Lemos, condado de

Lemos, condado de

Título nobiliario outorgado por primeira vez en 1328 polo Rei Afonso XI a Alvar Núñez Osorio, sen carácter hereditario. O sucesor do monarca, Enrique II de Castela, concedeullos, ao mesmo tempo, a Fernán Ruiz de Castro e a Bertrand du Guesclin e desde 1371 outorgoullo, xunto cos condados de Trastámara e de Sarria, a Pedro Enríquez, que casou con Isabel de Castro, filla do antigo conde Fernán Ruiz de Castro. O fillo destes, Fadrique Enríquez de Castro, duque de Arjona, recibiu os condados en 1425 da man do Rei Xoán II. En 1456 o Rei Enrique IV de Castela concedeulle o título a Pedro Álvarez Osorio, señor de Cabrera e Ribera, casado con Beatriz Enríquez de Castro, irmá de Fadrique. Desde entón, o título tivo carácter hereditario e perpetuo e ata a súa incorporación á casa de Alba, permaneceu ligado á liñaxe dos Castro. Á morte (1772) da derradeira representante directa desta liñaxe, Rosa María de Castro e Centurión, o condado foi herdado polos membros indirectos da familia, como Jacobo Fitz-James Stuart y Colón, III duque de Berwick, neto de Fernando Ruiz de Castro e Portugal, irmán do VII e do VIII conde de Lemos. O condado continuou desde entón na casa de Berwick, que entroncou coa casa de Alba con Carlos Miguel Fitz-James Stuart y Silva, XIII conde de Lemos, VII duque de Berwick e XIV duque de Alba. Desde 1953 a titular do condado foi María del Rosario Cayetana Fitz-James Stuart y Silva, XXI condesa de Lemos, XI duquesa de Berwick e XVIII duquesa de Alba.