Liberal Party
Partido político británico defensor por excelencia das teorías políticas e socio-económicas que predominaron durante a segunda metade do s XIX. Herdeiro dos whigs e da tradición radical, acadaron o seu máximo prestixio durante os gobernos reformistas de Gladstone (1868-1874, 1880-1885, 1886 e 1892-1894). A principios do s XX comezou a mostrar contradicións, e dividiuse nunha á dereita librecambista e nunha á esquerda socializante. A Primeira Guerra Mundial provocou unha división no partido entre A. Asquith e Lloyd George, feito que orixinou a súa derrota e permitiu que o Labour Party se convertese no segundo partido do Parlamento británico, mentres o Liberal Party pasou ao terceiro posto. Cunha escasa definición ideolóxica e sen un líder carismático, en 1981 estableceu unha alianza electoral co Social Democratic Party, que xurdira ese mesmo ano como unha escisión do laborismo.