locomotora

locomotora

(< locomotor)

s f [TRANSP]

Máquina apropiada para desprazarse sobre carrís, provista dun sistema de automoción e destinada a remolcar vehículos ferroviarios. Segundo a función, distínguense as locomotoras de manobra e as de liña. Segundo a orixe da forza motriz poden ser de vapor, eléctricas ou de motor diesel. A locomotora de vapor clásica accionábase por unha máquina de vapor alternativa, que tomaba o vapor do domo e utilizaba carbón mineral e algúns aceites pesados como combustible. A provisión de auga e de combustible disponse nun vagón especial (ténder) ou na mesma locomotora (locomotora-ténder). As locomotoras articuladas teñen dous ou máis grupos de eixes motores que permiten construír locomotoras de gran potencia, como os tipos Mallet e Garratt. Unha versión moderna é a locomotora de turbina de vapor. Nas locomotoras de vapor turboeléctricas, a transmisión ten lugar mediante motores eléctricos. A locomotora eléctrica é accionada por motores eléctricos alimentados pola corrente que a locomotora recibe da liña de contacto (catenaria ou terceiro carril). O retorno da corrente ten lugar pola vía, a través dos eixes e das rodas. Os motores eléctricos de tracción van colgados na armazón do bogie e están sometidos ás oscilacións da suspensión. As locomotoras adoitan ser de adherencia total, é dicir, con todos os eixes motores. A locomotora diesel é accionada por un motor de combustión interna, cun rendemento moi superior á máquina de vapor. A provisión de combustible permítelle unha grande autonomía, o mantemento é reducido e non require as instalacións fixas dunha liña electrificada. O seu inconveniente é que presentan unha potencia limitada. De acordo coa transmisión, existen tres tipos de locomotoras: a diesel-mecánica, a diesel-eléctrica e a diesel-hidráulica. A transmisión mecánica consta de embrague e cambio de marchas, e emprégase en locomotoras de pouca potencia (ata 500 CV). A transmisión eléctrica consiste en acoplar o motor diesel a un xerador de corrente eléctrica (dinamo ou alternador) que alimenta os motores eléctricos de tracción. A transmisión hidráulica utiliza a enerxía cinética dun líquido (aceite mineral) impulsado por unha bomba centrífuga cara a unha turbina. Existe tamén a locomotora de turbina de gas, provista dunha turbina accionada por gases de combustión de aceites pesados, e a locomotora de gas turboeléctrica, equipada con turbina, xerador eléctrico e motores eléctricos de tracción. As locomotoras eléctricas e as locomotoras diesel son simétricas, polo que poden circular indistintamente nun sentido ou noutro.