Letonia

Letonia
Nome científico: nome oficial: ;Latvijas Republika]

Estado de Europa Setentrional que limita ao N con Estonia, ao S con Lituania, ao L con Rusia e Bielorrusia e ao O está bañada polo Mar Báltico (64.610 km2; 2.359.000 h [estim 2001]). A capital é Rīga.
Xeografía física
O territorio de Letonia está formado por unha chaira, con outeiros ao L e ao O. O clima é entre marítimo e continental. O 52% dos solos son de podzol. Preto dun 70% dos terreos agrícolas son extremadamente húmidos, polo que se levan realizan traballos de bonificación. Os ríos máis importantes son o Daugava, o Lielupe, o Venta e o Gauja. Ten 3.195 lagos, a maioría de orixe glaciario, que ocupan o 1,5% do territorio. O bosque ocupa o 38% do territorio, os prados, o 7,5%, e os pantanos, o 4,8%.
Xeografía económica
A economía rural está especializada na gandería bovina e porcina. Críase gandería de raza para os países da CEI. A agricultura é intensiva e está altamente mecanizada, destacando os cultivos de patacas, remolacha azucreira, liño e cereais. A industria principal é a da maquinaria, seguida da alimentaria. As fontes de enerxía locais son a turba e os recursos hidroenerxéticos. O transporte ferroviario e marítimo só ten importancia nacional. Os portos principais son os de Rīga, Ventspils e Liepāja. Letonia recibe petróleo e derivados de Bielorrusia, Provolzhie e Siberia Occidental, carbón e metal de Ucraína, tractores e camións de Bielorrusia e algodón, la e coiro de Asia central e de Kazakhstán. A produción industrial de Letonia expórtase a máis de 100 países.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o dos letóns, que representan un 57,6% da poboación. Outros grupos importantes son os rusos 29,6%, bielorrusos 4,1%, ucraínos 2,7%, polacos 2,5%, lituanos 1,4%, hebreos 0,4% e outros 1,7%.O letón é a lingua oficial, e o ruso está moi estendido. Os ateos son maioría no país (62,9%), fronte aos católicos (14,9%), protestantes (14,6%) e ortodoxos (7,6%). O 69% da poboación é urbana.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Letonia entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 50º posto cun índice do 0,791). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 64 anos para os homes e de 75 anos para as mulleres, o índice de alfabetización de adultos é do 99,8% da pobación, o índice bruto de escolaridade é do 82% e o PNB por habitante é de 2.430 $ EE UU.
Goberno e política
Independente desde 1991, en xullo de 1993 recuperou a Constitución de 1922, pola que se definiu como república parlamentaria democrática. O poder lexislativo é exercido polo Saeima (Parlamento), unicameral, que consta de 100 membros elixidos cada tres anos por sufraxio universal. O presidente da república, elixido á súa vez por un período de tres anos e co dereito a unha sóa reelección, designa ao primeiro ministro, que dirixe o poder executivo. O sistema xudicial baséase no dereito europeo. A pena de morte non está en vigor desde 1999. As principais formacións políticas son: Jaunais Laiks (Nova Era, JL), de centro dereita, fundada en febreiro de 2002; Tautas Partija (Partido Popular, TP,) formación conservadora fundada en maio de 1998; Savienība Latvijas Celš (Unión Vía Letona, LC), de tendencia liberal e fundada en 1993; Demokratiska Partija “Saimnieks” (Partido Democrático “Saimnieks”, DPS), de centroesquerda; Tautas Kustiba Latvijai (Movemento Popular de Letonia, TKL), nacionalista de extrema dereita; Latvijas Pirmā Partija (Primeiro Partido de Letonia, LPP), que inclúe o Kristīgi Demokrātiskā Savienība (Unión Cristián-demócrata, KDS); Zalo un Zemnieku Savienība (Unión dos Granxeiros e dos Verdes, ZZS), partido dos verdes está formado polo Latvijas Zalā Partija (Partido Verde de Letonia) e o Latvijas Zemnieku Savienība (Unión Agraria e de Granxeiros de Letonia); e o conservador nacionalista Apvienība Tēvzemei un Brīvībai/LNNK (Alianza Patria e Liberdade, TB/LNNK). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Consello de Estados do Mar Báltico, Consello de Europa, Organización Mundial de Comercio, Organización para a Seguridade e a Cooperación de Europa, ONU e UE.
Historia
Os primeros habitantes do actual territorio de Letonia foron tribos nómades que emigraron ás costas do Báltico trala retirada dos últimos glaciares. Cara a 2000 a C estes grupos foron substituídos polos pobos bálticos, tribos indoeuropeas que desenvolveron a agricultura e que se instalaron de xeito permanente en Letonia, Lituania e no L de Prusia.
O dominio xermano
Suecos e rusos disputáronse o territorio durante os ss X-XI ata que no s XII chegaron á costa letona guerreiros e misionerios xermanos. A comezos do s XIII as tribos livonias e bálticas que habitaban na actual Letonia foron sometidas polos cabaleiros teutónicos alemáns que crearon a Confederación de Livonia, formada por estados eclesiásticos, cidades libres e rexións gobernadas polos monxes guerreiros. O proceso de colonización estivo ligado ao da cristianización e a poboación autóctona tivo que aceptar o cristianismo, á vez que se convertía en serva dos señores alemáns, que impuxeron a sociedade feudal e mantiveron o seu predominio social.
A ocupación polaca e a anexión rusa
A mediados do s XVI, as rivalidades en Livonia acentuáronse pola expansión do protestantismo e o descontento dos campesiños. Entre os ss XVI-XVIII, a actual Letonia, composta por Livonia e Curlandia, sufriu as invasións danesa,   rusa (1557-1558) e sueca (1561). Despois da Guerra de Livonia, o territorio repartiuse entre Lituania, Polonia e Suecia. Desde 1629 Suecia fíxose co dominio do N de Letonia pola Tregua de Altmark e en 1661 os teutóns cedéronlle o dominio territorial a Polonia cunha grande autonomía política. Rusia anexionou Livonia en 1710 e Curlandia en 1795, e emprendeu durante o s XIX unha intensa política de rusificación, que fracasou a causa do espertar nacional letón. Despois do fracaso do levantamento de 1905 os letóns sufriron unha dura represión, pero axudaron ao triunfo da revolución bolxevique en 1917.
Unha breve independencia
Os alemáns ocuparon o país en 1918 e tentaron a constitución dun estado autónomo dependente de Alemaña, pero ese mesmo ano, os letóns, coa axuda dos aliados, proclamaron a independencia de Letonia, recoñecida polos soviéticos en 1920. En 1922 unha nova constitución estableceu un réxime parlamentario burgués, que favoreceu a reforma agraria, pero en 1934 Karlis Ulmanis, líder da dereita agraria, deu un golpe de estado e asumiu todos os poderes.
O dominio soviético: 1940-1991
En 1940, a raíz da ocupación de Letonia polos soviéticos, proclamouse a república soviética e incorporouse á URSS. Mentres, Ulmanis e milleiros de letóns eran deportados a Siberia. Ocupada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial (1941-1944), ao seu termo foi reincorporada a URSS. A consecuencia da revolta nacionalista de Unión Soviética durante a perestrojka, o Soviet Supremo de Letonia, baixo a presidencia de Anatoli Gorbunov, anunciou a restauración dos dereitos soberanos do país cun período de transición (1990).
Os inestables gobernos independentes
En agosto de 1991 Letonia proclamou a independencia. O goberno mantívose estable ata as eleccións de 1993, cando se reinstaurou o antigo parlamento, a Saeima. A coalición gobernante foi encabezada por Guntis Ulmanis, e Valdin Brirkau foi nomeado presidente. A difícil situación económica provocou un xiro nos resultados electorais de 1995, que favoreceron o DPS e o TKL. En decembro de 1995 o independente Andris Skele foi proclamado primeiro ministro e, en xuño de 1996, o Saeima confirmou de novo a Ulmanis como presidente. Nese ano as tres repúblicas bálticas (Letonia, Estonia e Lituania) eliminaron os aranceis sobre as importacións para incrementar o comercio entre elas. En 1997, Skele dimitiu despois dunha crise gobernamental pola corrupción e sucedeuno Guntars Krats. A explosión de dúas bombas na embaixada rusa en Rīga e nunha sinagoga en abril de 1998 deteriorou as relacións coa Federación Rusa. As presións externas aceleraron a aprobación de enmendas á Lei da Cidadanía en xuño dese ano, que ampliou os dereitos da minoría rusa. Nas eleccións lexislativas de outubro de 1998 o TP e o LC foron as forzas máis votadas, e Vilis Kristopans (LC) converteuse en primeiro ministro. En 1999, Vaira Vike-Freiberga converteuse en presidente da república.
A integración na UE
En outubro de 1999, Letonia foi incluída no segundo grupo de nacións que iniciaron conversas para a adhesión á UE, que finalizaron coa súa incorporación o 1 de maio de 2004. O primeiro ministro, Andris Skele, dimitiu en maio de 2000 e Andris BērziÅš (CL) ocupou o cargo á fronte dunha coalición de catro partidos. Despois das eleccións de outubro de 2002 Einars Repse foi elixido primeiro ministro e formou un novo goberno de coalición co LPP, co ZZS e co TB/LNNK.