lamarckismo

lamarckismo

(

s m [BIOL]

Teoría da evolución que expuxo Lamarck en 1809 na súa obra Philosophie zoologique. As dificultades que atopou Lamarck para clasificar as grandes coleccións de animais inferiores do Musée National d’Histoire Naturelle fixérono reflexionar sobre a noción de especie, poñer en dúbida a súa significación absoluta e estudar a posible conexión e unidade de orixe das diferentes especies. Segundo Lamarck, a natureza produciu por xeración espontánea os seres vivos máis simples (os infusorios), e os demais formáronse sucesivamente a partir deles, ata chegar á organización máis complexa (os mamíferos). Esta capacidade de complicación débese ás propiedades da mesma materia viva. Pero a idea de evolución de Lamarck non se fundamentaba na acción que as circunstancias cambiantes exercían sobre o individuo, senón que os fluídos internos do organismo eran quen de crear novos órganos modificando a estrutura dos individuos. Esta teoría resúmese en dúas leis. A primeira fai referencia ao uso máis frecuente dun órgano que o fortifica, que o desenvolve e lle confire unha potencia proporcionada á duración deste uso, mentres que a falta de uso dun órgano debilítao, fai minguar progresivamente as súas facultades e acaba facéndoo desaparecer. A segunda lei refírese á herdanza dos caracteres adquiridos. Segundo esta lei, todo aquilo que a natureza fixo adquirir ou perder aos individuos pola influencia das circunstancias ás que quedan expostos desde hai tempo e pola influencia do uso constante dun órgano ou dunha parte del, consérvase a través da xeración nos novos individuos, sempre que os cambios adquiridos sexan comúns a ambos os dous sexos. Cómpre, sen embargo, un período longo de tempo para que estas variacións se acumulen e cheguen a producir cambios importantes nos seres vivos. O principal defecto de Lamarck foi que fundamentou a súa tese en feitos hipotéticos, e moi poucas veces achegou demostracións prácticas. Todos os experimentos que se fixeron posteriormente para comprobar a herdanza dos caracteres adquiridos fracasaron. Os lamarckistas atribúeno á duración demasiado curta dos experimentos efectuados. Estas teorías teñen aínda na actualidade algúns adeptos. A pesar dos seus erros, Lamarck foi o primeiro en afirmar a relación que existe entre todos os seres vivos e a súa comunidade de orixe, fronte ás ideas creacionistas postuladas polos seus predecesores e por moitos dos seus contemporáneos.