Laxe

Laxe


Concello da comarca de Bergantiños, situado ao O da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia da Coruña. Limita ao N co Océano Atlántico, ao L cos concellos de Cabana de Bergantiños (Bergantiños), e co de Zas (Terra de Soneira), ao S co de Vimianzo (Terra de Soneira) e ao O co Océano Atlántico. A súa posición xeográfica é latitude 43° 13’ N e lonxitude 9° 00’ O. A vila de Laxe está situada a 66 km da cidade da Coruña e a 65 km de Santiago de Compostela. Abrangue unha superficie de 36,9 km2, cunha poboación de 3.453 h (2007), distribuída nas parroquias de Laxe, Nande, Sarces, Serantes, Soesto e Traba. A capital do concello é Laxe. Está adscrito á arquidiocese de Santiago de Compostela e ao partido xudicial de Carballo.
Xeografía física
O relevo presenta unha gran complexidade xeolóxica e topográfica. Sobre un antigo penedo, predominantemente de granito, este relevo presenta unha alternancia de montes e vales. As elevacións mostran nos seus cumes restos da antiga penechaira e os vales correspóndense con fosas tectónicas de disposición ortogonal. Un conxunto de pequenas serras percorren o límite interior do concello. O monte Castelo, de 318 m, e os Petóns do Castelo, de 309 m, forman o límite co concello de Cabana de Bergantiños. Cara ao O, limitando co concello de Vimianzo, atópanse Rascalobos (298 m) e Torre da Moa (271 m). Ambos os dous forman parte dun singular modelado granítico coñecido como os Penedos de Traba e presentan peculiares formas a causa da erosión diferenciada. Entre estas alturas e montículos diríxense cara á costa dous pequenos vales, a depresión de Serantes e o val de Traba, onde se concentra a ocupación humana do concello. A costa é moi irregular. Dentro da ría emprázase unha gran praia de case 2 km de arco que chega ata a vila de Laxe. Despois, a costa faise áspera e dura, aínda que se abre no areal de Soesto e no de Traba, de 2,5 km de lonxitude, formado por unha lagoa rodeada de marisma e un conxunto de dunas. Climaticamente o concello entra dentro do dominio oceánico húmido. As temperaturas son suaves ao longo do ano. A temperatura media anual é de 13°C. O mes máis frío é xaneiro con 7,5°C de media, mentres que o máis quente é agosto con 17,3°C. A oscilación térmica é de 9,8°C, unha variación débil debida á proximidade do mar. As precipitacións, que se producen pola penetración dos ventos húmidos oceánicos, son abundantes, 1.300 mm anuais. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno, co 36,1% do total anual e unha mínima no verán, cunha media do 9,9% do global. Presenta un déficit hídrico estival entre xuño e agosto. Laxe localízase no centro da Costa da Morte, no extremo occidental da ría que leva o seu nome e no litoral de transición entre esta e a de Camariñas. A rede hidrográfica constitúese con arroios que desde as elevacións do interior desembocan na ría. Non se atopan ríos propiamente ditos senón pequenos cursos de auga, como os da Traba, Sarces e Fornelos. O espazo forestal é moi denso e ocupa case o 30% da superficie municipal. Predominan as especies de repoboación, piñeiros e eucaliptos. Un espeso mato atlántico cobre as pendentes litorais. O concello conta co espazo natural da Lagoa e as dunas de Traba, de alto valor paisaxístico e ecolóxico.
Xeografía humana
Durante os últimos 100 anos experimentou diferentes dinámicas poboacionais, pero sempre dentro dunha atonía xeral que provocou que os cambios nunca foran demasiado fortes. Desta forma, Laxe participou da evolución demográfica xeral da Galicia rural, pero sen coñecer profundas transformacións no total da poboación. Desde 1900 ata 1920 o número de habitantes aumentou lixeiramente, despois, e ata a Guerra Civil Española, descendeu a causa da corrente emigratoria cara aos países iberoamericanos principalmente. Na posguerra e ata mediados da década de 1950 a poboación creceu polo peche das fronteiras e despois volveu descender trala posta en marcha dun novo éxodo rural, sobre todo dirixido aos países industrializados europeos. Este descenso estableceuse en termos xerais en cifras non moi elevadas. Laxe contaba en 1960 con 3.777 h e en 1981 con 3.482, unha perda do 7,81%. Durante eses anos o desenvolvemento da minería do caolín permitiu estabilizar a poboación do concello, e mitigar en certa medida a forte corrente emigratoria. A mediados da década de 1970 a poboación de Laxe estancouse lixeiramente á baixa, aínda que no padrón municipal de 1996 se aprecia unha débil recuperación con respecto ao censo de 1991. Un saldo migratorio positivo explica este último aumento da poboación de Laxe pois o crecemento vexetativo destes anos foi negativo. Nos primeiros anos do s XXI apréciase un descenso do -3,16% (2001-2007). A taxa do movemento natural (2006) é do -3,6‰, como consecuencia dunha baixa natalidade (5,3‰) e unha alta mortalidade (8,9‰). A estrutura demográfica por idades amosa síntomas de envellecemento. A poboación ata os 20 anos supón o 14,6% do total, os maiores de 65anos representan o 22,2% e a poboación adulta alcanza o 63,1%. A distribución por sexos é lixeiramente a prol das mulleres, que constitúen o 50,3% da poboación (os homes son o 49,7%). Existe certa concentración dos habitantes do concello no núcleo de Laxe. Predomina a vivenda familiar, pero existe unha porcentaxe elevada de vivendas secundarias. Estas segundas residencias pertencen a emigrantes que as posúen para os períodos de vacacións ou ben teñen un carácter turístico de tempada. As desocupadas débense ao abandono nas parroquias demograficamente máis regresivas.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Laxe é do 46% (63,6% a masculina e 28,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 40,9% (58% a masculina e 24,2% a feminina) e a taxa de paro é do 11,1% (8,8% a masculina e 16,1% a feminina). A estrutura do emprego da poboación activa amosa unha clara maioría a favor dos asalariados que representan o 71,1%. O sector primario emprega o 19,1% dos empregados (6,2% na agricultura e 12,9% na pesca). No sector secundario emprégase o 43,1%, na súa maior parte traballadores do sector da construción (22,8%). O terciario ocupa o 37,7% restante. No sector gandeiro, as melloras introducidas nos últimos anos na concentración das parcelas e na intensificación das explotacións favoreceu a duplicación da cabana. A explotación de gando vacún para a producción de leite converteuse na principal actividade económica das parroquias do interior do concello. No litoral subsiste unha agricultura a tempo parcial que se dedica á producción cerealeira e hortícola. Unha actividade agrícola que complementa a economía familiar nestas áreas da costa baséase na pesca. O porto de Laxe centra o sector pesqueiro. Trátase dun dos portos de baixura máis relevantes do litoral da provincia da Coruña, a pesar de que sufriu unha forte recesión. O porto tamén mantén unha significativa actividade comercial, de feito é o máis especializado nesta actividade da comarca de Bergantiños. Diversas melloras, como os novos peiraos e unha nova lonxa, potenciaron a actividade portuaria da vila de Laxe. O sector secundario está escasamente representado. En Laxe estiveron as primeiras, e no seu día as máis importantes minas de caolín de Galicia. Ese caolín exportouse a toda Europa pero, na actualidade, as minas desapareceron. Atópanse unicamente pequenos talleres de confección e algúns serradoiros. Máis importante cás propias manufacturas é o sector da construción. O auxe constructivo na vila de Laxe e na área do litoral propiciaron a xeración dunha demanda desta actividade. Dentro do sector terciario o turismo sufriu un aumento nas últimas décadas. O alto valor paisaxístico, a boa gastronomía e as praias de areas finas propician o desenvolvemento turístico, pero as características climáticas reducen este turismo á época estival, presentando por iso unha forte estacionalidade. O concello de Laxe dista dos principais centros de gravidade socioeconómicos de Galicia e mesmo da cabeceira da súa comarca, a vila de Carballo. A causa desta distancia, na vila de Laxe desenvolveuse unha serie de servizos que atenden as necesidades primarias dos habitantes do concello. Non obstante , presenta vínculos con Carballo e intégrase na súa área comercial e de servizos, principalmente administrativos. Tamén ten dependencias coa vila de Ponteceso xa que forma parte do distrito educativo deste núcleo. As principais vías de comunicación son as estradas provinciais AC-552, que une A Coruña con Fisterra, e AC-545, Santiago-Laxe. As estradas locais articulan as comunicacións entre as aldeas do concello.
Historia
A antigüidade do poboamento móstrase nos abundantes restos megalíticos e castrexos, entre eles os castros da Torre da Moa (Traba), que conserva parte dos muros, da Torre (Sarces) e o de Lourido (Serantes). De Traba procedeu Pedro Froilaz, conde de Traba. Segundo un documento de 1200 en Soesto residiron o Rei Afonso IX e a Raíña Berenguela. Na Idade Moderna, a vila de Laxe tivo unha etapa expansiva ligada ao porto pesqueiro. Desde principios do s XVII contaba cun pequeno hospital. No Antigo Réxime o actual termo municipal pertencía á xurisdición de Vimianzo, exercida polo conde de Altamira, dentro da provincia de Santiago de Compostela. En 1835 constituíuse o concello de Santa María de Laxe ou Laxe e as súas adscricións. A mediados do s XX, Laxe alcanzou certa notoriedade grazas aos depósitos de caolín, unha florecente minería nestes anos.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan os tramos que se conservan da vía romana per loca maritima. Na vila de Laxe destacan a casa do Arco (s XV), chamada así polo arco que comunica dúas casas cos escudos de Galicia e dos Moscoso, e as igrexas de Santa María da Atalaia e de Santiago, declarada BIC en 1995. No eido da arquitectura relixiosa destacan Santa María de Serantes, reconstruída sobre unha edificación románica do s XII, e Santiago de Traba, románica do s XII e con fachada barroca. Entre as construcións civís destacan o pazo de Piñeiro (Serantes), o pazo de Leis (Soesto), a casa do Aplazadoiro (Nande) e as torres de Xallóns (Sarces), declaradas BIC en 1994. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Costa da Morte, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas de Santa María da Atalaia e a romaría da Cruz da Rosa.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Bergantiños
Extensión 36 Km2
Poboación Total 3453 h
Poboación Homes 1723 h
Poboación Mulleres 173 h
Densidade de poboación 95.92 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias