lulismo
(< antropónimo R. Llull)
Corrente filosófica creada por Ramón Llull. Influída por autores latinos do s XII e polo pensamento oriental, presenta un carácter teocéntrico, Deus é o principio primeiro, e ten como finalidade apoloxética converter os homes mediante a destreza de converter proposicións. Trata da relación Deus-mundo a través dunha serie de categorías, os principios absolutos e relativos, que son o soporte metafísico do sistema filosófico. A doutrina dos principios complétase coa teoría dos correlativos, orixinados nas formas nominais dos verbos transitivos: o participio de presente como forma activa, o de pasado como pasiva e o infinitivo como nexo entre ambas as dúas. Da nova teoría, eixe da teoloxía lulista, dedúcese a racionalidade da Trinidade e a Encarnación. O aspecto enciclopédico do lulismo manifestouse nos intentos de unificación de todo o saber científico, teolóxico e filosófico medievais, en función do que se construiría un sistema total do Universo, ao redor do home, do mundo e de Deus. A antropoloxía luliana, foi de raíz agostiña; defendeu que o home nace da unión do corpo e da alma, que actúa a través da memoria, o entendemento e a vontade (potencias), das que son instrumentos o pensamento, o apercibimento, a consciencia, a sutileza e a coraxe (sentidos espirituais). Esta antropoloxía comportaba unha ética: o home é quen de percibir e levar a termo o fin para o que foi creado: coñecer, amar e servir a Deus. O soño da unidade de coñecementos e de crenzas estendeuse ao ámbito político, no proxecto dunha comunidade universal de pobos, colocada baixo a arbitraxe suprema do papa. A filosofía luliana culminou na mística; a arte era un proceso lóxico e un método de contemplación. O inquisidor Nicolau Eimeric logrou que Gregorio XI condenara o lulismo en 1376, pero Martiño V invalidou esta condena (1419). No s XVIII o pensamento luliano mereceu a atención de Leibniz e a edición dos 10 volumes das Opera omnia (1721-1740).