lesma
(< lat limāce < gr λεῐμαξ)
-
s
f
[ANIMAL]
Molusco terrestre da clase dos gasterópodos, que carece de cuncha externa, posúe unha cuncha interna recuberta polo manto e ollos pedunculados e un par de palpos. Xeralmente de pequeno tamaño, algunhas especies acadan tamaños considerables, como as do xénero Arion. Aliméntanse normalmente de materia vexetal, aínda que tamén hai especies que se alimentan de fungos e outras incluso son carnívoras. Algunhas especies causan danos nas hortas e son combatidas con ovicidas que lles impiden completar o seu ciclo biolóxico. En Galicia están presentes as familias dos agriolimácidos, limácidos, milácidos e ariónidos. Atópanse varias especies endémicas, como Deroceras hispanensis e Furcopenis circularis, o único lugar do mundo onde están presentes, D. geresiensis e F. gallaeciensis, endémicos ademais no norte de Portugal, e Arion hispanicus e A. nobrei, endémicos tamén no N de Portugal, Asturias, Extremadura, León, Zamora, Salamanca e Teruel. Tamén aparecen especies máis estendidas por toda Europa, xeralmente asociadas ás hortas e zonas de cultivos, como Arion ater, de gran tamaño, cor negra e bordo do pé laranxa, moi frecuente e estendida por toda Galicia; Limax sp. e Geomalacus sp., que son as pequenas lesmas de cor clara que se encontran nas hortas.
Sinónimos: lesmacha. -
lesma do mar
[ANIMAL/ICT]
Peixe da orde dos corpeniformes, que pode acadar ata os 40 cm de lonxitude, aínda que o tamaño normal é de 20 cm. Presenta un corpo que parece estriado con finas liñas oblicuas dando a impresión de estar raiado, cabeza moi voluminosa e o fociño pouco alongado co perfil superior abruptamente descendente. Ten unha coloración vermella intensa no dorso e nos flancos e as aletas pectorais levan puntos azuis escuros situados en filas. Aliméntanse de pequenos crustáceos. Habita no Mar Mediterráneo e no Océano Atlántico, en fondos de area ou de area e fango preto das rochas, desde os 30 m ata os 150 m. OBS: Tamén se denomina borracha ou roibo borracho.