Lobios
Concello da comarca de Baixa Limia, no extremo SO da provincia de Ourense, no límite S da Comunidade Autónoma de Galicia, situado a 41° 54’ de latitude N e 8° 5’ de latitude O. Limita ao N cos concellos de Entrimo e Lobeira, (os dous na comarca de Baixa Limia), ao S con Portugal, ao L con Muíños (Baixa Limia) e Portugal e ao O con Portugal. Abrangue unha superficie de 160,9 km 2 , cunha poboación de 2.321 h (2007) distribuídos nas parroquias de Araúxo, A Cela, Grou, A Illa, Lobios, Manín, Río Caldo, San Martiño de Grou, San Paio de Araúxo e Torno. A súa capital é Lobios, que está situado a 64 km de Ourense e a 180 km de Santiago de Compostela. Pertence ao partido xudicial de Bande e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O val do Limia, antes de adentrarse en Portugal, organiza o relevo de Lobios, pois ao N del sitúanse os contrafortes meridionais das serras de Laboreiro e dos montes do Quinxo, mentres que ao S sitúanse as serras do Xurés e Santa Eufemia, onde se erguen as maiores cotas do concello; Pico de Sobreiro (1.542 m), As Albas (1.463 m), Alto de Ourella do Carballiño (1.330 m) e Cruz Touro (1.231 m). O concello ten uns caracteres climáticos que nas terras altas do N, NO e S o integran no subtipo de montaña, cuns invernos moi fríos (3°C en xaneiro), veráns suaves (16°C en xullo) e unha temperatura media anual modesta (9°C). As precipitacións nas áreas da serra superan os 2.000 mm cun forte máximo invernal. O fondo do val do Limia intégrase nun clima oceánico húmido con matices mediterráneos. A media térmica anual sobe ata os 14°C, cunha mínima en xaneiro (6,5°C) e unha máxima en agosto (20,5°C). As precipitacións descenden ata os 1.300 mm, cun réxime que presenta un acusado máximo invernal (38%) e dous máximos secundarios en outono (27%) e primavera (26%), ademais dunha forte seca estival (9%), con problemas de aridez de xullo a setembro. O risco de xeadas esténdese neste sector de outubro a marzo e a todo o ano nas serras. Desde as serras meridionais baixan ao Limia toda unha serie de ríos estreitos con vales encaixados e vertentes de fortes pendentes. O substrato rochoso presenta unha litoloxía moi uniforme de granodiorita formada a fins do Herciniano. Existen numerosas fracturas sobre as que se instalaron os leitos dos ríos, das que destaca a que aproveitou o río Caldo, con dirección NNL-SSO, que separa as serras do Xurés e Santa Eufemia ao tempo que actúa como divisoria de augas dos ríos Limia e Cávado. Os altos cumios destas serras mostran signos claros do glaciarismo cuaternario nas morenas que existen nos vales dos ríos Vilamés e Caldo. A área montañosa do concello está cuberta en boa medida por matogueiras de uces (Erica arborea), carqueixas (Chamaespartium tridentatum), toxos (Ulex sp), xesta (Cytisus sp) e codesos (Adenocarpus complicatum). Existen, ademais, pequenos bosques de carballos cerquiños (Quercus pyrenaica), piñeiros de repoboación (Pinus radiata) e nas beiras dos ríos hai bidueiros (Betula alba), ameneiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus sp). Dentro do concello está o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, que continúa en Portugal no Parque Nacional de O Gêres.
Xeografía humana
O concello de Lobios non sentiu de forma acusada os efectos do primeiro movemento migratorio cara a América, pois o crecemento vexetativo altamente positivo conseguiu contrarrestar as saídas. Así, de 1887 (4.106 h) a 1950 (5.211 h), ano do máximo demográfico histórico, o seu colectivo poboacional medrou a un ritmo do 0,43% anual. A segunda corrente migratoria a ultramar e as saídas cara a Europa si que se deixaron notar, aínda que o seu número de habitantes descendeu lentamente (-0,20% anual), entre 1950 e 1970. A partir desa data, a mingua foi moito máis notable, pois ás saídas cara ás áreas españolas máis industrializadas e cara a Ourense e Vigo, uníuselle a aparición dun saldo vexetativo negativo, feito que fixo que a poboación caese nun -1,37% anual ata 2001. Entre 2001 e 2007 o crecemento da poboación situouse no -11,51%. O crecemento vexetativo en 2006 foi do -14,8%, froito dunha baixa natalidade (3,8%) e unha mortalidade moi alta e en aumento (18,6%), diante do acusado avellentamento (o 35,2% da poboación ten 65 ou máis anos, fronte a tan só un 9,7% con menos de 20 anos; o grupo intermedio representa o 55,1%). As mulleres superan en número (51,01%) os varóns (48,98%). As características topográficas do concello fan que o poboamento se concentre maioritariamente nos vales que abren os afluentes do Limia. Trátase de núcleos compactos e diseminados, cunha media de 7 entidades de poboación por parroquia.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de é do 34,9% (45,3% a masculina e 25,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 28,1% (37% a masculina e 19,9% a feminina) e a taxa de paro é do 19,5% (18,3% a masculina e 21,5% a feminina). A agricultura, a gandaría e o aproveitamento do monte foron as fontes económicas do concello ata comezos da década de 1980, pero as adversas condicións naturais, a forte emigración e, especialmente, o avellentamento co abandono das explotacións unha vez que se xubilan os seus titulares, explican que a proporción de ocupados que se dedican ás actividades primarias sexa modesta (14,7%). A industria ten unha pequena significación (11,9%) e dedícase fundamentalmente á rendibilidade dos recursos endóxenos. A construción (17,6%) acolleu boa parte dos homes que abandonaron as tarefas agrícolas. Os servizos, que se concentran na vila capital, como a hostalería, a Administración Pública e seguridade e o comercio agrupan á maior parte dos ocupados (55,7%). A vía de comunicación principal é a N-540, Ourense-Portugal.
Historia
Os primeiros restos atopados nesta zona datan de época romana, cando as terras do concello estaban cruzadas pola vía romana XVIII do Itinerario de Antonino que entraba por Portela do Home e saía por Parada de Ventosa, despois de seguir un percorrido paralelo ao río Caldo, por Torneiros, Baños e Vilameá. Consérvase algún tramo no val do río Caldo e un conxunto de miliarios en Portela do Home. No lugar dos Baños en Río Caldo estaba situada a Aquis Originis, terceira mansión da vía XVIII, na que se descubriu un hipocausto nunhas escavacións. Durante o Antigo Réxime as parroquias do concello dividíanse en varias xurisdicións: Araúxo e A Cela pertencían á xurisdición de Araúxo, señorío do conde de Monterrei; A Illa pertencía á de Entrimo, señorío do conde de Ribadavia; Torno, á xurisdición de Xendive e Grou ao couto redondo de Grou de Celanova, ambas as dúas rexidas polo mosteiro de San Salvador Celanova; Lobios, ao couto redondo de Lobios, administrado polo bispo de Ourense; Manín, ao couto redondo de Transportela, rexido polo bispo de Ourense; e Río Caldo, ao couto redondo de Val de Río Caldo, administrado polo mesmo bispo. Durante os ss XVII e XVIII este territorio foi escenario das loitas con Portugal e no s XIX foi refuxio dos liberais portugueses que fuxían do réxime de Antonio Bernardo da Costa Cabral. Durante a Guerra da Independencia, os habitantes de Lobios integráronse na Xunta de Lobeira. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Araúxo e Lobios, pertencentes ao partido xudicial de Bande. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, cando se creou o actual concello de Lobios que, desde entón, non sufriu variacións nos seus límites parroquiais.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, no ámbito da arquitectura relixiosa destacan o mosteiro de San Xián de Lobios, que conserva a igrexa románica dos ss XII-XIII; a igrexa de San Miguel de Lobios do s XVIII e a ermida de Nosa Señora do Xurés. En canto á arquitectura civil, destacan a casa de Curro, o pazo de Lobios, o pazo de San Martín e a casa da Escusalla en Compostela. Da arquitectura defensiva hai que destacar as ruínas do castelo da Vila, de orixe medieval, que se conservan en Araúxo. Tamén destacan as pontes de Ganceiros (ss XVI-XVI), Desoutrolado (ss XVII-XVIII) e ponte Vella de Pazos (s XIX). En Río Caldo atópase un balneario de augas bicarbonatado-sódicas e fluoradas con indicacións terapéuticas para o reumatismo reuma, enfermidades da pel, das vías respiratorias e do aparato hepato-dixestivo; as propiedades termais das augas xa eran coñecidas en época romana e aproveitáronse durante a Idade Media. En 1773 creouse unha casa de baños que funcionou no s XIX e na primeira metade do s XX, e en 1991 o concello recuperou o uso das augas coa creación dun balneario. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Baixa Limia declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas da Madanela, o 22 de xullo; da Portela do Home, a última fin de semana de agosto; dos Callos Limiaos, o último domingo de agosto; e a romaría do Reguengo en San Paio de Araúxo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Baixa Limia, A |
| Extensión | 168 Km2 |
| Poboación Total | 2321 h |
| Poboación Homes | 1137 h |
| Poboación Mulleres | 1184 h |
| Densidade de poboación | 13.82 h/Km2 |