litoral

litoral

(< lat litorāle)

  1. adx

    Relativo ou pertencente á beira do mar.

  2. s m [XEOG]

    Área de confluencia marítimo-terrestre en sentido amplo. Debido ao carácter dinámico destes ambientes controlados polas ondas e correntes mareais, a zona litoral establécese na franxa de anchura variable que se sitúa entre o límite das mareas máis baixas (mareas mortas) e as mareas vivas primaverais. Os biólogos estenden a utilización do termo desde a marca das preamares ata o límite en que as plantas poden chegar a fixarse no fondo mariño, xeralmente a uns 40-60 m, no que denominan zona eurolitoral. As nocións de litoral e de costa son, a miúdo, empregadas de xeito incorrecto. O concepto de costa ten un carácter máis amplo e difuso, pois inclúe todos os ambientes vinculados xeneticamente aos procesos e axentes naturais que actúan no litoral (praias, cantís, plataformas costeiras, sistemas dunares, esteiros, deltas mareais ou marismas modelados ao longo do tempo pola enerxía das ondas, das correntes, das mareas e do vento). Os litorais constitúen un medio morfolóxico, climático, hidrolóxico e ecolóxico con características moi peculiares, que están ciclicamente afectadas por multitude de axentes naturais, tanto de orixe mariña como continental, e que controlan a súa fisiognomía, dinámica e estabilidade a curto, medio e longo prazo. Á parte dos fenómenos instantáneos, moi intensos pero de baixa frecuencia (furacáns, fortes temporais ou tsunamis), as ondas e as correntes asociadas a elas, constitúen o axente máis importante na dinámica litoral. O derramo da forza das ondas sobre a superficie das praias é o elemento fundamental nas variacións do seu perfil, xa que supón a posta en movemento, selección, rodamento e nova deposición dos sedimentos que as compoñen. Nos litorais rochosos a enerxía das ondas modela cantís cunha morfoloxía que depende da resistencia e grao de fracturación dos materiais que os conforman, da súa maior ou menor exposición ás batidas das ondas e das diferentes condicións ambientais que se deron desde a xénese das formas ata a actualidade. As mareas constitúen un axente físico que pode dar orixe a fortes correntes litorais que redistribúen os sedimentos fluvio-mariños xerando ambientes singulares, como marismas e humedais, esteiros, mangleirais da zona tropical ou deltas mareais, sistemas que resultan tamén da influencia doutros factores, como as achegas sólidas fluviais ou o tipo de vexetación e clima dominante. Na natureza, todos os axentes xeomórficos actúan de xeito simultáneo nos sistemas litorais e, a miúdo, complícanse pola interferencia de procesos continentais (meteorización física ou química das rochas, movementos en masa, glaciares ou achegas fluviais), xeralmente controlados polo tipo de clima dominante. De toda esta complexa interacción de procesos que se dan na zona de contacto entre o mar e a superficie terrestre resulta unha enorme variedade de medios litorais, uns dos máis orixinais e cambiantes de todos os conxuntos xeoambientais da terra. Desde comenzos do s XX ata a actualidade moitos investigadores achegaron diferentes clasificacións dos litorais. Entre as tipoloxía máis antigas, unha das máis coñecidas é a de D. W. Johnson (1919), que agrupou diversas morfoloxías segundo a súa situación en zonas de afundimento (rías e fiordes), de emersión (sistemas de praia-barreira), neutras (deltas, chairas aluviais e proglaciares, costas volcánicas, de arrecifes ou de falla) e costas compostas, orixinadas a partir da combinación de calquera das anteriores. Aínda que se trata dunha clasificación limitada e discutible nalgúns dos seus puntos, foi moi empregada ao longo do s XX e, de modo esencial, segue a ter vixencia. Un segundo grupo de clasificacións, difundidas desde as décadas de 1960 e 1970, baséase en criterios xenéticos, morfolóxicos e evolutivos, implicando como elemento común a distinción entre litorais estruturais e non estruturais. Nos estruturais, a forma e disposición do litoral varía segundo a particularidade das formacións xeolóxicas modeladas pola acción dos axentes mariños. Inclúense neste grupo os litorais de morfoloxía tabular, asociados na súa orixe a relevos monoclinais; os litorais fallados, cun aspecto cuarteado debido á rede de fallas transversais e lonxitudinais que os atravesan; e os litorais pregados, característicos da costa dálmata. Pola contra, os litorais non estruturais non presentan unha relación tan estreita coas condicións de substrato e, xeralmente, desenvólvense en sectores onde a maior incidencia dos procesos morfosedimentarios deu lugar á formación de praias e subsistemas asociados a elas. Outras clasificacións máis recentes, de carácter xenético, empregan a teoría da tectónica de placas como criterio para diferenciar entre litorais ligados ás marxes activas (de colisión) e os situados sobre marxes continentais pasivas. Galicia é a comunidade autónoma de España que conta cunha franxa litoral máis extensa, con máis de 1.720 km, desde a ría de Ribadeo, no Cantábrico, ata a embocadura do Miño, no Océano Atlántico. Presenta un trazado sinuoso, en que alternan sucesivos entrantes e saíntes con tramos rectilíneos, e dentro do que se poden individualizar numerosas unidades morfolóxicas como rías, penínsulas, tómbolos, sistemas de praia-barreira ou sectores acantilados. En xeral, o litoral galego presenta o aspecto dunha costa de submersión, ligada ao aumento do nivel das augas mariñas trala última glaciación (Würm), hai uns 8000-8500 anos, momento en que parte da costa do NO peninsular quedou anegada baixo o mar. Aínda así, polo menos dous tramos litorais amosan claramente na súa xénese unha vinculación cos movementos tectónicos, como o treito situado ao S do cabo Silleiro que, cunha forma rectilínea, avanza cara á embocadura do Miño continuando por terras portuguesas ata o río Douro, e a Rasa Cantábrica, que abrangue en Galicia un tramo relativamente curto entre o río Eo e cabo Ortegal, cunha morfoloxía suave e rectilínea. Neste caso a súa formación parece ligada á elevación tectónica de antigas plataformas costeiras, aínda que non se conservan depósitos que certifiquen a súa orixe mariña. O trazo máis característico do litoral galego  son as súas rías, divididas en dous sectores: as Rías Altas e as Rías Baixas. Desde o punto de vista dos recursos pesqueiros, o litoral do NO Ibérico posúe unha gran variedade e riqueza, que se fai moito máis evidente nos fondos mariños das rías. Isto explícase pola peculiaridade dos afloramentos mariños e polas correntes que se producen nas augas das rías, que supoñen unha renovación periódica do seu contido líquido grazas ás achegas das correntes oceánicas e á entrada de auga doce que procede da descarga fluvial. Estes sucesivos intercambios e circulacións de auga doce e salgada supoñen unha acumulación renovada de nutrientes, que implican unha notable fertilidade e constitúen o factor fundamental na abundancia piscícola e marisqueira do litoral galego, unha das máis elevadas a nivel mundial. Desde o punto de vista ambiental, os espacios litorais son áreas de extrema fraxilidade que conteñen unha enorme riqueza ecolóxica, paisaxística e cultural, e que, á súa vez, xeran múltiples intereses económicos. As zonas costeiras foron tradicionalmente moi atractivas para o asentamento da poboación, sen embargo, a continuada actividade humana pode chegar a inducir procesos de degradación moi rápidos e, en ocasións, irreversibles. O esgotamento dos bancos de pesca, o vertido de residuos industriais e urbanos ás augas oceánicas e, sobre todo, a presión construtiva e demográfica nas zonas costeiras máis próximas ao litoral, están poñendo nun serio perigo un dos ecosistemas máis orixinais e variados da terra. En comparación con outros sectores do litoral español, o litoral galego non acada niveis de degradación ambiental tan acusados, aínda que, desde o auxe construtivo das décadas de 1960 e 1970, non se librou das accións urbanísticas especulativas e da edificación de diversas infraestruturas sobre os areais e os campos dunares asociados. Estas actuacións e outras, como as extraccións incontroladas de áridos das praias e dunas ou a construción de diques sen un estudo previo das condicións das ondas e do transporte nas áreas adxacentes, supoñen graves consecuencias para o mantemento do equilibrio sedimentario dos sistemas litorais. Coa promulgación da Ley de Costas, aprobada o 28 de xullo de 1988, tratouse de frear o proceso de intensificación dos usos turísticos, agrícolas, industriais, de transporte, pesqueiros e outros, que estaban a producir un ascendente problema de depredación e privatización dos espacios litorais e costeiros. Así hai un maior interese por parte dos gobernos autonómicos por preservar espacios costeiros representativos mediante a súa declaración como Parques Naturais, tal é o caso das Illas Cíes, do complexo dunar de Corrubedo ou do conxunto insular atlántico de Galicia.

  3. fauna litoral [ECOL]

    Conxunto da fauna mariña que habita nas augas costeiras. Neste medio as condicións ambientais (temperatura, salinidade e luz) presentan unha variación vertical moi forte e, por isto, distínguense unha serie de pisos: supralitoral, zona só mollada de tanto en tanto polas ondas e só somerxida nas grandes mareas, mediolitoral, onde rompen as ondas, infralitoral, zona permanentemente somerxida que chega ata onde desaparecen as algas carnosas por falta de luz (entre 15 e 50 m), e circalitoral, que chega ata onde non é posible ningún tipo de vida vexetal (entre 100 e 150 m).

Palabras veciñas

litopedion | litopón | litor | litoral | Litoral | Litoral | Litoral