Leopoldo/Leopoldina
Antropónimo de orixe xermánica que deriva de Leudbald ou Leudbold, composto de *liut- ‘pobo, xente’ e *baltha- ‘audaz, coraxudo’. Para a forma feminina presenta a variante Leopolda e o hipocorístico Chedas. Utilizaron moito este nome duques e arquiduques da casa de Austria ou de Habsburgo (ss XII-XVIII), emperadores de Austria como Leopoldo I (1640-1705) e Leopoldo II (1747-1792), reis de Bélxica (ss XVIII-XX) como Leopoldo I, II e III ou san Leopoldo de Austria (1073-1136). Na iconografía viste indumentaria real, ás veces con manto de armiño e coroa ducal na cabeza, e leva como atributos un estandarte coas armas de Austria e unha maqueta de igrexa ou de mosteiro, e outras veces está rodeado de 18 nenos (os seus fillos). A súa festividade celébrase o 15 de novembro.