liofilización
(
Operación de eliminación de auga que consiste nunha conxelación, seguida dunha deshidratación por sublimación, que ten lugar nun recipiente onde fai o baleiro. A substancia disolta conxélase a -50°C a gran velocidade, faise o baleiro (de 0,1 a 0,01 mm Hg) e sublímase a auga a unha velocidade o máis lenta posible. Os primeiros estudios para conseguir unha substancia liofilizada derivan dos traballos feitos con plasma humano, coa idea de conservalo sen que se desnaturalice. Os bos resultados obtidos fixeron que esta técnica se estendese a outros eidos, sobre todo á industria alimentaria e á químico-biolóxica. As baixas temperaturas ás que se traballa evitan alteracións químicas de substancias termolábiles, a perda de compoñentes volátiles queda reducida ao mínimo e os liofilizados presentan unha estrutura esponxosa de fácil disolución. Ademais, durante a liofilización, o desenvolvemento de microorganismos e de reaccións enzimáticas é inhibido polas baixas temperaturas conseguidas e pola rápida falta de auga como medio de cultivo.