Leiro

Leiro


Concello da comarca do Ribeiro, situado no NO da provincia de Ourense e no extremo S da Comunidade Autónoma de Galicia (latitude 42° 21’ 42” N, lonxitude 8° 07’ 12” O). Limita ao N cos concellos de Boborás e O Carballiño (comarca do Carballiño), ao S cos concellos de Carballeda de Avia e Beade (comarca do Ribeiro), ao L con Cenlle e Ribadavia (comarca do Ribeiro) e ao O con Carballeda de Avia. Abrangue unha superficie de 38,3 km 2 cunha poboación de 1.860 h (2007), distribuída nas parroquias de Berán, Bieite, Gomariz, Lamas, Lebosende, Leiro, Orega, San Clodio e Serantes. A súa capital é Leiro e dista 35 km de Ourense e 102 km de Santiago de Compostela. Pertence ao partido xudicial de Ribadavia e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O relevo de Leiro caracterízase por tres unidades morfolóxicas moi ben diferenciadas: o amplo val do río Avia, as ladeiras ou bocarribeiras e os restos dunha superficie de aplanamento que os habitantes do lugar denominan montaña. A primeira delas desenvólvese sobre as parroquias de Berán, Bieite, San Clodio, Gomariz e Leiro, cunha altitude media arredor de 100 m, con solos sedimentarios moi produtivos. As bocarribeiras esténdense entre os 300 e 400 m de altitude, fundamentalmente nas parroquias de Orega e Serantes. Finalmente, a superficie de aplanamento sitúase entre os 500 e 600 m, coas maiores altitudes en Pena Corneira (667 m), Outeiral (646 m), Casteliño (594 m) e Coto Grande (512 m), e presenta unha morfoloxía suave que só Se rompe ocasionalmente pola presenza de penedos redondeados. O substrato litolóxico é de granito de dúas micas moi diaclasado. Existen tres importantes fracturas, unha en dirección N-S e as outras dúas asociadas en dirección NL-SO e NO-SL, que explican a configuración do relevo. Polo que respecta ao clima, Leiro sitúase dentro do dominio oceánico húmido, se ben está nunha área de transición cara ao mediterráneo. A Dorsal Occidental Galega ofrece unha protección eficaz contra os ventos húmidos procedentes do océano, polo que as terras situadas por debaixo dos 400 m, onde se asenta a poboación, reciben uns 800 mm anuais de precipitación (38% en inverno; 26% en primavera; 9% en verán e 27% en outono). O número de xornadas anuais de chuvia é inferior a 100. A escasa altitude favorece unhas mínimas invernais moi agradables (8,2°C en xaneiro) e un verán moi cálido no contexto galego (22°C en xullo), cunha media anual arredor dos 14°C. O río Avia e os seus afluentes (Arenteiro, Barón, Foxón e O Porto) aproveitan as fracturas para instalar os seus cauces e abrir os seus vales. Polo que respecta aos aspectos bioxeográficos, pouco queda da vexetación clímax, pois as especies forestais máis estendidas son os piñeiros a partir de media ladeira e as formacións ripícolas de amieiros e salgueiros nas ribeiras do Avia e dos seus afluentes.
Xeografía humana
O concello de Leiro viu como o seu colectivo demográfico descendeu un 61% desde o primeiro censo moderno, de 1887, ata o de 2001 (de 5.141 h aos 1.949 h). Por tanto, a baixada foi moi notable pero non lineal. Así, desde aquela primeira data (momento en que se acadou o máximo demográfico) e ata 1910, o descenso foi moi moderado (-0,18% anual), afectándolle a primeira vaga de emigración ultamarina, aínda que de xeito non moi acusado grazas á boa produtividade das terras do Ribeiro, que proporcionaron ingresos suficientes para unha boa parte da poboación. De feito, o decenio seguinte (1910-1920) supuxo un incremento demográfico do 0,36% anual, mentres que na maior parte de Galicia se viviu un período de intenso retroceso poboacional. O período 1920-1950 a emigración exterior, pero tamén cara a Ribadavia e Ourense, deixouse sentir en moita maior medida (-0,6% anual), incrementándose especialmente a partir de 1950, cando lle afectou moito a segunda vaga emigratoria cara a América e as correntes que tiñan como destino Europa, descendendo a poboación un -1,66% anual ata 1970. A partir desta data e ata 2001, o colectivo demográfico continuou a descender (-0,92% anual),deste xeito entre 2001 e 2007 a poboación descendeu nun -4,12%. Este descenso ven agora motivado en boa medida polo acusado saldo vexetativo negativo (-17,7‰ en 2006), consecuencia dunha natalidade moi baixa (2,1‰) diante dunha moi cativa fecundidade e unha notable escaseza de mocidade tras moitos decenios de emigración continua, e dunha mortalidade alta e en aumento (19,8‰) derivada do elevado grao de senectude (o 34,5% da poboación ten 65 ou máis anos, mentres que os menores de 20 só supoñen o 8,4%; o grupo intermedio representa o 57%). Froito da maior emigración masculina e do avellentamento, as mulleres (51,45%) superan amplamente aos varóns (48,54%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Leiro é do 40,9% (56,9% a masculina e 26,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 33,7% (48,5% a masculina e 20,8% a feminina) e a taxa de paro é do 17,5% (14,8% a masculina e 22,6% a feminina). A actividade agraria é moi importante no concello e xera boa parte das rendas familiares. Dentro dela destaca a viticultura, á que se destinou o 77% das terras de labor, producindo uns caldos de excelente calidade, integrados na Denominación de Orixe do Ribeiro. Para obter uns viños de calidade traballouse con grande esforzo na recuperación das castes autóctonas e o Consello Regulador do Viño do Ribeiro fixo un intenso labor de control do viño, así como a Estación Enolóxica que existe en San Clodio. Ademais desta actividade, as gandarías avícola e porcina en granxa, integradas na cooperativa COREN, son moi significativas. Pero o sector conta co problema do avellentamento dos propietarios das explotacións agrarias, de xeito que van desaparecendo as existentes e a penas se crean outras novas, reducíndose significativamente a actividade do sector primario ao mesmo tempo que se xubilan os seus propietarios. Aínda así, a agricultura acolle ao 23,7% da poboación ocupada, mentres que a industria emprega o 13,8% dos ocupados, moitos deles traballando en Ribadavia, Carballiño ou mesmo en Ourense, pois no concello existen poucas empresas industriais. A construción ocupa ao 14,8% dos traballadores, que en xeral están pouco cualificados e traballan en pequenas cuadrillas de albaneis autónomos. Os servizos son os que maior emprego xeran (47,4%), e iso sen ser a vila de Leiro unha cabeceira significativa, de xeito que moitos traballadores terciarios se desprazan diariamente a desenvolver o seu labor ás vilas próximas ou á capital provincial. Entre eles destaca o comercio, a hostalería , e a Administración Pública e a seguridade. As vías de comunicación máis importantes son a N-120, que comunica Ribadavia e O Carballiño, e as OU-210 e OU-211, que parten da anterior e conectan a capital municipal con Berán e San Clodio.
Historia
As pegadas máis antigas do poboamento do concello son os castros de Berán e Lebosende. Cara a 928, os condes don Álvaro e Savita fundaron o mosteiro de San Clodio, que exerceu a súa xurisdición sobre a zona e desenvolveu un importante labor ao introducir e impulsar o cultivo da vide. Ata a exclaustración do s XIX exerceron a xurisdición e o señorío sobre catro parroquias e catorce coutos. Os condes de Ribadavia exerceron a xurisdición nas fregresías de Berán, Lamas, Serantes e Orega, e o mosteiro de Sobrado estendía o seu dominio sobre Gomariz. O concello de Leiro xurdiu da división municipal de 1835, se ben incorporou as parroquias de Berán e Orega, que se segregaron do municipio de Beade en 1847. En 1925 a parroquia de San Breixo de Berán converteuse nunha Entidade Local Menor, a única da provincia de Ourense, para defender as augas minerais e o balneario propio.
Patrimonio cultural
Ademais dos castros mencionados, destacan as igrexas románicas de San Tomé de Serantes, cun románico de transición, que conserva un baldaquino gótico; Santa María de Gomariz, con ábsida rectangular; Santa María de Lamas e San Miguel de Lebosende. Da ermida de Berán, dos ss XVI-XVIII, destaca a portada gótica. O mosteiro de San Clodio, declarado BIC en 1981, ten orixe sueva e conserva a igrexa románica do s XIII, con artesoado mudéxar baixo o coro; do antigo pazo abacial destaca a fachada barroca. Da arquitectura civil sobresae a ponte de San Clodio, do s XV que foi renovada no s XVIII e declarada BIC en 1981. O balneario de Berán, ten augas sulfurosas indicadas para o tratamento de problemas da pel. Entre as festas que se celebran no concello destacan a da Santa Cruz, en San Clodio, no mes de maio, e a Festa do Licor Café, en Berán, en outubro, coincidindo coa festividade de san Xudas.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Ribeiro, O
Extensión 38 Km2
Poboación Total 1860 h
Poboación Homes 903 h
Poboación Mulleres 957 h
Densidade de poboación 48.95 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias