Legionella
Xénero de bacilos Gram-negativos, da familia das lexioneláceas, aerobios, non esporulados nin capsulados, que necesita cisteína e sales de ferro para o seu crecemento. As súas especies son móbiles por un, dous ou varios flaxelos polares (excepto L. oakridgensis) con parede celular onde predominan os ácidos graxos de cadeas ramificadas. Son bacterias que forman parte da flora acuática, atopándose en numerosos reservorios e fontes de auga doce (ríos, lagos ou augas termais) e, ocasioanalmente, en auga de mar, así como nos sistemas de abastecemento das cidades, que a través da rede de distribución poden alcanzar as instalacións de auga dos edificios (sistemas de aire acondicionado e de distribución de auga quente). Coñécense arredor dunhas 40 especies, das que a maioría son patóxenas do home, producindo enfermidades como a lexionelose, a endocardite ou a sinusite.