Lugo

Lugo


Concello da comarca e da provincia de Lugo, situado no centro-L da Comunidade Autónoma de Galicia ( 43° 01’ 30’’ de latitude N e 7° 33’ 30’’ de lonxitude O). Limita ao N co concello de Outeiro de Rei (comarca de Lugo) e Castro de Rei (comarca de Terra Chá), ao L co de Castroverde (comarca de Lugo), ao SL co concello do Corgo, (comarca de Lugo) ao S co de Guntín (comarca de Lugo) e ao O co concello de Friol (comarca de Lugo). Abrangue unha superficie de 329,6 km 2 , nos que acolle unha poboación de 93.853 h (2007), distribuídos nas parroquias de Adai, Bacurín, Bascuas, Bazar, Benade, Bocamaos, Bóveda, O Burgo, Calde, Camoira, Carballido, Coeo, Coeses, Cuíña, Esperante, Gondar, Labio, Lamas, Lugo, Mazoi, Meilán, Monte de Meda, Muxa, Ombreiro, Orbazai, O Outeiro das Camoiras, Pedreda, Pías, Piúgos, Poutomillos, Prógalo, Recimil, Ribas de Miño, Romeán, Rubiás, Saa, San Mamede dos Anxos, San Martiño de Piñeiro, San Pedro de Mera, San Román, San Salvador de Muxa, San Xoán de Pena, San Xoán do Alto, San Xoán do Campo, Santa Comba, Santa María de Alta, Santa Marta de Fixós, Santalla de Bóveda de Mera, Santo André de Castro, Soñar, Teixeiro, Tirimol, Torible, O Veral e Vilachá de Mera. A capital é a cidade de Lugo. Atópase a a 110 km de Santiago de Compostela. Capital da provincia de Lugo, está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Lugo
Xeografía física
Relevo
Desde un punto de vista físico o concello de Lugo, de formas suaves e con escasos contrastes altitudinais ao variar entre os 400 m do curso do río Miño e os 783 m do monte de Meda, pódese dividir en dúas partes de extensións semellantes e separadas polo curso do río Miño. A primeira, situada cara ao SO, consiste nunha continuada ascensión cara a unha aliñación montañosa que, en forma case de arco, delimita o val do río Mera, principal afluente do Miño pola marxe esquerda en terras lucenses; este arco montañoso, que se pode considerar como un ramal das serras da Dorsal Occidental Galega, pódese dividir nunha parte setentrional, cunha clara dirección OSO-LNL de menor altitude (500-700 m), e outra meridional, con orientación ONO-LSL cunhas elevacións superiores (600-800 m); na primeira das mencionadas destacan os montes Salgueiro (710 m), pena Acebedo (686 m), penas de Couto (542 m), cordal de Lobos (601 m) e pena do Carneiro (567 m); na segunda os montes pena de Fornos (760 m), Monte de Meda (783 m) e Alfonsín (666 m). O outro gran conxunto territorial lucense ocupa a metade NL do concello, e tamén se caracteriza por unha gradual ascensión ata unha aliñación montañosa de altitude media duns 550-750 m con dirección NO-SL. Esta serra é o arranque da sucesión de serras que ascenden progresivamente cara ao L, onde enlazan coas denominadas serras orientais. Entre as máximas altitudes desta elevación destacan o monte Castro (542 m), pena da Ermida (623 m) e Outeiro Maior (725 m).
Climatoloxía
Lugo está dentro do dominio climático oceánico continental. As características térmicas baséanse en invernos con temperaturas moderadamente frías (o mes máis frío, xaneiro, conta cunha media de 5,6°C) e veráns curtos e suaves (o mes máis cálido, agosto, conta cunha media de 18,6°C), feito que dá como resultado unhas medias anuais bastante frescas (11,7°C) e unha moderada amplitude térmica anual (12,9°C). A este réxime de temperaturas úneselle unha pluviometría baixa, de 1.022 mm, cun réxime de precipitacións predominantemente invernal (37,0%); as estacións equinocciais manteñen valores intermedios (en primavera caen 282 mm, o 28%; en outono 253 mm, o 25 %) cun mínimo non excesivamente marcado no verán (110 mm), feito que, engadido á suavidade das temperaturas estivais, explica a levedade do déficit hidríco.
Hidroloxía e vexetación
A hidroloxía municipal está condicionada polo río Miño, curso fluvial que atravesa o termo de NO a SL, e segue un curso progresivamente encaixado. No territorio lucense os seus principais afluentes son, pola esquerda, o río Narla, que procede de Outeiro de Rei, o río Merao, que recibe na cabeceira e no tramo medio multitude de regatos procedentes dos montes circundantes, e o Vilamoure que segue unha dirección O-L; e pola dereita son o Fervedoria, río que tras nacer nas abas do Outeiro Maior, percorre boa parte da metade N do concello primeiro en dirección L-O para logo seguir outra NL-SO, torcer de novo en dirección N-S e atravesar a periferia oriental da capital, e o Chamoso, de máis importancia, aínda que só atravesa o territorio municipal no seu tramo final. O manto vexetal responde ás súas condicións climáticas, xunto a unha paisaxe agraria dominada polos prados e pastos desenvólvese unha vexetación arbórea dominada polas especies autóctonas e propias dun clima atlántico; grande abundancia de masas compactas de carballos e castiñeiros, tamén distribuídos entre os prados e agras formando sebes vivas, ás que se engade unha rica vexetación de ribeira con amieiros, salgueiros e freixos. As especies de repoboación, nomeadamente piñeiros, quedan limitadas á transición entre as terras baixas e as principais elevacións do concello ás que se engaden certas plantacións en terras de cultivo abandonadas.
Xeografía humana
A evolución da poboación da capital provincial foi moi positiva, desde 1887 a poboación multiplicouse por catro ao pasar de 19.952 habitantes aos 88.414 actuais, só No núcleo urbano pasou de 13.312 residentes a 76.339 en 2001. Este crecemento non foi continuado, ao rexistrar algúns períodos de retroceso demográfico como a década de 1910 e os inicios da década de 1990. Comezou o s XX cunha etapa de forte crecemento. Entre 1887 e 1910 medrou cun ritmo do 3,5% interanual, permanecendo á marxe da forte emigración daqueles anos, e acolleu inmigrantes procedentes do espazo rural provincial, feito que se plasmou no crecemento do centro urbano que reborda o recinto amurallado seguindo a Ronda da Muralla. Pero esta tendencia inicial rachou na década seguinte, cando perdeu efectivos a un ritmo interanual do -3,7%, valor superior ao crecemento interanual dos anos antecedentes e non só debido aos efectos da gripe de 1918 senón tamén á emigración cara a Latinoamérica. A partir de 1920 a poboación lucense non parou de crecer. Na primeira fase de expansión, entre 1930 e 1940, a poboación creceu a un ritmo do 5,7%, co que se consolidou a capital ao exceder os 50.000 habitantes. A poboación localizábase fundamentalmente no centro urbano, que acadou en 1950 un peso relativo do 74,4%, e que se estendeu durante estes anos cara ao N, conformando así o actual distrito da Milagrosa. Neste incremento influíu a desfavorable conxuntura externa para a emigración destes anos, converténdose a cidade nun destino atractivo para moita poboación do rural imposibilitada de emigrar cara a América. Nas décadas de 1950 e 1960 continuou medrando, pero a un ritmo máis moderado, dun 2,5% interanual, ante a reactivación da emigración primeiro cara a América e logo cara a Europa e as rexións españolas máis industrializadas. A segunda etapa de expansión foron as décadas de 1970 e 1980, época en que as repercusións da crise de principios de 1970 pecharon as portas da emigración, polo que volveu ser Lugo o destino de moitos que abandonaban o espazo rural da provincia ademais de emigrantes retornados. O crecemento interanual volveu dispararse co que chegou ao 6%, e a expansión da cidade mudou progresivamente dirixíndose cara ao S (sectores de Ramón Ferreiro e polígono residencial de Fingoi) e O (Fonte dos Ranchos e inmediacións do Hospital Xeral), ademais de illadas actuacións ao L (polígono do Sagrado Corazón), e así a poboación urbana en 1991 representaba un 89,4% da municipal. Os primeros anos da década de 1990 foron de recesión, o crecemento interanual entre 1991 e 1996 foi do -2,4%, retroceso debido a causas metodolóxicas asociadas ao cambio de sistema de contabilización dos residentes, o centro urbano tamén perdeu poboación e en termos relativos permaneceu estancado no 89,6% dos efectivos demográficos totais do concello. Dos 88.414 h de 2001, a poboación do concello pasou a 93.853 h en 2007. A cidade está a vivir a súa expansión residencial máis forte coa urbanización de barriadas enteiras, como os polígonos residenciais de Augas Férreas e Aceña de Olga. O crecemento natural (2006) é negativo (-1‰), froito dunha natalidade do 8,4‰ e dunha mortalidade lixeiramente superior, 9,4‰. Os menores de 20 anos supoñen o 17,2%, pero os maiores de 65 suman o 19,2%; o grupo intermedio representa o 63,6%. En relación coa distribución por sexos, as mulleres superan os homes ao representar un 53,36% frone ao 46,63%.
Xeografía económica v
A taxa de actividade (2001) do concello de Lugo é do 54,2% (63,5% a masculina e 46,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 47,5% (57,1% a masculina e 32,1% a feminina) e a taxa de paro é do 12,4% (10% a masculina e 15,2% a feminina).
Sector primario
A actividade agraria, en termos de emprego, ten un carácter marxinal debido ao seu carácter predominantemente urbano. Pero a súa grande extensión, con numerosas parroquias rurais, permite manter esta actividade nun 4,4% da poboación ocupada. Este sector basea a súa producción no gando. As reses bovinas acadan os 17.235 cabezas (1999), dedicadas maioritariamente á producción de leite. O gando porcino ten menor relevancia, só se contabilizan 1.575 cabezas. A superficie cultivada representa o 35% da superficie agraria cultivable, e está ocupada por cultivos forraxeiros, con valores menores ás restantes produccións agrarias que están subordinadas ás necesidades do gando, aínda así outras produccións posúen certa importancia como a pataca, o millo e o centeo. Pola súa banda, a poboación dedicada ás actividades pesqueiras é minima (0,1%).
Industria e construción
A industria posúe máis relevancia, un 10% da man de obra eríxese como un dos principais polos industriais da provincia. No termo municipal destacan o polígono industrial do Ceao, ampla superficie reservada a instalacións industriais e de distribución por xunto, estendida pola periferia setentrional da cidade e sometida a periódicas ampliacións; e a localidade de Nadela, 7 km ao S da cidade, onde están algúns establecementos de entidade (transformación de leite e madeira); ademais de numerosos establecementos industriais e de almacenamento nas principais estradas que parten da cidade, con pequenos polígonos industriais como o de Louzaneta, xunto á estrada N-640 en dirección a Asturias, ou o das Areeiras na estrada N-547 con dirección a Santiago de Compostela. As actividades máis importantes están ligadas á transformación de producións agropecuarias, como o tratamento e envasado de leite, o sacrificio de gando vacún, a transformación de madeira ou a torrefacción e envasado de café. Na producción de materiais de construción destaca a elaboración de formigón dosificado, a producción de fiestras e portas de aluminio, os derivados plásticos e a metalurxia. A construción dá traballo ao 8,9% da poboación ocupada, pero a súa importancia real non está en relación co traballo xerado, a magnitude da actividade inmobiliaria en Lugo é transcendental no seu crecemento económico que asistiu nos últimos anos a un forte ritmo constructivo exemplificado na creación de novos barrios, na culminación da edificación en sectores xa consolidados ou as obras de restauración no centro histórico. Esta actividade edificativa alimenta importantes funcións auxiliares como electricistas, fontaneiros, calefactores ou escaiolistas.
Servizos
O sector servizos, co 76,5% dos ocupados, é o principal motor da economía local. Pódense distinguir os administrativos, os asistenciais, os servizos financeiros, os de xestión e asesorameno, e os relacionados coa prestación de servizos persoais e co intercambio de bens. No primeiro caso o seu papel de capital provincial é clave, como consecuencia abarca delegacións do goberno central, como a subdelegación do goberno, administración de facenda, delegacións provinciais da Seguridade Social, Catastro ou Tráfico; do goberno autónomico, como as distintas consellerías; da administración de xustiza, como a Audiencia Provincial, xulgados propios da súa condición de cabeza de partido xudicial e de xurisdición especial; e todos os asociados ao funcionamento da Deputación Provincial e do concello. Conta co complexo hospitalario Xeral-Calde, o hospital San Xosé, o centro de especialidades da praza de Ferrol e, no ámbito educativo, con centros dependentes da Universidade de Santiago de Compostela entre os que destacan a facultade de Veterinaria e as vinculadas ao Sector agroforestal, ademais de numerosos institutos e centros educativos de ensinanza básica. En canto aos servizos financeiros, localízanse en Lugo as oficinas centrais das distintas entidades crediticias e de seguros, ademais da sede da Caixa Rural de Lugo, única entidade crediticia provincial. Lugo é o principal centro de distribución de mercadorías da provincia, asentándose numerosas delegacións das principais empresas de transporte, así como os comerciantes por xunto máis importantes da provincia. . Lugo é o principal nó de comunicacións da súa provincia, atravesan o seu concello importantes infraestruturas como a autovía A-6, de Madrid á Coruña, e a radial N-VI, co mesmo itinerario. Outras estradas importantes son a N-640, de Vegadeo a Vilagarcía de Arousa, a N-540, de Lugo á fronteira portuguesa por Ourense, e a N-547, de Lugo a Santiago de Compostela. Outras estradas secundarias son a LU-546, de Nadela a Ourense por Monforte de Lemos, e a LU-630, de Lugo a Fonsagrada. Outra infraestrutura de transporte de importancia é a vía de ferrocarril que une Palencia coa Coruña, con estación en Lugo..
Historia
A cidade romana
Fundouna Paulo Fabio Máximo, legado do Emperador Augusto, entre o 14 a C e o 13 a C nunha estratéxica posición na conca fluvial do Miño. A elección da súa localización veu determinada, seguramente, por unha serie de condicionantes previos, entre os que destacan a necesidade de constituír unha urbe que servise de centro administrativo das explotacións agropecuarias e de mercado onde agrupar os produtos para envialos cara a Asturica, centrada nas explotacións mineiras; e a proximidade dunha vía fluvial, que servía como eixe de comunicacións e subministrador de materiais e alimentos, dotada ademais dunha fonte termal natural ao Seu carón. A estes condicionantes na elección, de índole práctica, debe engadirse unha importante compoñente relixiosa que motivou a selección dun bosque considerado sagrado polos pobos indíxenas. Capital do Convento Xurídico Lucense, converteuse nun importante centro urbano e nun foco de atracción para os castros da rexión e tivo un destacado papel na organización administrativa do NO da Península Ibérica. Experimentou unha importante transformación coa construción da muralla, entre o 265 e o 310, que estendeu o recinto urbano polo N e o O e delimitou, sobre a trama orixinal, dúas áreas ben diferenciadas: unha cidade intramuros cunha extensión que se achegaba ás 35 Ha e un importante conxunto urbano exterior, que superaba as 20 Ha. A cidade amurallada limitou a seis o número das súas portas, situadas nas vías principais, e cortou rúas e camiños que permitían o libre acceso.
A longa decadencia
Os suevos, que chegaron á provincia romana da Gallaecia en 410, fixéronse coa cidade despois de asasinar ao Seu gobernador en 459. Durante o dominio suevo, Lugo desempeñou un importante papel como centro relixioso e foi sé dun concilio en 569, onde se realizou a división en parroquias do Reino Suevo e a Igrexa lucense adquiriu a categoría de metropolitana. A diocese de Lugo estendíase por unha ampla zona que ía de Montenegro e Parga a Triacastela, Salvaterra, Monterroso e Deza, e comprendía Carioca, Sevios e Cabarcos. Despois da conquista do Reino Suevo polos visigodos (585), a cidade sufriu unha importante perda de poboación, que se viu incrementada pola ocupación musulmana, cara a 713. A cidade entregouse a Mūsà ibn Nuṣayr a través dun pacto, polo que os hispano-godos acadaron garantías persoais e relixiosas a cambio do pago dun tributo persoal. A ocupación musulmana foi breve e cara a 740 a política expansiva do Rei Afonso I, levouno a reconquistar Lugo e iniciar a repoboación da cidade e o seu contorno dirixida polo bispo Odoario.
A recuperación da vida urbana
A cidade sufriu os ataques dos normandos (966-971) pero o bispo Hermenexildo conseguiu detelos. Posteriormente, os ataques de Almanzor derribaron un lenzo da muralla (997). A finais do s XI produciuse un intento de independizarse da monarquía asturiana, protagonizado polo conde Rodrigo Ovéquiz, da familia dos Osorio, apoiado polos seus irmáns, Pedro e Vermudo, e polo seu parente o conde Vela Ovéquiz. En 1085 apoderáronse de Lugo, despois de matar ao meiriño real, e conservárona ata que o Rei Afonso VI a recuperou logo de importantes combates que provocaron graves destruccións na cidade. O seu desenvolvemento como núcleo urbano, que se produciu cara a mediados do s XII vinculado á súa situación a carón do Camiño de Santiago e ao Seu carácter de residencia episcopal, viuse apoiado pola celebración dunha feira desde o 1104 que permitiu a comercialización dos excedentes agrarios. Os seus habitantes estaban sometidos ao Señorío do bispo, que exercía o seu dominio sobre a cidade e o seu territorio.
As loitas polo dominio da cidade
Na segunda metade do s XII as testemuñas da vida urbana en Lugo fixéronse máis abundantes e a cidade foi escenario das loitas e dos enfrontamentos dos burgueses contra a autoridade do bispo, apoiados polos nobres. Malia a suplantación do señorío do bispo polos burgueses en diversas ocasións, este tipo de medidas non tiveron a continuidade desexada. Durante o reinado de Fernando II (1157-1188) a monarquía procurou fortalecer a súa posición fronte aos señoríos, especialmente eclesiásticos, mediante o desenvolvemento das cidades e en 1177 concedeulles aos burgueses de Lugo unha carta foral cun alto grao de autonomía. As diversas crises sociais e económicas que afectaron á sociedade feudal galega durante o s XIV manifestáronse nunha forte conflictividade social que levou á suplantación entre 1344 e 1345 da autoridade do bispo Pedro López de Aguiar (1349-1390) polo meiriño real Alvar Rodríguez de Rocha, en conivencia cos burgueses. Durante a guerra civil entre Pedro I o Cruel e Enrique II de Trastámara, a cidade apoiou ao primeiro, polo que foi ocupada polo adiantado maior Pedro Ruiz Sarmiento entre 1372 e 1380. O bispo, que recibiu a confirmación do señorío do novo monarca, non recuperou o dominio sobre a cidade ata a década de 1380, pero a inestabilidade social manifestouse de novo na revolta de María Castaña, provocada polos abusivos impostos do bispo e o seu recadador Francisco Fernández. Durante o s XV sucedéronse os enfrontamentos e as revoltas provocadas pola colisión dos intereses dos señores laicos e eclesiásticos, e entre estes e os concellos. Os Osorio de Lemos e os Ulloa de Monterroso promoveron a sublevación popular contra o bispo e impuxeron o seu dominio, usurparon os bens da igrexa lucense, e chegaron a instalar os seus familiares na sé lucense. A crecente tensión social e a anarquía no reino estouparon durante o reinado de Enrique IV na Segunda Guerra Irmandiña.
A Idade Moderna: a perda de protagonismo
Debido á súa importancia estratéxica foi ocupada militarmente polo gobernador real Fernando de Acuña, que a entregou ao Seu sucesor López de Haro en 1484 e non volveu ao control episcopal ata comezos do s XVI. En 1528 foi nomeada capital do Reino de Galicia por Carlos I pero, a pesar do nomeamento, iniciou no s XVI un proceso de decadencia que se prolongou no s XVII e perdeu protagonismo fronte a Santiago de Compostela. Durante o s XVIII experimentou certa recuperación económica e cultural polo labor dos ministros de Carlos III coa construción do Camiño Real de Madrid á Coruña (1773), que reactivou o comercio. Neste período o labor do bispo Izquierdo, constructor do abastecemento de augas, e a fundación da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Lugo (1783) mellorou as condicións de vida.
A Guerra da Independencia e a volta do absolutismo
Durante a Guerra da Independencia (1808-1814), a cidade de Lugo viuse afectada polos enfrontamentos entre o exército británico de Moore e as tropas francesas dirixidas por Soult en xaneiro de 1809. Trala ocupación francesa, as tropas galegas do xeneral Francisco Mahy en maio dese ano cercaron a cidade aproveitándose da ausencia dos mariscais Soult e Ney. As tropas francesas, ao mando do mariscal Ney, abandonaron Lugo o 24 de xuño de 1809. O breve goberno liberal veu acompañado do establecemento na cidade da primeira imprenta (1812). O retorno do absolutismo na figura de Fernando VII supuxo a represión dos liberais e os afrancesados, mentres Lugo experimentou os primeiros pasos dun incipiente proceso industrializador coa instalación de industrias dedicadas ao curtido. Sede da Xunta Gobernativa constituída polo xeneral Pablo Morillo en xuño de 1823, foi designada como capital provincial en 1833.
A cidade durante o carlismo e o liberalismo
Á morte de Fernando VII, o infante Carlos María Isidro realizou un chamamento á rebelión desde Portugal. A sublevación, prevista para o 18 de febreiro de 1834 en Lugo, fracasou no seu obxectivo de convertela na capital liberal de Galicia malia contar co apoio de oficiais do exército, fidalgos, cóengos e cregos. O fracaso provocou a formación de diversas partidas carlistas, lideradas por Xoán Martínez Villaverde, que en 1836 atacou de novo a cidade e foi derrotado no monte de Tarrón. Despois da entrada de Espartero ese mesmo ano, a cidade permaneceu durante os anos seguintes dominada polos esparteristas, integrados no sector progresista. Tralas eleccións de 1843 a inestabilidade política provocou a sublevación contra o réxime de Espartero en Lugo o 19 de maio de 1843, dirixida por unha xunta presidida por Arias de la Torre. Esta xunta tomou a iniciativa de organizar unha reunión coas xuntas formadas nas demais cidades galegas para constituír a Xunta de Galicia, o 15 de xullo de 1843. A súa actuación foi practicamente nula desde comezos do mes de agosto. Os intentos dos liberais de acceder ao poder levaron a un novo pronunciamento republicano contra o goberno de Narváez en Lugo, o 2 de abril de 1846. Liderado polo comandante Miguel Solís Cuetos, á fronte do segundo batallón do Rexemento Zamora, contou co apoio do batallón de Lugo. Inmediatamente constituíuse a Xunta Superior do Goberno de Galicia, pero as disensións entre os implicados e a falta de apoios determinaron o seu fracaso. O rexurdimento do movemento dos carlistas galegos desde xaneiro de 1847 estivo liderado e organizado desde Santiago de Compostela e Lugo.
A modernización da cidade
Cara a mediados do s XIX iniciáronse unha serie de melloras no sistema de infraestruturas lucenses coa construción do balneario (1839), a chegada do telégrafo (1860), a construción do hospital provincial (1874) e a inauguración do ferrocarril A Coruña-Lugo (1875) e Lugo-Madrid (1883). Estes avances permitiron a revitalización económica, apoiada na comercialización de produtos cárnicos cara ás grandes urbes como Madrid e Barcelona. Como consecuencia da necesidade de comunicación directa entre a cidade e o Barranco de Friás, onde se localizou a estación do ferrocarril, abriuse en 1875 a chamada Porta da Estación. A vida cultural da cidade animouse coa fundación do primeiro Instituto de Ensinanza Secundaria (1842), a Escola Normal de Mestres (1849) e a inauguración do Teatro Municipal (1845) e o Círculo das Artes (1855). Neste período publicáronse os primeiros xornais: La Aurora del Miño, El Diario de Lugo e La Voz de la Verdad.
Da Restauración á Segunda República
Durante o réxime da Restauración desenvolvéronse en Galicia diversos movementos que tiñan como obxectivo a defensa dos intereses galegos e tiveron a súa representación na cidade no movemento federalista, que organizou en Lugo a súa II Asemblea Federal Galega (1887), onde se aprobou un proxecto de constitución para un futuro estado galaico. A importancia das actividades agropecuarias na economía local levou á creación da Cámara Agrícola de Lugo (1897), que centrou as súas actividades no labor divulgativo e no fomento da gandaría. A comezos do s XX, o desenvolvemento do nacionalismo galego plasmouse na celebración da I Asemblea das Irmandades da Fala en Lugo en 1917. O seu ideario plasmouse no Manifesto da Asemblea Nazonalista de Lugo que expuña a necesidade da autonomía integral para Galicia, a organización federal da península e a accidentalidade das formas de goberno. No ámbito económico defendían unha política librecambista e no cultural avogaban pola cooficialidade dos idiomas galego e castelán.
Da Segunda República á actualidade
As eleccións do 12 de abril de 1931, que marcaron a chegada da Segunda República a España, caracterizáronse inicialmente pola victoria dos monárquicos, liderados polo alcalde Angel López Pérez dono e director de El Progreso, que incluía nas súas listas destacados membros da sociedade local como Purificación Cora, Xosé Páramo Fernández e Alfredo Rodríguez Labajo. Os pobres resultados dos republicanos nesta votación non impediron a súa mobilización, co obxectivo de proclamar a república na cidade e invalidar o resultado das eleccións. Así o presidente do Comité Republicano de Lugo, Rafael Vega Barrera, desde o balcón do concello proclamou a república o 14 de abril. As eleccións foron anuladas en Lugo polas diversas reclamacións presentadas e inmediatamente constituíuse unha Comisión Xestora, que se fixo cargo do goberno municipal ata as novas eleccións, que se celebraron o 31 de maio de 1931. Nas segundas eleccións os republicanos acadaron o total dos concelleiros, axudados pola non comparecencia dos monárquicos. A sublevación militar, que se iniciou en Galicia o 20 de xullo de 1936, estivo liderada na cidade de Lugo por Falange Española, que se fixo co control con relativa facilidade fronte á escasa resistencia popular. Os intentos de recuperar a cidade protagonizados por columnas leais á república, integradas por mineiros de Viveiro e ferroviarios de Monforte de Lemos, fracasaron. A represión, iniciada desde o mes de xullo, afectou inicialmente ao gobernador civil e ao presidente da deputación, pero estendeuse despois a diversos membros da administración e particulares. Durante a primeira metade do s XX a cidade ocupou un lugar preeminente entre as cidades galegas pero posteriormente quedou relegada a unha posición secundaria polo forte desenvolvemento económico que se concentrou nas cidades da Coruña, Ferrol e Vigo a partir da década de 1960.
Patrimonio cultural
Da antiga Lucus Augusti consérvase a muralla, símbolo da cidade, declarada BIC en 1921 e Patrimonio da Humanidade en 2000. Ten máis de 2 km que rodean o centro histórico. No recinto amurallado son frecuentes os achados de vestixios romanos como restos de edificacións, mosaicos, cerámicas, moedas e outros obxectos. Destaca o mosaico de Armañá que representa a Dédalo e Pasífae, exposto no Museo Provincial. A ponte antiga é de orixe románica, pertenceu á vía XIX do Itinerario de Antonino, e foi reconstruída en varias ocasións e no s XX ancheouse con trabes metálicas. Das termas (BIC, 1931), construídas entre os ss I e II, consérvanse diversas partes, como o apoditerium e o caldarium. O entramado urbano é herdanza do urbanismo romano, as rúas Ruanova e San Pedro serían o cardo maximus e o decumano propios das cidades romanas; o foro probablemente estivese situado na barroca praza do Campo. A catedral de Santa María (BIC, 1931) comezou a construírse en 1129. A primitiva construción románica foi modificada en numerosas ocasións e na actualidade amosa tamén os estilos gótico, barroco e neoclásico. Destaca a cabeceira formada por un deambulatorio e capelas absidais góticas, agás a da Virxe dos Ollos Grandes, realizada por Fernando de Casas (1726-1734). Sobresaen tamén o cadeirado do coro de Francisco de Moure, o claustro de frei Gabriel de Las Casas e a porta norte, que conserva a traza románica. A fachada principal é neoclásica, obra de Julián Sánchez Bort (s XVIII). A carón da catedral atópase o palacio episcopal, construción do s XV reformada no s XVIII. Destacan tamén o convento de San Domingos, hoxe igrexa das Agostiñas, de orixe gótica; o antigo convento de San Francisco, restaurado ao Ser convertido en Museo Provincial (BIC, 1962), e a súa igrexa, que se converteu na parroquial de San Pedro (BIC, 1931); a igrexa de San Froilán, que pertenceu ao antigo hospital de San Xoán de Deus; a igrexa do antigo convento de Santiago (BIC, 1982), coñecida tamén como Santa María a Nova, para diferenciala da catedral; a capela de San Roque, obra de Lucas Ferro Caaveiro; e a capela da Soedade, que se estende ao longo do lateral sur da igrexa de San Pedro. No ámbito da arquitectura civil destacan a casa do concello (BIC, 1972), obra do s XVI reformada por Lucas Ferro Caaveiro e Pedro da Silva no s XVIII coa construción dunha fachada barroca; as casas brasonadas, o pazo da Maza e o pazo de Sangro; o pazo da Deputación Provincial, construído por Ángel Losín en 1886; e o Círculo das Artes, obra ecléctica de Luís Bellido (1896). Entre as institucións culturais da cidade cómpre destacar o Museo Provincial, o Museo Diocesano, o Museo Tesouro Catedralicio e o Círculo das Artes. A festa máis relevante do concello é a patronal de san Froilán, entre o 4 e o 12 de outubro e na que destaca o domingo das mozas. Foi declarada de Interese Turístico Galego, como a do Corpus, coa tradición que persiste desde o s XVII da ofrenda a Xesús Sacramentado realizada polos alcaldes das sete capitais do Antigo Reino de Galicia o domingo seguinte ao Corpus. Destaca tamén a Semana Santa coa celebración de diversas procesións. Entre as festas laicas sobresae o Entroido.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Lugo
Extensión 329 Km2
Poboación Total 93853 h
Poboación Homes 43767 h
Poboación Mulleres 50086 h
Densidade de poboación 285.27 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias