lineal

lineal

(< lat lineāle)

  1. adx

    Relativo ou pertencente á liña.

    Sinónimos: linear.
  2. adx

    Que ten forma ou segue un desenvolvemento semellante á liña recta.

    Ex: Seguiu un traxecto lineal a través do bosque. O barrio ten unha estrutura lineal.

    Sinónimos: linear.
  3. adx

    Que está formado por liñas.

    Ex: É un experto en debuxo lineal.

    Sinónimos: linear.
  4. adx

    Que ten unha única dimensión.

    Sinónimos: linear.
  5. adx [MAT]

    Aplícase á ecuación diferencial que é lineal respecto á función incógnita e ás súas derivadas.

    Sinónimos: linear.
  6. adx [MAT]

    Aplícase á función, á ecuación ou ao sistema de ecuacións nos que interveñen só polinomios de primeiro grao, denominados lineais.

    Sinónimos: linear.
  7. escritura lineal [ESCR]

    Sistema gráfico de escritura que se empregou en Creta no segundo milenio a C e testemuñado en diversas inscricións. Ofrece dous tipos: lineal A e lineal B. A escritura lineal A, que se considera que foi introducida en Chipre procedente de Creta, parece ser que é anterior a 1200 a C. Os seus caracteres coñécense co nome de chiprio-minoicos porque da súa evolución nace a escritura silábica chipriota. A escritura lineal B, descifrada en 1952 por Michael Ventris, co asesoramento de J. Chadwick, a partir duns milleiros de táboas encontradas en Knossos (Creta), en Pilos (Messenia), en Mecenas e en Tebas, foi a escritura da Grecia micénica. Escríbese de esquerda a dereita e consta duns noventa signos (cada un deles corresponde a unha sílaba), dunha colección de ideogramas ou signos que representan obxectos, seres humanos e animais, e dun sistema numérico de base decimal. Para a súa interpretación, Ventris partiu do estudo das diversas construcións gramaticais e intentou ler o nome de Knossos e das outras localidades veciñas nas táboas. Conseguiu coñecer o valor fonético dalgúns signos. Sucesivas investigacións confirmaron que a lingua era a grega, aínda que a transcrición da escritura lineal B non era moi apropiada e presentaba dificultades. Con todo, os progresos foron notables e hoxe pode considerarse que o micénico é unha lingua plenamente identificada.