latín
(< lat latīne)
-
s
m
[LING]
Lingua indoeuropea que se falaba, na antigüidade, en Roma e nos territorios do seu Imperio, e, na Alta Idade Media, nos países da Romania, ata o momento en que se produciu o tránsito ás respectivas linguas romances. Orixinaria da rexión de Lacio, procedía do indoeuropeo. O latín tivo notable relación con outras linguas itálicas, como o falisco, o osco e o umbro, cos dialectos celtas do norte, co grego, falado no sur de Italia (Magna Grecia), e cunha lingua non indoeuropea: o etrusco. Todas elas influíron na evolución da lingua latina. É característico do latín: o acento que, aínda que en principio conservou o carácter musical, adquiriu, posteriormente, un carácter intensivo e mesmo orixinou certas transformacións (teneo/retineo), sobre todo polo que respecta á monotongación (claudo/exclūdo), a abreviatura ou a desaparición de certas vocais medias non acentuadas (aridus/ ardere), a redución de ditongos acentuados (oinos > unus, deico > dico), a perda de primitivos j, w intervocálicos (treies > tres) e a confluencia do primitivo son w e b, que pasan a ser indistintos. En morfoloxía produciuse a perda do dual. Tamén a innovación en xenitivo singular e nominativo plural nos temas en -o- e en -ā-, os adverbios en -ē, -m, -iter, a creación dunha quinta declinación, a fusión de temas consonánticos e temas en -ĭ-, a fusión de desinencias persoais primarias e secundarias no verbo, e unha fusión no perfecto dos antigos aoristo e perfecto activo e medio e tamén dos antigos conxuntivo e optativo. En sintaxe o uso dos casos diferenciouse máis claramente ca no grego, excepto o ablativo, que reuniu un antigo locativo e o instrumental-sociativo, e creou o característico ablativo absoluto; e o verbo desenvolveu particularmente o subxuntivo, sobre todo para as oracións subordinadas, e creou un complexo sistema de consecución temporal (consecutio temporum) e oratio obliqua. Os escritores latinos, especialmente Cicerón, someteron a lingua a un tenaz proceso de elaboración literaria, que deu como resultado a creación do latín clásico ou literario. O latín vulgar foi a lingua falada polo pobo en oposición ao latín literario. A expresión latín tardío fai referencia a unha fase cronolóxica da lingua latina que vai desde o s III ata o momento en que o latín xa non podía ser considerado como unha lingua falada (s VII) ou, posiblemente, ata a aparición da conciencia deste feito. Isto é, que o latín e a lingua falada eran dúas unidades lingüísticas ben diferenciadas (cara ao ano 800). No marco deste latín desenvolveuse o latín cristián ou latín dos cristiáns. Segundo a escola de Nimega (Schrijnen, Mohrmann), naceu entre as primeiras comunidades cristiás como unha lingua especial na que deberon intervir certos condicionamentos sociolingüísticos: o carácter bilingüe das comunidades máis primitivas, o illamento das primeiras xeracións cristiás e a solidaridade entre os seus membros. A diferenza lingüística faise patente especialmente na renovación do léxico. Mediante préstamos do grego, do tipo angelus, baptisma, ecclesia, episcopus, martyr; neoloxismos, creados a miúdo sobre modelos gregos, como carnalis, salvator, revelatio, vivificare; e desprazamentos semánticos, como fides, gloria, salus, sacramentum, confessio; foron creados un gran número de tecnicismos para expresar cousas, nocións e institucións cristiáns, cristianismos directos, pero tamén xurdiron novas palabras e novas locucións para designar cousas ou conceptos non especificamente cristiás, cristianismos indirectos. A expresión latín medieval ten un significado predominantemente cronolóxico e designa a fase do latín que vai da época carolinxia ao Renacemento. En xeral, fai referencia á lingua literaria, pero tamén se chama latín medieval o latín dos documentos, a miúdo redactados con grandes concesións ás linguas vernáculas. Os estudios sobre a latinidade medieval europea teñen un campo moi amplo e comprenden non só aquilo que fai referencia á lingua e á literatura, senón tamén á historia da transmisión formal da cultura antiga e á educación e, aínda, á do humanismo medieval e os outros movementos culturais. A expresión baixo latín é moi imprecisa. Xeralmente fai referencia ao latín máis incorrecto das leis dos pobos bárbaros, documentos privados, crónicas e anais, escritos durante a Alta Idade Media.
-
[LING]
-
s
m
Linguaxe especial que empregan entre si os membros dun mesmo grupo social ou actividade laboral.
-
latín dos chafoutas
Linguaxe especial que empregan entre si os albaneis. Son voces do latín dos chafoutas, por exemplo, cascarelos (‘ovos’), chacurra (‘chaqueta’), chafouta (‘albanel’), daorde (‘galego’), lenta (‘terra’) e panchar (‘rir’).
-
s
m
Refráns
- O latín, comenzalo con babas; e a ciencia, con barbas.