Lires, ría de
Lires, ría de
Pequena ría da Costa da Morte, formada na desembocadura dos ríos Castro e Lires, que baña o litoral das parroquias de Frixe e Nemiña (Muxía) e Lires (Cee). A área afectada pola acción intermareal prolóngase nunha lonxitude aproximada de 1.300 m, delimitada pola praia de Nemiña, ao N, e a punta do Mellón de Lires, ao S. A ría, escavada sobre unha litoloxía granítica de cronoloxía paleozoica, ten dous entrantes: o principal, en dirección L-O, coincide coa que trae o leito do río Castro no seu curso baixo; e outro en dirección SSL-NNO, que concorda coa do leito do río de Lires no seu treito final. Foi incluída na relación galega de espacios naturais propostos para integrar a Rede Natura 2000 da Unión Europea.