leixaprén
(
Recurso retórico que consiste en repetir a mesma palabra no final dun verso ou estrofa e no comezo do seguinte, ou na repetición do mesmo verso no fin dunha estrofa e no comezo da outra que segue, ben inmediatamente ou a través doutra estrofa interposta. Este proceso de articulación estrófica é fundamental na configuración paralelística, sobre todo na cantiga de amigo por estar máis ligada á tradición popular. Normalmente a segunda estrofa repite o texto da primeira agás as palabras de rima, que mudan de orde ou son substituídas por un sinónimo; a terceira estrofa comeza repetindo o segundo verso da primeira e termina cun de nova creación que rima con aquel, a cuarta realiza a mesma operación co segundo verso da segunda, e así sucesivamente ata un máximo de oito estrofas, que dan paso ao refrán. As rimas (adoito asonantes) alternan os pares í-o, í-a, á-o, á-a e sitúan nesa posición un número restrinxido de termos que se repiten, como amigo, amado, desmentido, perjurado ou enamorado, cos seus respectivos femininos.