leucemia
(< leuc- + gr ἄιμα‘sangue’)
Nome xenérico dun grupo de enfermidades caraterizadas pola proliferación neoplástica de células hematopoéticas e por presentar graos diversos de maduración, que se acompaña dunha diminución da proliferación de células hematopoéticas normais. As leucemias poden xurdir en calquera idade, pero constitúen a causa máis frecuente de morte por cáncer infantil. As leucemias agudas están formadas por células moi inmaduras (blastos), predominan nos nenos e son de causa descoñecida, aínda que na súa xénese poden contribuír factores xenéticos, de radiacións, de fármacos ou víricos. O hemograma acostuma indicar leucocitose de grao variable con presenza de blastos, aínda que nalgúns casos o número de leucocitos é normal (leucemias aleucémicas). O prognóstico varía segundo cada tipo de leucemia e está en relación coa resposta ao tratamento quimioterapéutico, grazas ao que se consegue, en moitos casos, eliminar todos os signos da enfermidade (remisión completa) a pesar de que máis adiante poida haber unha recaída (brote blástico). As leucemias agudas poden clasificarse en leucemias mieloides ou mieloblásticas e en leucemias linfoblásticas. As leucemias crónicas, formadas por células máis maduras, son máis propias da idade adulta e acostuman ter un curso máis lento e benigno ca as agudas. OBS: Tamén se denomina leucocitemia ou leucose.