Laos
Estado do SL de Asia que limita ao N con China, ao L con Vietnam, ao S con Camboxa e ao O con Tailandia e Myanmar (236.800 km2; 5.574.000 h [estim 2001]). A capital é Vientiane.
Xeografía física
Relevo, climatoloxía e hidrografía
O centro e o N do país son montañosos con relevos sucados por profundos vales por onde corren os afluentes do río Mekong (Tha, Ou). O S está formado por elevados altiplanos que descenden suavemente desde a vertente occidental dos montes de Annam ata o val de Mekong, que forma fronteira con Myanmar e Tailandia, este curso interrómpese na parte setentrional por rápidos dunha gran violencia. O país está situado dentro da zona intertropical do SL de Asia e está sometido ás influencias dos monzóns, cunha relativa sequidade no inverno e forte pluviosidade no verán. As temperaturas son elevadas e constantes ao longo de todo o ano, aínda que con considerable oscilación térmica diúrna na estación seca.
Xeografía económica
Economía, sectores de actividade e comercio exterior
O nivel económico de Laos é un dos máis baixos do continente asiático. A agricultura e os produtos forestais constitúen o principal recurso da poboación, pois o 63,3% do territorio está cuberto dun bosque tropical e bosque monzónico de caducifolios. O sector primario ocupa máis das tres cuartas partes da poboación activa. As estruturas agrarias son de tipo familiar e os sistemas de cultivo, primitivos. O cultivo principal, base da alimentación, é o do arroz, no val de Mekong e en socalcos, que ocupa un 70% da superficie cultivable, pero non cobre as necesidades. Outros cultivos son os de millo, cacahuetes, mandioca e patacas. Os únicos produtos comercializados son o cardamomo, o benxuí e a laca, que recollen os montañeses, e o opio, a teca, o palisandro indochino, o tabaco e o café. A gandería ten unha certa importancia no N. Nas zonas forestais, o elefante emprégase moito como animal de labor. A pesca de auga doce é importante e, xunto co arroz, é a base da alimentación. O estaño, en Phontinou, é o único recurso mineiro importante. Máis dun 90% da enerxía producida é de orixe hidráulica. A industria é case totalmente artesanal (téxtil, cerámica, de metal); a industria moderna limítase a muíños de arroz, serradoiros, tabaco e cemento en Thakhèk. O comercio mostra un forte exceso das importacións sobre as exportacións.
Transportes e comunicacións
As comunicacións son escasas, non conta con ferrocarril e só ten 22.321 km de estradas. O principal medio de transporte é o río Mekong, pero só en parte e estacionalmente.
Xeografía humana
Os laosianos conforman os dous tercios da poboación, o resto está constituído por diversas minorías (annamitas, chineses e aborixes indochineses). É un país pouco poboado, e ten as concentracións máis fortes no val de Mekong, onde residen as tres cuartas partes da poboación. As montañas do N están habitadas por tribos primitivas (meo, yao, kha), que practican o cultivo itinerante de rozas e a caza. A poboación urbana constitúe un 23,5% do total. Destacan as cidades de Louangphrabang, Vientiane, Pakxé e Savannakhét. A maioría da poboación é budista, con pequenas minorías cristiás e animistas. O laosiano é a lingua oficial.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico son os lao-lum, do grupo tai, establecidos nas beiras do curso medio do río Mekong, que representan o 67% da poboación. Outros grupos importantes son os lao-theung (16%) e os lao-tai (8%). Os restantes grupos étnicos supoñen un 8,6% da poboación. A lingua oficial é o laosiano, pero tamén se falan linguas daicas, austroasiáticas e sinotibetanas. O budismo é a relixión maioritaria, cun 57,8% do total da poboación. Un 33,6% son fieis de relixións animistas e crenzas tradicionais, e un 8,6% pertence a outras relixións.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa Laos entre os países cun baixo desenvolvemento humano (ocupa o 131º posto cun índice do 0,476). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 53 anos para os homes e de 55 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 48,7% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 58%; e o PNB real por habitante é de 290 $ EE UU.
Goberno e política
Protectorado francés independente desde a Conferencia de Xenebra (1954), é unha república desde 1975 gobernada por un réxime de partido único. Segundo a constitución promulgada o 14 de agosto de 1991, formalmente é un réxime de tipo parlamentario. O máximo órgano lexislativo é a Sapha Heng Xat (Asemblea Nacional) de estrutura unicameral, que consta de 109 membros para un período de cinco anos, elixidos mediante sufraxio universal. A Sapha Heng Xat elixe o presidente e ten o poder lexislativo. Desde 1975, o partido único Phak Paxaxôn Pativat Lao (PPPL) ou Partido do Pobo de Laos conservou o monopolio político. O poder xudicial está presidido pola Corte Popular Suprema. O sistema legal baséase no dereito consuetudinario, xunto coas normas e procedementos do dereito francés e as prácticas do sistema comunista. Permanece en vigor a pena de morte. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ANSEA e ONU.
Historia
As orixes
Cara ao s VII a C, tribos laosianas poboaban xa o alto Mekong, pero a grande invasión destas tribos tivo lugar no s XIII, a causa da presión mongólica en China. A mediados do s XIV, o príncipe Fa Ngum reunificou todos os principados laosianos, creou o Reino de Lan Chang, estableceu a corte en Luangphrabang e emparentou co rei khmer de Angkor. Birmanos, tais e annamitas compartiron a influencia sobre Laos durante os ss XVI, XVII e XVIII, ata que, a raíz dunha disputa dinástica, o territorio quedou dividido en tres grandes principados: Luangphrabang, Vientiane e Champasak. A comezos do s XIX, Siam estableceu o dominio sobre eles e, malia a rebelión nacionalista protagonizada polo príncipe de Vientiane (1827), foron duramente sometidos.
A colonización francesa e a aparición do movemento nacionalista
En 1887 a penetración francesa cara a Mekong atopouse coa resistencia dos siameses en Laos, e tamén coa colaboración dos laosianos, ameazados á vez por siameses e bandas chinesas. Entre 1893 e 1904 os franceses acadaron o control do país, e fixeron do principado de Luangphrabang un protectorado, mentres o resto do país se integrou na Indochina francesa. A ocupación xaponesa en 1941 potenciou un movemento nacionalista e independentista, o Lao Issarak, que en setembro de 1945 constituíu un goberno provisional e proclamou a independencia. Os franceses volveron ocupar o país na primavera de 1946 e o goberno provisional tivo que refuxiarse en Bangkok, desde onde dirixiu a resistencia contra as tropas coloniais. En 1949 Laos entrou na Unión Francesa, e o dirixente nacionalista Suvana Fuma aceptou dirixir un goberno pro-occidental.
A independencia e as guerras civís
O príncipe Sufanuvong negouse a seguir a Suvana Fuma e organizou no N un partido nacionalista-comunista, o Pathet Lao (1950), que iniciou unha campaña guerrilleira e se aliou co Viet-minh. Laos quedou incluído na Conferencia de Xenebra de 1954, e en 1957 Suvana Fuma conseguiu a formación dun goberno de coalición, en Vientiane, onde entrou o Pathet Lao, que gañou nas eleccións de 1958. Un golpe de estado deixou sen efecto estas eleccións e retomouse a guerra civil. En 1960 o capitán Kong Le tentou restablecer unha coalición neutral apoiado nunha revolta militar, pero fracasou pola axuda que EE UU e Tailandia deron ao sector máis conservador. As presións franco-británicas e chinesa-soviéticas permitiron un segundo goberno de coalición tripartito en 1962, que fracasou un ano despois. A guerra civil laosiana, intimamente ligada á vietnamita, foise decantando a favor do Pathet Lao. En 1974 chegouse a formar un terceiro goberno de coalición tripartito, que detivo a guerra civil. A pesar disto, en 1975, a derrota estadounidense en Indochina rompeu a alianza a favor do Pathet Lao, que tomou o control do país.
A República Popular Democrática
En decembro dese mesmo ano proclamouse unha república popular democrática comunista, presidida por Sufanuvong e gobernada polo Phak Paxaxôn Pativat Lao (PPPL), que se converteu en partido único. Para resolver a grave crise económica derivada dos anos de guerra, en 1975, asináronse acordos de axuda económica con Rusia, e establecéronse tratados fronteirizos e de cooperación con Tailandia e Vietnam en 1977. A actitude pro-soviética do réxime comunista laosiano desamigouno con China e púxoo ao lado de Vietnam durante a ocupación de Camboxa en 1979 e ao longo da guerra chinesa-vietnamita subseguinte. No interior, a loita contra a guerrilla provocou exilios masivos ou a reclusión en campos de reeducación. Kaysone Phomphivane foi nomeado secretario xeral do partido en 1986, e presidente do país e do partido en 1991.
A reapertura política
En 1991 o réxime dotouse dunha constitución que recoñecía a propiedade privada, pero non o multipartidismo, mentres que acordaron con Tailandia e a ONU o peche dos campos de reeducación e a repatriación dos refuxiados. En novembro de 1992 morreu K. Phomphivane e N. Phoumsanvah foi elixido xefe de estado, reelixido en 1993. No mesmo ano, K. Shipandone converteuse en presidente do partido. Ao mes seguinte foron convocadas as primeiras eleccións na Sapha Heng Xat, Asemblea Nacional. O proceso de apertura viuse ratificado pola reconciliación entre Laos e Tailandia (1994), e a autorización dos investimentos de capital estranxeiro. O capital de orixe tailandesa dominou as inversións e desapareceron os vestixios do sistema de economía planificada. En 1996 os reformistas foron apartados das posicións influentes do goberno, ao tempo que aumentou a presenza militar. Desde 1997 a minoría étnica hmong protagonizou diversos enfrontamentos. Ese ano a economía de Laos sufriu a crise financeira do SL asiático, e provocou un incremento de prezos ao tempo que puxo de manifesto a dependencia da súa economía respecto de Tailandia. En febreiro de 1998, a Sapha Heng Xat elixiu presidente a Shipandone, mentres que Sisavat Keobounphan se converteu en primeiro ministro. Desde marzo de 2000 o país sufriu atentados con bombas atribuídos aos indíxenas hmong, mentres os rebeldes comunistas protestaron polo rexeitamento do goberno de reformas democráticas. Nas eleccións celebradas o 27 de marzo de 2001, B. Vorachith resultou reelixido primeiro ministro.