lámpada

lámpada

(< lat lampăda)

  1. s f [FÍS/TECNOL]

    Punto artificial de luz que se produce pola combustión de elementos líquidos, sólidos ou gasosos de carácter inflamable ou mediante procedementos eléctricos. Antes da aplicación da electricidade, a luz artificial producíase por combustión dunha serie de substancias líquidas ou sólidas (aceite, cera ou resinas), aínda que ás veces se empregaban aparatos que producían luz por combustión, como luces de petróleo, de butano, de acetileno e, especialmente, de gas para o alumeado público. As lámpadas eléctricas, que son as máis empregadas, poden clasificarse basicamente en dous grandes grupos: lámpadas de incandescencia e lámpadas de descarga gasosa. A lámpada de incandescencia ou incandescente foi inventada por T. A. Edison en 1881 e é probablemente o foco luminoso que máis se emprega. Está constituída por un filamento de tungsteno, situado no baleiro ou nunha atmosfera dun gas nobre, que diminúe a tensión de evaporación á temperatura de funcionamento (2.500-3.000°C). O rendemento enerxético da lámpada de incandescencia é moi baixo (só o 5% da enerxía eléctrica, como máximo, se converte en luz, o resto produce calor). O rendemento luminoso é de 8 a 20 lúmens por watt, cunha duración media de vida é dunhas 1.000 horas. Consta dunha botella de vidro de forma esférica, alongada por un extremo, onde está o casquete metálico, que adoita ser de rosca ou de baioneta. As lámpadas de incandescencia teñen, entre outras aplicacións, as domésticas, as industriais, nos automóbiles, en cine ou en fotografía. Conseguiuse unha mellora coas lámpadas de halóxeno, que no interior da ampola conteñen vapor dun halóxeno (xeralmente iodo) grazas ao que se obtén máis luz, á vez que se prolonga a súa vida. Análogas ás lámpadas de incandescencia están tamén as de raios infravermellos, que funcionan a unha temperatura moi inferior e a radiación que produce corresponde á zona infravermella. Outro tipo especial son as lámpadas para flash, nas que o filamento, recuberto dun produto inflamable, ao poñerse incandescente provoca a combustión rápida. As lámpadas de descarga, que constitúen un grupo moi numeroso e variado, funcionan dunha maneira totalmente diferente e teñen un rendemento luminoso elevado (entre 30 e 40 lumens por watt). No interior da ampola hai un gas ou un vapor e dous electrodos metálicos, entre os que se produce a descarga eléctrica, unha vez producido o encebamento mediante un dispositivo auxiliar. A descarga pode producir luz directamente, como nas lámpadas de vapor de mercurio, de luz branca, e as de vapor de sodio, de luz de cor amarela alaranxada, moi empregadas no alumeado público, ou ben a luz prodúcese ao incidir a radiación non visible da descarga sobre unha substancia fluorescente, como sucede coas lámpadas fluorescentes, das que a máis corrente é o tubo fluorescente. Hai tamén outro tipo de lámpadas, como as de xenon, que se empregan no flash electrónico, as de neon, que se empregan nos sistemas de sinalización ou publicidade, e tamén as de arco voltaico. Todas as lámpadas de descarga necesitan un dispositivo ou elemento auxiliar de estabilización (reactancia ou transformador de dispersión). As lámpadas electroluminiscentes baséanse nas propiedades luminiscentes de certas substancias sólidas. OBS: Tamén se denomina bombilla.

  2. s f

    Soporte en que se pode colocar un ou máis puntos de luz.

  3. s f

    Dispositivo eléctrico semellante a unha lámpada eléctrica que teñen as radios e as televisións no seu mecanismo interno.

  4. lámpada de aceite

    Luz constituída por un depósito onde vai un líquido combustible, xeralmente aceite, e unha mecha, somerxida no líquido cun cabo que sobresae, que unha vez acendido produce unha luz feble. É un aparato de iluminación en desuso, aínda que se segue empregando en igrexas ou criptas.

  5. lámpada de fenda [MED]

    Lámpada concibida para examinar a parte anterior do ollo, que mostra en sección mentres o resto queda en escuridade, ao ser atravesada por un raio plano de luz intensa. Combinada cun microscopio corneal, permite estudar con detalle as alteracións da conxuntiva, a córnea, o iris e o cristalino.

Palabras veciñas

Lamoso, chao de | lamote | Lamoureux, Charles | lámpada | Lampada, A | lampadario | Lampadena