liberalismo

liberalismo

(

  1. s m

    Calidade de liberal.

    Sinónimos: liberalidade.
  2. s m [DER/ECON]

    Doutrina e sistema que defende a liberdade política e económica e parte do recoñecemento da liberdade como un dereito para todos os homes. O seu sentido preciso cambia segundo o terreo específico ao que se refira (político, económico, relixioso) e modificouse considerablemente ao longo do tempo. Nas últimas etapas do Antigo Réxime considéranse liberais as correntes ideolóxicas da Ilustración e a actuación daqueles grupos políticos que loitaron contra a monarquía absoluta e os privilexios feudais. Neste estadio o liberalismo expresou as necesidades obxectivas de amplos sectores da sociedade e presentouse como un programa de loita común, aínda que baixo o control e a dirección da burguesía. Unha vez que acadaron os obxectivos inmediatos e despois da instalación da burguesía no poder, transformouse nunha fórmula que xustificou a conservación da nova orde establecida e que combateu as reivindicacións daqueles grupos sociais que consideraban insuficientes as liberdades conseguidas. O liberalismo apareceu neste momento consolidado nunhas fórmulas políticas estritas: goberno parlamentario, dereito ao voto, igualdade fronte á lei e liberdade de prensa, asociación e crenzas. Estas fórmulas configuraron unhas formas democráticas de goberno e nutriron os programas duns partidos que presentaban unicamente diferencias de matiz, en función das que adoptaban a denominación de conservadores, como a expresión da súa vontade inmobilista, ou ben continuaron reivindicando a de liberais e intentaron canalizar un afán de renovación xeralmente moi limitado. Por regra xeral, a aparición no espectro político de novos partidos máis á esquerda quitoulle todo o sentido á división entre conservadores e liberais, e deixou os partidos liberais tradicionais nunha inútil posición de centro, que non significaba unha alternativa real e que rematou nun debilitamento progresivo. O liberalismo económico, que comprendía clasicamente unha combinación do laissez faire e o librecambismo, non vai necesariamante vinculado ao liberalismo político. Pódense atopar réximes que proscriben ou falsean a democracia e que, pola contra, se  preocupan por conservar a liberdade de actuación do empresario. No contexto español as denominacións de liberalismo e liberal apareceron para designar os partidarios dun réxime constitucional e os principios que estes sustentaban, en contraposición aos que desexaban unha perpetuación do absolutismo. A Revolución de 1820 significou o comezo dunha etapa nova e decisiva, a primeira onde comezou a aplicarse unha política liberal na realidade. Pero tamén nestes anos comezou a producirse unha escisión entre o sector dos liberais que desexaban unhas transformacións revolucionarias (exaltados) e os que se contentaban cuns cambios formais na organización política (moderados). O establecemento dun réxime constitucional produciuse despois de moitas transicións, desde a mínima concesión que significaba o Estatuto Real ata a Constitución de 1837, que encarnizou os enfrontamentos entre os que naquel momento se denominaban Partido Moderado e Partido Progresista. Os moderados estaban apoiados por unha alianza entre os terratenentes e a burguesía industrial, reafirmados en actitudes conservadoras polo temor ao proletariado. Ata a Revolución de 1868 o poder estivo nas mans do Partido Moderado, con breves etapas de predominio progresista. As limitacións evidentes da política deste último partido provocaron a escisión que se constituíu no Partido Democrático, do que saíron, á súa vez, os grupos republicanos. Estes partidos pódense considerar como burgueses, especialmente no que respecta á súa concepción sobre a propiedade. Desde 1874, no réxime da Restauración, o termo liberal pasou a designar calquera dos grupos que desexaban un estado de aparencia parlamentaria, pero o poder permaneceu limitado por unhas forzas vencelladas á gran burguesía. Os dous grandes partidos do sistema da Restauración, que se sucederon pacificamente no poder, adoptaron a denominación de liberais, como proba das escasas diferencias reais que existían entre eles, malia que en teoría o Partido Liberal-Conservador de Cánovas representaba unha opción máis moderada ca o Partido Liberal-Fusionista de Sagasta. Os dous grandes partidos políticos desintegráronse entre 1914 e 1923. Desde este momento o adxectivo liberal só o empregou en España algunha pequena formación de centro dereita durante a década de 1930. O réxime franquista censurou e reprobou o liberalismo como un dos responsables da decadencia de España. No resto de Europa e do mundo a ideoloxía liberal mantivo unha importante presenza durante a segunda metade do s XX. Os partidos desta filiación están integrados nunha Internacional Liberal e dispoñen de grupo propio no parlamento europeo. Desde 1975 diversas personalidades intentaron constituír grupos liberais en España que non funcionaron e acabaron absorbidos pola UCD. A desintegración da UCD permitiu novos intentos organizativos como o Partido Reformista Democrático, presidido por Antonio Garrigues Walker, e o Partido Liberal, que non acadou representación parlamentaria.
    O liberalismo en Galicia
    O primeiro paso que se desenvolveu en Galicia para chegar ao liberalismo foi un pensamento ilustrado, que naceu xa no s XVIII. A partir de 1808, coa entrada das ideas da Revolución Francesa, apareceron os primeiros liberais que tiñan un contexto óptimo para o desenvolvemento desta ideoloxía, a nivel económico, social e intelectual. No primeiro momento de implantación do ideario afrancesado houbo unha crise ideolóxica entre os máis avanzados, que observaban que o cambio só sería posible renovando a coroa e implantando a dinastía napoleónica, e os liberais, que seguían fieis á coroa española e querían o cambio desde dentro do país. Entre os seguidores da primeira teoría estaban Bazán de Mendoza, Pedrosa, Vega, Agustín Ruiz e Sobrino, todos da zona de Santiago de Compostela. Na Coruña, o grupo liberal estaba formado por empresarios, militares, burócratas e intelectuais e fixeron da cidade o segundo reduto liberal de España. Destacaron Lacy, Vega, Pedro de LLano, Valentín Foronda e Pardo de Andrade. Xuntábanse no café La Esperanza e formaron o grupo masón Club de la Esperanza. Despois da chegada de Fernando VII a maioría tivo que exiliarse, e retomaron a súa actividade en prensa cando houbo liberdade de expresión. Despois da expulsión dos franceses, trala Batalla de Pontesampaio (1809), a sociedade dividiuse entre os partidarios da restauración do Antigo Réxime, co arcebispo de Santiago de Compostela Múquiz á cabeza, e os que se declaraban seguidores do réxime liberal, basicamente a burguesía e a alta administración do Estado. Os primeiros valéronse das pastorais e dos escritos teolóxicos para defender a súa teoría, e os segundos utilizaron a prensa e os parladoiros. Entre estas publicacións destacaron El Ciudadano por la Constitución, editado por Marcelino Calero, La Gaceta Marcial y Política de Santiago, dirixida por Juan Bautista Caamiña ou a edición na Coruña de El Diario Constitucional de La Coruña e El Diario Patriótico Constitucional de La Coruña. Co retorno de Fernando VII ao poder (1814), os avances liberais abolíronse, e en 1815, o mariscal de campo Porlier, foi detido polos seus ideais e poder anterior e conspirou unha sublevación en que foi derrotado e executado. Os liberais na política non volverían triunfar ata 1820, pero mentres, a ideoloxía non se perdeu, e continuou madurando o ideario que se desenvolvera ata o momento, baseado en autores como Adam Smith, Rousseau, Montesquieu, Say ou os propios galegos como Feijoo ou Sarmiento. A base do liberalismo foi unha concepción antropolóxica, moi alonxada da que se defendía desde os púlpitos, xa que o home pasou a estar no mundo non para gañar o ceo, senón para ser cidadán, de pleno dereito, nos eidos sociais, económicos e políticos. O home adquiriu uns dereitos fundamentais e inalienables, baseados no Habeas Corpus de liberdade e igualdade, que só se podían entender na convivencia en sociedade. Como animal social, tende a defender os seus dereitos de propiedade, e para acadar a felicidade debe cumprir unha serie de virtudes, que precisan do aforro para a xeración de riqueza. Neste aspecto económico, precisaban facer varias reformas como a agraria ou a desamortización, que non chegou ata mediados de século. A soberanía foi nacional, baseada nese pacto social, xa que o home non pode ceder definitivamente o poder, simplemente o derroga por un tempo. Neste punto notouse a diferenza entre os liberais radicais e os moderados, xa que para estes últimos a soberanía podía delegarse. Se estes compoñentes ideolóxicos se levaban ao seu fin, a Igrexa perdía moito da súa razón de ser, na procura do salvamento humano. No segundo período liberal (1820-1823), a situación cambiou respecto á de 1814, xa que se situaron os sectores máis radicais, que non buscaron ningún consenso coa Igrexa nin cos absolutistas. Entre estes cóntanse a militares, burgueses e intelectuais que foron parte dos novos órganos de goberno como a Sociedade Patriótica, a Xunta Superior de Goberno e a Deputación Provincial. O terceiro período (1839-1868) supuxo o establecemento do estado liberal baixo a dirección dunha oligarquía agraria e financeira. O reinado de Isabel II caracterizouse pola alternancia no poder das dúas ramas do liberalismo, o moderantismo e o progresismo. En Galicia moderados e progresistas apenas diferenciaron os seus postulados ideolóxicos e en 1844 abriuse un período de goberno moderado. A instauración do moderantismo baseouse na promulgación da Constitución de 1845 e na reforma electoral de 1846, que reduciu a base electoral. Nestes anos xurdiu o primeiro movemento galeguista, o provincialismo, que entendía Galicia como unha unidade política diferenciada, a provincia do antigo Reino de Galicia, fronte ao Estado central que impuxo a división provincial de 1833. A primeira xeración de provincialistas estaba formada por mozos universitarios e profesionais liberais vinculados ao progresismo e cun ideal republicano federal. Despois dunha década de goberno moderado, o pronunciamento militar de Vicálvaro (28.6.1854) e o posterior Manifiesto de Manzanares (7.7.1854) levou ao goberno unha coalición de progresistas e liberais moderados. Ambos os dous tiñan postulados moi parecidos nesta época e diferenciábanse basicamente na centralización ou descentralización administrativa. Durante esta década formouse a Unión Liberal, composta por moderados e dirixida polo xeneral O’Donnell, e que logrou a estabilidade, polo menos durante un ano. A inestabilidade do goberno deu paso aos pronunciamentos de 1868, co que o réxime liberal quedou extinguido.

  3. liberalismo económico [ECON]

    Doutrina e sistema económico que se basean na convicción de que a liberdade de todos os comportamentos individuais garanten, en virtude dunhas leis naturais inmutables da economía, unha produción óptima co mínimo custo posible. Consideraban que o afán de ganancia e o espírito de competencia individual concordaban cos intereses xerais e necesarios para o bo funcionamento da vida económica, e opoñíanse ao control da economía por parte do estado, que debía limitarse a asegurar a liberdade de contratación e o cumprimento da lei, sobre todo no que respecta á propiedade privada, e favorecer o libre xogo dos mecanismos do mercado. Os primeiros en expoñer teoricamente esta doutrina foron os fisiócratas, pero foi Adam Smith quen profundizou no principio da liberdade económica. A mediados do s XIX, o liberalismo económico adoptou unha forma extrema coa oposición á regulación do traballo nas fábricas. Os utilitaristas ingleses déronlle unha nova base económica ao liberalismo ao expoñer a noción do óptimo colectivo que resultaría espontaneamente da interacción dos comportamentos individuais. O desenvolvemento do capitalismo levou a aceptar un maior control do estado, sobre todo para impedir interferencias e conseguir que funcionase coa maior eficacia o mecanismo competitivo, especialmente despois da crise económica da década de 1930. A crise da década de 1970, e moi especialmente a persistencia da inflacción, conxuntamente cun alto nivel de paro, provocaron unha reactivación dos plantexamentos liberais que identificaron a causa determinante da crise co excesivo intervencionismo estatal.