Liga Agrario-Redencionista
Movemento agrarista constituído en Madrid o 30 de xuño de 1910, despois dunha serie de reunións no Centro Galego en que participaron, entre outros, Portela Valladares, Basilio Álvarez, Alfredo Vicenti, Emilio Rondal e Prudencio Landín. Contou con tres directores, A.Vicenti, E. Vincenti e Portela Valladares, e tiña como secretario a Basilio Álvarez. O seu programa concentrábase na redención foral. Apoiado polos republicanos pontevedreses, o Directorio de Teis e a prensa republicana madrileña, a revista Acción Gallega serviulle de voceiro. Organizou unha campaña de mitins en Pontevedra e Lugo protagonizada por Portela Valladares, en que se enfrontou cos seus rivais dentro do partido liberal. Disolveuse rapidamente polas diferencias entre os seus membros e despois da desaparición de Acción Gallega, en setembro dese ano, o distanciamento dos seus líderes levou á súa extinción no mes de novembro.