Lourenzá

Lourenzá


Concello que pertence á comarca da Mariña Central, no NL da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia de Lugo, situado a 43° 27’ 42” de latitude N e 7° 17’ 12” de lonxitude O. Limita ao N co concello de Foz (A Mariña Central), ao S co de Riotorto (Meira), ao L cos de Barreiros e Trabada (A Mariña Oriental) e ao O co de Mondoñedo (A Mariña Central). Abrangue unha superficie de 62,6 km 2, cunha poboación de 2.620 h (2007), distribuída nas parroquias de Lourenzá, San Tomé de Lourenzá, San Xurxo de Lourenzá e Santo Adrao de Lourenzá. A súa capital é Vilanova, situada na parroquia de Lourenzá, e dista 146 km de Santiago de Compostela e 78 km de Lugo.Está adscrito ao partido xudicial de Mondoñedo e á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía física
Topograficamente organízase cara ao N, onde se abre á depresión de Lourenzá, formada por unha converxencia de fracturas modeladas pola erosión dos ríos que se abren a ela. Este espazo afundido está rodeado por unha serie de sectores montañosos como a serra de Cadeira, o cordal de Neda, a serra de Lourenzá e os contrafortes do Padornelo, lugares onde se atopan as maiores altitudes (pena do Porco, 726 m; Orrea, 600 m; alto de Virin, 493 m; pena de Buitre, 452 m; Carreira, 437 m; e Louseiras, 303 m). O clima encádrase dentro do dominio oceánico húmido e pertence ao clima da fachada litoral lucense. Caracterízase por unha influencia marítima directa sobre as temperaturas e por unha situación de abrigo fronte ás correntes perturbadas do SO. A temperatura media anual é moderada (13°C) ao igual cá oscilación estacional (11,5°C). O mes máis frío, xaneiro, alcanza os 7,5°C, mentres que agosto, o máis cálido, non supera os 19°C. As precipitacións son elevadas, 1.500 mm. A distribución das precipitacións ao longo do ano débese á sucesión anual dos tipos de tempo: o inverno é a época máis chuviosa (35% das precipitacións) e o verán a estación máis seca (13%). As dúas estacións restantes repártense o resto das chuvias (primavera, 25%; outono, 27%). O número de días de chuvia anual está por debaixo dos 130. O risco de xeadas é escaso e restrínxese aos meses invernais agás nas elevacións máis notables do concello. O principal curso fluvial é o río Masma, que discorre polo N do concello, e os seus tributarios, o Baos e o Batán. As formacións vexetais naturais autóctonas están moi degradadas na actualidade e domina o terreo arborizado de reforestación.
Xeografía humana
A poboación de Lourenzá aparece en gran parte diseminada en pequenas aldeas ao longo de todo o seu territorio e conta tan só cun núcleo que presenta certos matices urbanos, Vilanova. A evolución demográfica acontecida desde 1887 (5.099 h) caracterizouse por unha continuada perda de poboación. Só o período comprendido entre 1887 e 1900 coñeceu un incremento poboacional moi leve (0,01% anual) e nese último ano deuse o máximo demográfico (5.105 h). A partir de entón, a diminución demográfica foi constante e perdeu, ata 2001, o 41% da súa poboación. Este descenso non foi uniforme ao longo de todo ese período, entre 1900 e 1930 o retroceso anual foi do 0,4%, cifra non moi elevada malia a saída de emigrantes principalmente cara a Arxentina e Cuba. De 1930 a 1950 deuse un certo estancamento cunha leve tendencia á baixa (-0,1% anual), motivado pola crise financeira internacional e a Guerra Civil, circunstancias que cortaron a emigración exterior. De 1950 a 1981 retomouse o forte decrecemento (-0,8% anual), favorecido pola nova corrente emigratoria con destino a Europa, ás cidades españolas máis desenvolvidas e á capital provincial, así como cara á Coruña. Con posterioridade a esa data e ata 2001, o ritmo de baixada foi menor (5,61% entre 2001 e 2007) e a poboación diminuíu case exclusivamente polo elevado saldo natural negativo. Este saldo situouse en 2006 nun -11‰, froito dunha baixa natalidade (6,5‰) e dunha mortalidade moi alta (17,5‰) debida ao notable avellentamento. A senectude da estrutura por idades reflíctese en que o 31,1% da poboación se sitúa por riba dos 65 anos, mentres que os menores de 20 representan tan só o 11,3%; o grupo intermedio representa o 57,6%. Froito da súa maior esperanza de vida, as mulleres (50,76%) superan en número os varóns (49,23%).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Lourenzá é do 45,9% (55,4% a masculina e 36,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 42,8% (52,8% a masculina e 33,4% a feminina) e a taxa de paro é do 6,8% (4,8% a masculina e 9,6% a feminina). O concello de Lourenzá está dominado economicamente pola forte presenza do sector primario (27,9% dos activos). A actividade predominante é a gandaría vacúa de orientación láctea, aínda que se manteñen os cultivos tradicionais de millo e patacas para o consumo da unidade familiar. Tamén se incrementou o uso de pradeiras artificiais (26% do territorio), que xurdiron a partir de matogueiras e antigas terras de labor (8,7%). En 1998 existían 2.312 cabezas de gando bovino, aínda que a maior parte das explotacións non acadaban un tamaño adecuado para ser rendibles. A superficie reforestada de piñeiros e eucaliptos non deixou de medrar e supón aproximadamente o 50% da superficie do concello. A industria aproveita o potencial endóxeno para desenvolverse (ocupa o 22,2% dos activos) e destaca a da madeira, presente tanto nos serradoiros que lle dan unha primeira transformación, como en importantes empresas de fabricación de mobles, das que se obtén un maior valor engadido. As industrias de maquinaria agrícola tamén teñen certa importancia. A construción ocupa un continxente de traballadores modesto (12,7%), en consonancia coa moderada demanda que existe no concello. Esta actividade non presenta estrutura empresarial, xa que se trata de pequenas cuadrillas de traballadores autónomos con escasa cualificación. Os servizos constitúen a segunda fonte de emprego (37,3%) e concéntranse en Vilanova, onde se atopan os servizos sociais e a Administración Pública e o comercio. En comunicacións viarias, o concello conta coa estrada N-634 (A-54), Baamonde-Ribadeo, que une Vilanova con Mondoñedo, Vilalba e Lugo. Ademais desta, existen numerosas vías locais que actúan como eixes de comunicación intramuncipal.
Historia
A historia de Lourenzá aparece vinculada á do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, fundado no ano 969 por Osorio Gutiérrez, o Conde Santo, señor de Terra de Campos e de Galicia. Por tradición tamén se lle atribúe a creación do nome do lugar, que derivaría da unión do nome dos seus fillos, Lourenzo e Ana. A súa influencia estendeuse a outros lugares onde fundou outros mosteiros dependentes dos de Vilanova: Santa María Maior (Mondoñedo), Santo Adrao de Lourenzá e Santa Cruz (Valadouro). O abade deste mosteiro exercía de señor feudal e o día de aninovo o pobo leváballe un paxaro, de aí o nome de os do paxaro para os habitantes do lugar. O abade cortáballe algunhas plumas pero deixábao en liberdade, como alegoría da vasalaxe, e de seguido eran elixidos os alcaldes anuais. Durante o Antigo Réxime Lourenzá pertenceu á xurisdición do Val de Lourenzá e Vilanova de Lourenzá, ambas as dúas pertencentes á provincia de Mondoñedo. Estas xurisdicións transformáronse trala división municipal de 1835 en dous concellos, na posterior reducción de municipios de 1840 pasaron a aglutinarse nun só, o actual Lourenzá, que xa non sufriu modificacións posteriores.
Patrimonio cultural
Ademais dos mosteiros mencionados destacan as igrexas parroquiais de Santo Adrao de Lourenzá (s XVI), San Xurxo de Lourenzá (XVII) e San Tomé de Lourenzá, os pazos urbanos brasonados de Vilanova, o pazo de Tovar (1530), no lugar de Canedo; e o castelo de Tovar en Pumarela. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Ría de Foz-Masma, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas que se celebran no concello destacan a do Conde Santo, o derradeiro sábado de agosto; a de San Marcial, o 9 de outubro; e a festa gastronómica da Faba a principios de outubro.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Mariña Central, A
Extensión 62 Km2
Poboación Total 2620 h
Poboación Homes 129 h
Poboación Mulleres 133 h
Densidade de poboación 42.26 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias