láser
(< ingl light amplification by stimulatedemission of radiation)
-
s
m
[FÍS]
Dispositivo que xera luz coherente, case monocromática e altamente direccional no dominio espectral que vai das ondas submilimétricas aos raios X. O efecto láser, no que se fundamenta o funcionamento destes dispositivos, consiste esencialmente no fenómeno denominado emisión estimulada, base tamén do máser, que foi estudada por Einstein en 1917. A aplicación na amplificación de ondas ultracurtas (máser) foi establecida por C. H. Townes en 1951 e confirmada experimentalmente en 1954. A posibilidade de aplicala ás ondas luminosas foi mostrada en 1958 polo mesmo Townes e por A. L. Schawlow. O primeiro láser foi construído por T. H. Maiman en 1960 e foi denominado orixinariamente máser óptico. A emisión estimulada produce un gran número de fotóns, que se acumulan formando unha onda estimuladora e dan lugar a un feixe de luz coherente. As características do láser derivan da coherencia e monocromaticidade da luz que o compón, o que permite concentrar enerxía nun feixe moi estreito. Desenvolveuse unha gran variedade de láser. O láser de rubí emprega como medio activo unha barra de rubí artificial (Al 2 O 3 ) e produce unha emisión de luz vermella (694,3 nm). O láser de neodimio ou láser Nd emite no infravermello próximo (1.060 nm). O láser YAG (Ytrium Aluminium Garnet) ou láser Nd-YAG emprega un cristal mistura de ítrio e neodimio. O máis corrente dos láser de gas é o láser de helio-neón ou láser He-Ne, que emite luz vermella (632,8 nm). O láser iónico emprega como medio activo un gas ionizado, o máis corrente é o láser de argón, que emite luz azul verdosa (en diferente lonxitude de onda: 488 nm, 496,5 nm ou 514,5 nm) e o láser de criptón. O láser de gas carbónico ou láser CO 2 emite no infravermello (10,6 mm ou 9,6 mm). Hai tamén lásers de N, H 2 O, CO e HCN. O láser químico, de fluoruro de hidróxeno (láser HF) ou de fluoruro de deuterio (láser DF), abastece grandes potencias. Hai outros tipos de láser como o láser de vapores metálicos, o láser de iodo, o láser de colorantes, o láser de semicondutores e o láser de electróns libres.
-
adx
Relativo ou pertencente ao efecto láser.