes máis frío é xaneiro, con 6°C de media, mentres que o máis quente é xullo, con 19,5°C. A oscilación térmica é de 13,5°C, unha variación que engade certos trazos de continentalización. As precipitacións son das máis altas de Galicia, 1.946 mm anuais na estación meteorolóxica de Xende. A penetración de ventos húmidos procedentes da ría de Pontevedra que ascenden pola serra do Suído orixina unha elevada cantidade de precipitacións. O déficit hídrico é moi reducido debido ás moitas precipitacións recollidas, pois só Se produce nos días centrais do verán. Ten lugar unha graduación térmica e pluviométrica cara ao L, segundo ascenden as altitudes descenden as temperaturas e aumentan as precipitacións. O río Verdugo, o principal do concello, ten unha dirección L-O. Hai outra conca fluvial, no S, formada polos arroios das Ermidas e A Xesta, que se unen pouco antes de ofrecer o seu caudal ao encoro de Eiras. O carácter montañoso da maior parte do concello fai que a vexetación natural ocupe moita superficie. O mato establécese nas partes de maior altitude das serras do Cando e do Suído. Os piñeiros e eucaliptos de repoboación son as especies arbóreas predominantes, aínda que na ribeira do Verdugo destacan as carballeiras, recordo da vexetación autóctona. Conta cun espazo natural na serra do Suído.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello da Lama coñeceu diversos vaivéns ao longo dos últimos dous séculos. Se comparamos a poboación de 1900, 5.035 h, coa de 2007, 2.995 h, queda reflectida unha forte perda de habitantes. Desde comezos de século ata 1920 a poboación permaneceu estable pola compensación entre as diversas forzas que concorren na dinámica demográfica. Entre 1920 e 1930 experimentouse unha baixa asociada á emigración, que trala Guerra Civil Española se recuperou polo peche das fronteiras. Un forte crecemento natural estabilizou o número de habitantes da Lama entre 1940 e 1960, xa que unha alta natalidade paliou o éxodo rural. A partir de 1960 o concello sufriu a súa sangría poboacional. Nese ano A Lama contaba con 5.398, dez anos despois, en 1970, con 4.208 h, e en 1981, con 3.040 h. En a penas 20 anos tivo lugar un descenso do 43,68%, unha perda de case a metade da poboación municipal. O éxodo cara aos países europeos centralizados e, sobre todo, cara á veciña capital provincial de Pontevedra da man de obra do concello explica este despoboamento da Lama. Entre 1981 e 1991 produciuse unha leve recuperación, e o número de habitantes ascendeu a 3.588 h, polo retorno dos emigrantes cando acadan a idade de xubilación. Pero entre o censo de 1991 e o padrón de 1996, volveu baixar a poboación ata 2.988 h. O descenso continuou no censo de 2001 con 2.947 h, mentres que no padrón de 2007 se cifrou unha pequena recuperación, 2.995 h. O envellecemento poboacional e a baixa natalidade explican a dinámica demográfica negativa. En 2006, o crecemento natural foi negativo, do -11,82‰, porcentaxe que sinala un problema para o futuro da poboación do concello. A natalidade é moi baixa, do 3,8‰, pero a causa do deficitario movemento vexetativo é unha forte mortalidade do 15,6‰, produto do avellentamento da idade media dos habitantes. A poboación ata os 20 anos na Lama representa o 12% do total, namentres que os maiores de 64 anos supoñen o 30,5 %; o grupo intermedio representa o 57,5%. Outra proba do envellecemento poboacional vén engadida pola distribución por sexos, moi favorable ás mulleres (constitúen o 53,45% dos habitantes), por causas naturais de maior lonxevidade que os homes (46,54%). Prevalece unha elevada dispersión dos habitantes polas 129 entidades de poboación do concello. As parroquias de Seixido, A Lama e a Xesta son as máis habitadas. Predominan as vivendas familiares, pero hai unha forte porcentaxe das secundarias. Trátase das segundas residencias dos habitantes do concello que emigraron, principalmente das pertencentes ás persoas que traballan na próxima cidade de Pontevedra e que retornan nas fins de semana e nas vacacións á súa aldea.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Lama é do 32,1% (51,4% a masculina e 16,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 23,8% (37,3% a masculina e 13% a feminina) e a taxa de paro é do 25,9% (27,4% a masculina e 22,1% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos favorece ao sector terciario, co 57,6% da poboación ocupada, fronte ao primario, 8,7%, e o secundario, o 33,6%. Este reparto por sectores non recolle a situación do traballo do campo en Galicia en espazos rurais como A Lama. Tanto a poboación feminina como os xubilados participan activamente nas explotacións agropecuarias aínda que en termos estatísticos figuren como poboación desocupada. De tal xeito, a principal fonte económica do concello concéntrase na agricultura e gandaría, por enriba dos servizos e da industria. O sector terciario é o sector que máis xente emprega, pero na cidade de Pontevedra. En realidade, o terciario está a penas representado na economía local, tan só algúns pequenos comercios, un centro de atención primaria, un colexio e catro entidades financeiras cénsanse no concello. Os habitantes da Lama acoden á vila de Pontecaldelas para os servizos primordiais e á cidade de Pontevedra para os máis especializados. No secundario, tamén a maioría da poboación empregada no sector traballa en Pontevedra. Na Lama a industria é pouco relevante, só hai unha empresa eléctrica, unha carpintería de aluminio, un serradoiro e algunhas empresas constructoras. Na actividade agropecuaria hai unha maioría de explotacións de pequeno e mediano tamaño dedicadas á gandaría bovina, principalmente, e a unha agricultura de autoconsumo e de venda de excedentes no mercado. A superficie agrícola útil é de 1.514 ha, o 13,50% da área total do concello. Unha proporción pequena xa que se trata dun concello extenso onde unha boa parte do seu territorio é montañoso. Desta superficie explótanse 1.025 h, o 67,7% da área útil, sinal dunha importante proporción de terras que non son cultivadas. O envellecemento actual e a forte despoboación da Lama desde 1960 orixina este abandono das parcelas. A principal vía de comunicación é a estrada PO-531, Pontevedra-A Cañiza. As estradas locais articulan o diseminado hábitat do concello.
Historia
Os vestixios arqueolóxicos máis antigos atopados son os achados megalíticos de Portela da Cruz, o Suído e o Seixo, na parroquia de Antas. No monte do Castro encontráronse un machado de bronce e un anel circular da Idade do Bronce. Na Lama, Gaxate e Xende existen castros. Durante o Antigo Réxime o actual concello da Lama formou parte das xurisdicións de Caldevergazo, na provincia de Santiago de Compostela, baixo o señorío do arcebispo de Santiago de Compostela e Don Gaspar Bermúez; e de Soutomaior, na provincia de Tui, baixo o señorío do duque de Soutomaior. Coa división administrativa de 1822 integrouse na provincia de Vigo, aínda que en 1833 se incorporou finalmente á actual Pontevedra. O nome do concello tamén variou, en 1841 denominouse Caldevergazo, e a partir de entón adquiriu o seu nome actual. En 1904 perdeu a parroquia de Carou que se agregou ao concello de Cotobade.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan os gravados rupestres de Verducido, onde tamén se atopa unha posible calzada romana, coñecida como camiño da Brea. No eido da arquitectura relixiosa destacan as igrexas de Sende e de Seixido (s XVIII) e o santuario da Virxe das Ermidas, ou a Fonte Santa, en Antas. Entre as mostras da arquitectura civil destacan a casa do Pazo (Gaxate) e o pazo dos Contreras ou dos Fidalgos na Lama. Consérvanse as pontes de Parada (s XVII) e de Liñares (s XVIII). Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Serra do Cando, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre outras festas destacan a romaría das Ermidas (5 de agosto), as festas do Santo Cristo da Agonía en Xende (o sábado e o domingo anterior ao Corpus), ademais da Festa do Viño no Pelete (Covelo), no mes de setembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Pontevedra
Extensión 111 Km2
Poboación Total 2995 h
Poboación Homes 1394 h
Poboación Mulleres 1601 h
Densidade de poboación 26.98 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias