Lousame
Concello da comarca de Noia, situado no O da Comunidade Autónoma de Galicia e ao SO da provincia da Coruña, a 42° 47’ de latitude N e 8° 51’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Noia (Noia), e Brión (Santiago), ao L cos de Rois, (O Sar), e Rianxo (Barbanza), ao S cos de Rianxo e Boiro (Barbanza) e ao O cos de Porto do Son e Noia (Noia). Localízase a 98 km da Coruña e a 40 km de Santiago de Compostela. Abrangue unha superficie de 93,6 km 2 cunha poboación de 3.756 h (2007), distribuída nas parroquias de Camboño, Fruíme, Lesende, Lousame,Tállara, Toxos Outos e Vilacova. A súa capital é a aldea de Portobravo, na parroquia de Lousame. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Noia.
Xeografía física
Localízase no interior da península do Barbanza. No seu relevo distínguense dúas unidades ben diferenciadas, a montaña e a ribeira. As terras altas ocupan gran parte da superficie do concello. O O está formado polo extremo oriental da serra do Barbanza, onde se atopan as maiores alturas, como Iroite (691 m alt) e Fontefría (683 m alt). AO L, unha alta serra separa Lousame do val da Maía. Nela atópanse os cumes de Costoira (529 m alt), o monte de Siroña (531 m alt) e a cota máxima da Muralla (674 m alt). O monte Confurco, ao S, é de menor altitude (322 m alt), pero presenta unha agrupación de penedos que o culminan. A área de ribeira está constituída por estreitos vales sucados por ríos e regatos, onde se desenvolve a maior ocupación humana do concello. Climaticamente entra dentro do dominio oceánico húmido. As temperaturas son suaves ao longo de todo o ano e a temperatura media anual sitúase en 14°C. A oscilación térmica anual é baixa debido á acción moderadora do mar cunhas precipitacións das máis altas de Galicia, onde se chegan a recoller uns 1.800 mm anuais. A localización xeográfica e a disposición do relevo dan lugar a fortes precipitacións. Durante os meses de xullo e agosto prodúcese un déficit hídrico. Dentro do concello establécense diferencias locais entre as áreas máis elevadas, onde aumentan as precipitacións polo ascenso orográfico e se extreman as temperaturas, e os vales, onde descenden as precipitacións e se suavizan as temperaturas. A rede hidrográfica organízase arredor dos ríos que verten as súas augas maioritariamente no fondo da ría de Noia. O principal é o río de San Xusto que, cos seus afluentes Vilacova, Tállara e Toxos Outos, forma unha rede fluvial de vales encaixados. O río Beluso, como excepción, verte as súas augas á ría de Arousa. A superficie forestal ocupa unha proporción importante do concello ao desenvolverse principalmente nas áreas de montaña. O mato atlántico ocupa os espazos máis elevados e os bosques fórmanse con especies de reforestación, piñeiros e eucaliptos. Consérvanse densas vexetacións ripícolas nos vales encaixados dos ríos e regatos.
Xeografía humana
O concello tiña a comezos do s XX unha poboación de 5.543 h, superior á que posuía no último reconto censual, 4.047 h (2001). Non obstante , non houbo un descenso continuado da poboación, foi entre 1960-1980 cando se produciu unha forte despoboación. Desde comezos do s XX ata a Guerra Civil Española, o número de habitantes permaneceu estable, con lixeiras fluctuacións. Entre 1930 e 1950, debido ao peche das fronteiras e á explosión demográfica trala inmediata posguerra, viviu a súa época de maior expansión demográfica grazas ao auxe da minería, e acadou os 6.555 h en 1950. A despoboación multiplicouse entre 1960 (6.004 h) e 1981 (4.661 h), cun descenso do 22,37%. A fin da actividade mineira e a intensificación da emigración cara ás áreas industrializadas europeas e ás cidades fomentou esta elevada perda de poboación. Unha vez que se alcanzou certa estabilidade na década de 1980, grazas á fin da emigración e do reaxuste económico do concello, a poboación permaneceu estable. En 2001 apreciouse unha tendencia á baixa orixinada por un movemento natural negativo, produto dun proceso de avellentamento da poboación e unha caída da natalidade. Este descenso continuou nos primeiros anos do s XXI e así ata 2007 a poboación descendera nun -7,19%. Desta forma, o crecemento vexetativo (2006) é negativo, cun -8,7‰ froito dunha natalidade baixa (4,6‰) e unha mortalidade elevada (13,3‰). A estrutura demográfica amosa o crecente avellentamento da poboación, pois as persoas maiores de 64 anos (28%) superan os menores de vinte anos (14,4%); o grupo intermedio representa o 57,6%. A distribución por sexos é favorable ás mulleres, que constitúen o 52,50% da poboación (os homes o 47,49%). O poboamento de Lousame disemínase polos vales fluviais sen que exista ningunha aglomeración urbana propiamente dita. Trátase do concello menos habitado dos que ocupan a península do Barbanza. A maioría das vivendas están censadas como primarias.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Lousame é do 43,3% (58% a masculina e 30,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 39,5% (53,3% a masculina e 27% a feminina) e a taxa de paro é do 8,8% (8% a masculina e 10% a feminina). A estrutura do emprego amosa unha maioría a favor dos asalariados. A distribución da poboación activa por subsectores económicos mostra unha superioridade do sector secundario, co 44,3% da poboación ocupada. Este feito débese a importancia adquirida polo sector da construción, que emprega o 27,6% dos traballadores. O terciario representa o 36,8% e o primario o 18,9%. Moitos traballadores doutros sectores ocúpanse na agricultura a tempo parcial e no campo traballa poboación que non se considera estatisticamente como activa. A actividade agropecuaria ocupa os vales e as explotacións víronse reforzadas por unha reestruturación que provocou a desaparición das explotacións máis pequenas e intensificou a concentración parcelaria. O gando vacún con orientación leiteira é a principal actividade xunto cunha agricultura a tempo parcial destinada ao autoconsumo e á comercialización de pequenos excedentes. A explotación forestal, riqueza moi abundante nas áreas de montaña do concello, adquiriu grande importancia. Tamén conta cunha piscifactoría de auga doce que é a súa principal unidade de emprego (7,9%). O sector secundario tivo bastante relevancia no pasado, houbo industrias de batáns, tecidos e papel, hoxe desaparecidas. Igualmente, explotáronse minas de tungsteno, estaño e molibdeno, pero están case esgotadas. Aínda así, no concello sitúanse algunhas industrias como plantas de formigón e aglomerados, serradoiros e empresas de artes gráficas. O sector da construción emprega unha alta proporción dos activos, pero trátase de traballadores que desenvolven a súa actividade nos concellos veciños da comarca de Barbanza. No litoral desta península tivo lugar un auxe constructivo que empregou a parte da poboación. A proximidade de Santiago de Compostela e das vilas da península do Barbanza non permitiron o xurdimento dun comercio e duns servizos locais de grande entidade. Deste modo, o terciario ten pouca importancia, e limítase ao comercio local de abastecemento e a servizos sanitarios, educativos e financeiros mínimos. A principal vía de comunicación é a estrada AC-543, de Santiago a Noia, que atravesa o termo pola parroquia de Toxos Outos. Outras dúas estradas locais que proceden de Noia con dirección Padrón e Boiro organizan as comunicacións do concello, ademais dunha serie de vías secundarias.
Historia
As primeiras mostras do poboamento do territorio son as mámoas de Camboña e Tállara e o gravado rupestre de Lesende. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Lousame pertenceron ás xurisdicións de Noia, rexida polo arcebispo de Santiago de Compostela, e Toxos Outos, administrada polo mosteiro de Sobrado dos Monxes, ambas as dúas da provincia de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Tállara, Lousame e San Xusto de Toxos Outos, dentro do partido xudicial de Noia. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, cando se creou o actual concello de Lousame. Durante o s XIX a fábrica de papel do lugar do Castro en Lousame, fundada por Domingo Fontán, acadou gran relevancia ao fabricar o papel oficial do estado. Xa no s XX, no período das dúas guerras mundiais, foi unha activa área mineira polo aproveitamento, por parte dunha compañía inglesa, das minas de tungteno das minas de San Fins.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, consérvanse diversos vestixios castrexos. No campo da arquitectura relixiosa destaca o antigo mosteiro de San Xusto de Toxos Outos, declarado BIC en 2004, e do que se conserva a igrexa. Destacan tamén as igrexas parroquias de San Martiño de Fruíme, San Martiño de Lesende, San Pedro de Tállara e Santa Eulalia de Vilacova. Da arquitectura popular destaca unha gran variedade de cruceiros, como o da Fonte na parroquia de Lousame ou o de Toxos Outos. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as de San Roquiño en Tállara, que se celebran en outubro, e as de San Cristovo en Lousame en xullo, ademais da romaría de San Lourenzo ou San Mamede que se celebra o 10 de agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Noia |
| Extensión | 93 Km2 |
| Poboación Total | 3756 h |
| Poboación Homes | 1784 h |
| Poboación Mulleres | 1972 h |
| Densidade de poboación | 40.39 h/Km2 |