lince
(< lynce)
-
s
m
[ANIMAL]
Mamífero carnívoro, da familia dos félidos, de 45 a 80 cm de altura en cruz, patas longas, cola curta, orellas rematadas nunha mecha de pelos ríxidos, e dous premolares na mandíbula superior. Presenta un aspecto moi parecido ao do gato, pero o lince é de maior tamaño.
-
lince ártico
[ANIMAL]
Lince de 1,1 m de lonxitude, cola curta e pelaxe de cor grisácea. Aliméntase de mamíferos, réptiles e aves. Vive en Alasca, Canadá e no N de EE UU. OBS: Tamén recibe o nome de lince canadense.
-
lince boreal
[ANIMAL]
Lince de 1,30 m de lonxitude, patas robustas e longas, máis curtas as dianteiras que as traseiras e de cola curta co extremo de cor negra. A súa pelaxe é longa e suave, de cor gris vermella con manchas escuras e coa parte inferior branca. Aliméntase de pequenos mamíferos, corzos, cervos e fundamentalmente lebres. É solitario e de costumes nocturnos. Vive en bosques e zonas de montaña, habita no NL do continente europeo e Asia. É o felino máis grande de Europa. OBS: Tamén recibe os nomes de lince común e lince europeo.
-
lince ibérico
[ANIMAL]
Lince de 1,1 m de lonxitude, máis 13 cm de cola, altura en cruz de 60 a 70 cm e peso entre 10 e 20 kg. É de complexión robusta, cara redondeada, patas longas, orellas aguzadas rematadas nun penacho de pelo negro, cola curta cunha borla negra no extremo e longas patillas que colgan das meixelas. A súa vista e a agudeza auditiva son excelentes. A súa pelaxe é de cor parda avermellada ou grisácea, con manchas negras sobre o lombo e ata as patas. Presenta dimorfismo sexual que se denota no tamaño e na lonxitude dos penachos das orellas e das patillas. Caza ao axexo, aliméntase de coellos que representan o 80 ou 90% da súa alimentación, lebres, roedores e en menor cantidade de aves e réptiles. É de costumes nocturnos, aínda que se pode observar durante o día en inverno. É un animal de hábitos solitarios, permanece coa súa parella só na época de celo. A xestación dura uns 63 días, e pare 2 ou 3 crías, que serán coidadas exclusivamente pola nai. Alcanza a madurez sexual ao ano e medio de vida e chega a vivir entre 10 e 15 anos. O seu hábitat principal son áreas de matogueira e de bosque mediterráneo con gran cobertura vexetal. É natural da Península Ibérica, localízase na actualidade en pequenos núcleos do cuadrante sudoccidental da Península e tamén existe un número moi reducido de exemplares en Portugal. Declarouse especie protexida en 1966, e é o felino máis ameazado do mundo xunto co tigre de Bengala. OBS: Tamén recibe os nomes de gato cerval e lince pardo.
-
lince vermello
[ANIMAL]
Lince de 1 m de lonxitude, máis 15 cm de cola e 15 kg de peso. Aliméntase de pequenos e medianos mamíferos e tamén dalgunhas aves terrestres. É natural de América do Norte, a súa distribución vai desde Canadá ata México.
Frases feitas
-
Ser un lince. Ser alguén moi astuto ou hábil.
-
Ser un lince. Ser alguén moi astuto ou hábil.
-
Ter vista de lince. Ter moi boa vista.
-
Ter vista de lince. Ter moi boa vista.