lepra

lepra

(< lat lepra)

  1. s f [PAT]

    Enfermidade infecciosa e contaxiosa producida pola bacteria Mycrobacterium leprae ou bacilo de Hasen, de curso crónico con brotes agudos, que afecta aos tecidos superficiais, especialmente da pel, aos nervios periféricos e á mucosa nasal. A partir de 1953 dividiuse na forma lepromatosa, que se caracteriza pola aparición de lepromas que dan á cara un aspecto característico (facies leonina), a forma tuberculoide, máis benigna, que presenta lesións cutáneas anestésicas que poden variar desde simples manchas eritematoso-hipocrómicas ata grandes tubérculos, e nun grupo, que comprende os casos con características pouco definidas (lepra indeterminada). Descoñécese o lugar de orixe da lepra pero xa foi considerada na Biblia (Levítico) como enfermidade inmunda. Descrita con outro nome por Hipócrates e Aristóteles, a lepra era unha praga que, xa algúns milenios antes de Xesús Cristo, estaba difundida en India, China e Xapón, e era endémica no N de África. Foi difundida en Europa posiblemente polos lexionarios romanos e en América polos escravos africanos. O pánico que inspiraba a enfermidade foi a causa de que durante moito tempo o confinamento forzoso, mesmo xudicial, do enfermo fose o único medio para evitar a propagación. A eficacia da farmacoloxía moderna contribuíu a serenar a poboación ao ofrecer unha terapéutica axeitada. OBS: Tamén se denomina enfermidade de Hansen ou mal de san Lázaro.

    Sinónimos: laceira.
  2. s f [BOT]

    Enfermidade que afecta ás árbores froiteiras producidas por fungos ascomicetos do xénero Taphrina. No pexegueiro o axente responsable é o T. deformans e na ameixeira o T. pruni.

  3. s f

    Mal moral que se toma e se estende con facilidade.