Lobeira
Concello que pertence á comarca de Baixa Limia, situado no SO da provincia de Ourense, no extremo S da Comunidade Autónoma de Galicia, a 41° 58’ 42’’ de latitude N e 8° 2’ 12” de lonxitude O. Limita ao N co concello de Verea (Terrra de Celanova), ao S cos concellos de Lobios e Muíños (Baixa Limia), ao L con Portugal e Lobios e ao O con Bande (Baixa Limia). Abrangue unha superficie de 68,8 km 2,cunha poboación de 1.089 h (2007) distribuídos nas parroquias da Fraga, Lobeira, Monte Longo, Parada, San Martiño de Grou, San Xes de Vilariño, Santa Comba e Santa Cruz de Grou. A súa capital, A Vila, na parroquia de Lobeira, está situado a 52 km de Ourense e a 162 km de Santiago de Compostela. Pertence ao partido xudicial de Bande e á diocese de Ourense.
Xeografía física
Os contrafortes meridionais da serra de Laboreiro configuran o relevo do concello. Este cordal montañoso esténdese por todo o N, NO e NL do concello, mentres que a parte central está ocupada pola conca do Grou, tributario do Limia, que percorre o extremo S municipal formando o encoro das Conchas e que serve de fronteira cos concellos de Muíños e Lobios. A serra de Laboreiro presenta unha orientación NL-SO e ten as súas maiores elevacións no Codesal (1.324 m), Cabezo de Meda (1.300 m) e Mourisca de Arriba (1.261 m). O sector máis setentrional é de litoloxía xistosa micácea, de cronoloxía precámbrica, que se converte máis ao S en granito de dúas micas. A finais do Terciario desenvolveuse na zona unha superficie de aplanamento debido á erosión do Secundario e Terciario. Os movementos alpinos fracturárono e creáronse uns bloques erguidos e afundidos, que co retoque fluvial e a acción glaciar e periglaciar do Cuaternario conformaron os trazos definitorios do relevo actual, de superficies planas lixeiramente onduladas que se desenvolven a diversas alturas, e disecados polos numerosos regatos que atravesan a serra. O clima de Lobeira presenta variados contrastes entre as terras altas do N e NO, onde aparece o subtipo de montaña, e o resto do concello, en especial as terras baixas do S próximas ao encoro das Conchas, onde aparece o clima oceánico húmido con matices mediterráneos. Na serra os invernos son fríos e húmidos e os veráns secos. A media anual é moi baixa (8,5°C), descendendo no inverno por debaixo dos 3°C (xaneiro), sen ser demasiado alta no verán (16°C en xullo) debido a unha forte amplitude térmica diaria. As precipitacións son elevadas (2.000 mm), cun forte máximo invernal (39%). No fondo dos vales fluviais cambian notablemente os caracteres climáticos, cunha temperatura media anual de 13,1°C, cunha mínima en xaneiro 6,5°C e unha máxima en agosto de 20,7°C. As precipitacións descenden ata os 1.400 mm, cun réxime que presenta un acusado máximo invernal (38%) e dous máximos secundarios en primavera (26%) e outono (27%), ademais dunha forte seca estival (9%), polo que xorden así problemas de aridez de xullo a setembro. O risco de xeadas aparece de outubro a marzo neste sector e a todo o ano nas serras. A maior parte da área montañosa do concello está cuberta por matogueiras de uces (Erica arborea), carqueixas (Pterospartium tridentatum), toxos (Ulex europaeus), xesta (Sarothamnus scoparius) e codesos (Cytisus lusitanicus). Nas terras baixas, próximas aos cultivos, aparecen carballos cerquiños (Quercus pyrenaica) e castiñeiros (Castanea sativa). Nos ríos hai vexetación ripícola, sobre todo de ameneiros (Alnus glutinosa). Os piñeiros de repoboación (Pinus insignis) tamén son abundantes.
Xeografía humana
A evolución da poboación do concello de Lobeira ao longo do s XX, caracterizouse esencialmente pola incidencia da emigración e o seu posterior avellentamento. Desde a publicación do primeiro censo moderno, o de 1887 (2.868 h) a poboación medrou un 0,33% anual ata 1910, e existiu unha importante corrente migratoria cara a América, que o elevado crecemento vexetativo que existía lograba contrarrestar. A perda de dinamismo demográfico e as continuas saídas cara a ultramar, fixeron que entre 1910 e 1920 aparecese o primeiro episodio de merma poboacional (-0,56% anual). A crise económica internacional que derivou da desfeita bolsista de 1929 e a posterior Guerra Civil Española cortaron a emigración, favorecendo que ata 1940 a poboación medrara notablemente (0,84% anual), acadándose o máximo histórico do concello nesa última data, con 3.402 h. O inicio da segunda corrente migratoria cara a América e o comezo da europea a mediados da década de 1950 fixeron que o colectivo humano de Lobeira descendese ata 1960 a un ritmo do -0,54% anual. Non obstante , no pe-ríodo intercensual 1960-1970 retomouse o crecemento (0,99% anual), motivado polos primeiros retornos de emigrantes e un movemento natural aínda positivo. A partir de 1970, volveu a decrecer a poboación, xa de xeito continuo ata a actualidade, caendo ata 1981 un -1,03% cada ano, e a partir desa data a un espectacular ritmo do -4,8% ata 1991, decenio en que o saldo vexetativo é negativo, e moitas persoas marchan cara ás áreas españolas máis desenvolvidas e tamén cara a Vigo e Ourense. Xa no último período intercensual (1991-2001) a caída ralentizouse (-1,12% anual). A comezos do s XXI a poboación continuaba descendendo a un ritmo do -8,71% (2001-2007). Esta dinámica de descenso é froito do forte saldo vexetativo (2006) negativo (-17,4‰), que deriva dunha natalidade extremadamente baixa (2,7‰) e dunha mortalidade alta (20,1‰) como consecuencia do elevado grao de senectude: o 47,1 % da poboación ten 65 anos ou máis, mentres que os menores de 20 son só o 5,4% (o grupo intermedio representa o 47,5%). A maior ocupación masculina e a superior esperanza de vida feminina explica o forte predominio das mulleres na estrutura demográfica (51,24% fronte ao 48,76% de homes).
Xeografía económica
A economía local estivo sostida ata hai poucos anos pola actividade agraria, que aínda a comezos da década de 1980 ocupaba preto do 90% dos traballadores. Non obstante , o avellentamento poboacional propiciou o abandono de terras e a desaparición de moitas explotacións conforme se ían xubilando os seus propietarios. As novas xeracións emigraron e os que quedaron preferiron dedicarse a outra actividade dadas as dificultades topográficas e climáticas para o desenvolvemento desta actividade, que en ocupou ao 17,8% da poboación. Deste xeito, a base económica actual é o diñeiro das pensións de xubilación. A caída da agricultura e o alto número de pensionistas favorecen que o resto de sectores de actividade incrementen o seu peso, aínda que acollan poucos traballadores. Así, a industria emprega ao 11,4% da poboación ocupada, fundamentalmente en actividades relacionadas co aproveitamento de recursos endóxenos, como serradoiros ou carpinterías. A construción representa o 19% do emprego e os servizos o 51,9%, dos que destacan os que se ofrecen na capital municipal: Administración Pública e defensa, comercio, hostalería, actividades sociais e sanidade. O concello conta con moi malas comunicacións viarias, accedéndose a el por varias vías locais.
Historia
Os restos máis antigos son os gravados rupestres e as mámoas da serra de Laboreiro, e hai castros como o do monte do Viso, que estaban habitados polos querquenos. Na Idade Media Afonso IX concedeulle un foro (1228) que outorgaba o dereito a apelar ao rei en última instancia, ademais de certos privilexios. O territorio sufriu as incursións portuguesas entre 1640 e 1688 e durante a Guerra de Independencia creouse o Rexemento de Lobeira, que loitou contra os franceses en Castela, Tui, Portugal e Vigo. Tamén se constituíu a Xunta de Lobeira, que substituíu a Xunta Suprema de Galicia. Coa división municipal de 1835 creouse o actual concello, ao que se engadiu a parroquia de Santa Comba en 1836.
Patrimonio cultural
No eido da arqueoloxía destacan o conxunto de mámoas das Motas e os castros da Coroa de Santa Cristina e o Coto da Xullería, os dous en Monte Longo. Da arquitectura relixiosa destacan o santuario de Nosa Señora do Viso (Lobeira) e as igrexas de Santa Cristina de Monte Longo, San Xes de Vilariño e Santa Eufemia de Parada, do s XVIII. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Baixa Limia, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Baixa Limia, A |
| Extensión | 68 Km2 |
| Poboación Total | 1089 h |
| Poboación Homes | 531 h |
| Poboación Mulleres | 558 h |
| Densidade de poboación | 16.01 h/Km2 |