luminotecnia

luminotecnia

(< lat lumen ‘luz’ + -tecnia)

s f [FÍS]

Técnica da iluminación, con luz artificial, de espacios abertos e pechados e con fins funcionais ou artísticos. Fundaméntase na fotometría, na estética e nos principios fisiolóxicos e hixiénicos da visión. A luminotecnia emprega diversas magnitudes fotométricas, como a cantidade de luz, o fluxo luminoso, a intensidade luminosa, a iluminación, a luminancia e o rendemento luminoso. Tamén emprega conceptos, como o plano de traballo, o factor de utilización, o de uniformidade ou o índice do local. A luz artificial pode ser producida termicamente (por incandescencia, arco, combustión de gases) ou sen produción de calor (por fluorescencia, descarga gasosa) e para obtela empréganse as lámpadas. Para estudar e proxectar unha instalación luminotécnica cómpre analizar diversos aspectos, como a reflexión da luz, ao pasar dun corpo ou medio a outro; a absorción de luz por parte dos diferentes materiais, e a difusión ou reflexión irregular, en diversas direccións. O reparto de fluxo luminoso dun foco no espazo está indicado nuns diagramas polares, denominados curvas fotométricas. O nivel de iluminación depende do tipo de traballo a facer ou do ambiente considerado.