Lesotho

Lesotho
Nome científico: [nome oficial en ingl: Kingdom of Lesotho; en sotho: Muso oa sotho]

Estado do S de África que forma un enclave dentro da República Sudafricana, chamado Basutoland antes da independencia en 1966 (30.355 km2; 2.196.000 h [estim 2001]). A capital é Maseru.
Xeografía física
O territorio montañoso está comprendido dentro do sistema do Drakensberg, que chega a 3.660 m de altitude no pico Cathkin, ao NL, e está formado por unha serie de altiplanos baixos no NL, no O e no SO, e altos no centro e no NL. O clima árido, temperado pola altitude, rexistra unha sensible oscilación diúrna e estacional. Nos altos vales do NL atravesados polo curso superior do Orange e do Tugela, o solo, volcánico, é moi fértil pero pouco cultivado, mentres que no baixo altiplano do O o solo é pobre.
Xeografía económica

Economía e sectores de actividade
É un país con moi poucos recursos naturais. A economía baséase na agricultura e na gandería, que ocupan o 39% da poboación activa. Os cultivos, de trigo, millo, avea e legumes, ocupan só o 13% da superficie. Os fenómenos de erosión e a sarabia son a causa da feble produtividade do sector primario, que, xunto coa falta de capitais, fai que a metade da poboación activa emigre temporalmente para traballar nas minas e nas granxas de Sudáfrica. A industria é practicamente inexistente, pero o país ten importantes reservas hidráulicas que lle proporcionan o Orange e os seus afluentes. A mina de diamantes de Letseng-la-Terai, explotada desde 1977, pechou en 1982 a causa da recesión mundial de diamantes. Isto afectou á economía do país, xa que os diamantes representaban a metade do valor das exportacións.
Comercio exterior
A práctica falta de liñas férreas e a escaseza de estradas limitan o comercio interior e exterior (exportación de la, moher, pel e gando e importación de cereais e produtos manufacturados), orientado cara á República Sudafricana e a Unión Europea. O turismo é importante. As reservas que proceden dos emigrantes de Sudáfrica constitúen aproximadamente a metade do PNB de Lesotho. A unidade monetaria é o loti.
Xeografía humana
As dúas terceiras partes da poboación concéntrase nos baixos altiplanos. A poboación urbana é do 28%; é un dos estados máis rurais do mundo. Practicamente a totalidade da poboación pertence á etnia sotho. A única cidade importante é Maseru.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
As linguas oficiais son o inglés e o sotho. A relixión maioritaria é o catolicismo (39,3%), que convive coas relixións animistas e crenzas tradicionais (29,9%), o protestantismo (14%) e o anglicanismo (5,6%). A educación é obrigatoria entre os 6 e os 13 anos. No curso 1998-1999, 369.515 alumnos estudiaban en 1.249 escolas primarias e 71.235 asistiron a escolas secundarias. A Universidade Nacional de Lesotho tiña no mesmo curso 4.046 estudiantes e 436 profesores.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Lesotho entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 120º posto cun índice do 0,541). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 51 anos para os homes e de 55 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 83,4% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 61%; e o PNB por habitante é de 550 $ EE UU.
Goberno e política
Lesotho independizouse de Reino Unido o 4 de setembro de 1966 e pola Constitución de 1993 definiuse como unha monarquía constitucional. Á fronte do país figura o monarca, que ten unha función representativa, de carácter hereditario, pero sen poder executivo e lexislativo. O poder executivo reside no xefe do goberno e primeiro ministro, líder do partido maioritario na asemblea que é elixido automaticamente. O poder lexislativo reside nun parlamento bicameral, formado polo Senate, que conta con 33 membros, 22 xefes principais e outros 11 membros designados polo partido no poder; e a National Assembly, formada por 120 membros, 80 por votación popular directa e 40 por voto proporcional, designados para un período de cinco anos. O poder xudicial organízase arredor da High Court, designada polo monarca e a Court of Appeal. O seu sistema legal baséase na common law británica con elementos da tradición legal holandesa e do dereito romano. Non acepta a xurisdición do Tribunal Penal Internacional e permanece en vigor a pena de morte. Os principais partidos políticos son o nacionalista Basotho Congress Party (BCP), o socialdemócrata Basutoland Congress Party (BCP), denominado desde 1998, Lesotho Congress for Democracy (LCD), e o conservador Basotho National Party (BNP). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Commonwealth, OUA, ONU e membro asociado da UE.
Historia

As orixes
Habitado primitivamente por tribos san, durante os ss XVI e XVII algunhas tribos bantús ocuparon o alto Orange. O expansionismo zulú a comezos do s XIX provocou a fuxida de diversos grupos e tribos baixo o liderado do Rei Moshoeshoe, que se refuxiaron nos montes Drakensberg. A partir de 1839 tiveron que enfrontarse tamén co expansionismo dos bóers, o que consolidou os vínculos entre os distintos grupos, que adoptaron a denominación de basothos.
O dominio británico e o proceso de independencia
En 1868 constituíuse o protectorado británico de Basutoland que foi anexionado á colonia británica do Cabo en 1871, pero unha revolta entre 1880 e 1883 restableceu a situación de Lesotho como protectorado cunha monarquía propia. Esta situación permitiulle evitar a anexión á Unión Sudafricana, da que, dependía totalmente. En 1965 celebráronse eleccións que gañou o BNP, que agrupou a xefes de tribos tradicionais protexidas polos británicos. O seu dirixente, Joseph Leabua Jonathan converteuse no primeiro ministro, mentres BCP permaneceu na oposición.
A independencia de Lesotho e os gobernos de Leabua Jonathan
O 1 de outubro de 1966, independizouse dentro da Commonwealth, e o presidente do BNP, Leabua Jonathan, foi elixido primeiro ministro mentres o gran xefe Moshoeshoe II foi nomeado monarca. Leabua Jonathan implantou unha política de convivencia coa República Sudafricana, mentres no interior deuse unha forte represión. A vitoria do BCP nos comicios de 1970 provocou a anulación das eleccións polo primeiro ministro Leabua Jonathan, que declarou o estado de excepción, ilegalizou diversas forzas como o BCP, suspendeu a constitución e disolveu o Parlamento. O monarca Moshoeshoe II tivo que exiliarse en Países Baixos e Leabua Jonathan gobernou por decreto ata que en 1973 estableceu unha Asemblea Nacional de carácter provisional. En 1974 produciuse un levantamento armado dirixido por supostos seguidores do BCP que fracasou. A represión de Leabua Jonathan radicalizouse mentres os seguidores do BCP formaron unha facción armada, o Lesotho Liberation Army, que se enfrontou coa policía durante os anos seguintes. Na segunda metade da década de 1970 o réxime de Leabua Jonathan impulsou a emancipación económica e política do país respecto a Sudáfrica, república coa que tivo diversas tensións relativas ao estado de Transkei, non recoñecido por Lesotho. Lesotho estableceu relacións diplomáticas con países socialistas africanos e doutros continentes, o que tamén o enemistou co réxime sudafricano. Como resposta á crecente actividade guerrilleira do Lesotho Liberation Army, apoiado por Sudáfrica, Lesotho deu asilo aos membros do Congreso Nacional Africano (CNA), prohibido en Sudáfrica. O exército sudafricano cruzou as fronteiras en 1982 e en 1985 para atacar os locais do ANC.
A volta á democracia
En 1986 un golpe de estado protagonizado polo xefe do exército, o xeneral Justin Lekhanyha, derrocou o primeiro ministro Leabua Jonathan, instaurou un consello militar e transferiu os poderes executivo e lexislativo ao Rei Moshoeshoe II. En 1990 Lekhanya asumiu o poder e nomeou rei a Letsie III, fillo de Moshoeshoe. O consello militar disolveuse en 1993, despois de aprobar unha constitución e de convocar eleccións, onde o BNP foi derrotado polo BCP de Ntsu Mokhehle, nomeado novo primeiro ministro. En agosto de 1994 Letsie III protagonizou un golpe de estado contra Mokhehle que non prosperou, e en xaneiro de 1995 Moshoeshoe II foi reinstaurado no trono. A morte do monarca, a comezos de 1996, devolveu o poder a Letsie III. A falta de democracia e o autoritarismo de Mokhehle provocaron as críticas da oposición, que ao tempo se mesturaron con reivindicacións corporativas dos corpos policiais. Nas eleccións de maio de 1998 venceu o partido oficialista de Mokhehle, que pasou a denominarse Lesotho Congress for Democracy (LCD), e Pakalitha Mosisili converteuse en primeiro ministro. Non obstante , a oposición considerounas fraudulentas e manifestou o seu rexeitamento ao réxime a través de manifestacións. O apoio dun grupo do exército ás protestas no mes de setembro obrigou o goberno a pedir a axuda militar do Southern African Development Community (SADC), integrado por Botswana, Sudáfrica e Zimbabwe, que enviaron tropas e se fixeron co control da situación despois de violentos enfrontamentos.
A organización dun novo sistema representativo
En decembro de 1998 constituíuse a Interim Political Authority, un corpo de 24 membros integrado por representantes do goberno e da oposición, co fin de organizar novas eleccións e revisar a lexislación electoral. As tropas sudafricanas e botswanianas terminaron a súa retirada en maio de 1999. A convocatoria de novas eleccións acordada inicialmante para 2000, retrasouse ata maio de 2002, mentres se organizou un novo sistema electoral proporcional, que incrementou o número de escanos ata 120. As sucesivas secas e as malas colleitas, xunto coas elevadas taxas de SIDA provocaron unha crise humanitaria en 2003.